#Alevíns #Benxamíns #Cadetes #Fútbol Base #Infantís #Prebenxamíns #Xuvenís

2017/2018, a temporada do fútbol base lucense

Este non é un artigo convencional, é un artigo de noraboa. Noraboa dirixida a todas as persoas que integran o fútbol base lucense, e que conseguiron facer histórico este ano, por medio do traballo e do esforzo pero, sobre todo, do amor ao fútbol. Así, Futbolinlugo fai hoxe un pequeno balance do que foi a temporada para os nosos rapaces e rapazas!

Comezando polos máis pequenos, aqueles que aínda xogan a Fútbol-8 nun campo reducido, os prebenxamíns, benxamíns e alevíns. Como sempre dicimos, os resultados nestas categorías son o de menos, así que o que destacamos é a aprendizaxe dos nenos e nenas, tanto a nivel futbolístico como persoal, os amigos que os cativos van facendo, e a deportividade que reina nos campos todos os fines de semana.

Cómpre destacar, porén, a participación de distintos equipos no Campionato Galego, experiencias que quedan por sempre grabadas na mente dos pequenos. Noraboa, por tanto, a CD Lugo, SDC Residencia e AFD Porto Burela.

En infantís, o maior éxito ata o momento foi o ascenso da SDC Residencia á Liga Galega. Asemade, a SCD Milagrosa estáse a xogar o ascenso nunha eliminatoria a dobre partido ante o Lalín. Na Liga Galega, precisamente, foi onde competiron EF Polvorín, facendo así historia en Montirón, e CD Lugo, realizando unha gran campaña. O CP Calasancio deixou alto o nome da provincia no Grupo Sur.



Agardamos que a Milagrosa acade o ansiado salto de categoría e, por último, aínda estáse a disputar un último título, a copa. Sorte a todos!

Xa en cadetes, o CD Lugo contou cunha gran representación na División de Honra e na Liga Galega, onde tiveron lugar os derbis provinciais ante Viveiro e Racing Villalbés. O ano que ven, serán un mínimo de catro os equipos lucenses en Liga Galega, ao ascender a SCD Milagrosa, pero poden chegar a ser cinco se a SDC Residencia supera a súa última eliminatoria ante o San Tirso «B». Hai igualmente representación lucense no Grupo Sur co CP Calasancio. Tamén se está a disputar a copa en idade cadete.

Por último, en xuvenís, a SDC Residencia volveu ao seu lugar, a Liga Galega, tras unha impecable temporada, e o Porto Burela pode conseguir o mesmo se supera ao As Pontes. En Liga Galega, o Viveiro realizou unha dignísima campaña, ao igual que o CD Lugo «B» na Liga Nacional.



Na División de Honra, tivo lugar o histórico derbi entre CD Lugo e Racing Villalbés. Este último tamén contou con representación na Liga Galega, de onde por desgracia o equipo descendeu, aínda que facendo unha gran competición. O CP Calasancio salvou a categoría no Grupo Sur.

Sen dúbida, o 2017/2018 foi un ano histórico para o fútbol lucense, especialmente para a base. Será difícil superar unha campaña tan magnífica, pero agardamos poder tragarnos estas palabras pronto. Gracias a xogadores, corpos técnicos, directivas e familiares por axudar na consecución de tantos éxitos!

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *