O PM Friol fíxose aínda máis líder despois de superar ao Sárdoma nun encontro deses que fan afección. E deixan aroma de campión. Xa que as lucenses precisan un só punto para selo. O importante é que o acceso á próxima Terceira RFEF está asegurado. Xa que aínda caendo ao terceiro posto (no peor dos casos), a nave presidida por Geluco Villar estaría entre os mellores terceiros da categoría. E así conqueriría o ascenso igualmente.
O partido foi intenso, cun Sárdoma que entrou moi forte e mellor ao mesmo. O cadro de Covi creceu co paso dos minutos pero serían as visitantes as que se adiantaron no marcador, nun rexeite dunha falta. Na reanudación, as locais buscaron o empate pero o rival puxo o 0-2 nunha contra. Lonxe de dar todo por perdido, o PM Friol transformou a súa rabia en fútbol e goles. E remontou con tres goles nos últimos vinte minutos.
Pola súa parte, o filial colleitou o mesmo resultado ante o Tomiño na Reigosa. Os ataques impuxéronse en todo momento ás defensas. As visitantes adiantáronse por dúas veces no electrónico. Anabel igualou en ambas ocasións. Nerea Lombardero puxo a guinda e os tres puntos no minuto 90.
No outro partido con representación lucense, desta fase de permanencia da Primeira Galega; o Antas asinou un importante triunfo na súa visita ao Barbanza. O equipo de Melendo dominou e dispuxo de ocasións suficientes como para non sufrir tanto como o fixo ante o Boiro. Abriu a lata no ecuador da primeira metade e aumentou as diferenzas no inicio da reanudación. Un gol local meteu o medo no corpo ás lucenses, que sentenciaron no tramo final cun tanto de Noe Pires.
Resultados da xornada
PM Friol 3-2 Sárdoma
PM Friol 3-2 Tomiño
Concello de Boiro 1-3 Antas
Chantada 6-1 Comercial
Milagrosa 1-2 Bandeira
Touro 1-0 Carballedo
Cruces 1-3 San Roque
A Milagrosa colle billete para o play off polo ascenso a pesares da súa derrota
Non foi unha boa xornada para os nosos representantes da Segunda Galega. Salvo para o San Roque e Chantada, únicos lucenses gañadores nesta pasada fin de semana. Aínda así, esta data serviu para definir os postos para as eliminatorias polo ascenso. Pase o que pase na derradeira xornada; o Chantada será segundo e o Monte Forte, terceiro. A cuarta posición é cousa da Milagrosa.
No derbi da semana, o Chantada aproveitou a súa gran posta en escena para mandar por 2-0 ao cuarto de hora de xogo. O control e dominio do partido era das de Álex Cambeiro, que concederon o gol da Comercial nunha falta lateral. Os despistes defensivos estanlle a costar tantos evitables a un Chantada, que precisa corrixir estos erros para competir de ti a ti na fase de ascenso. A segunda metade deixou unha boa versión local e as do Sangoñedo remataron goleando, cun hat trick de Ángeles incluido.
O outro triunfo lucense foi cousa do San Roque, o segundo da súa historia e ante o mesmo rival. Nai, autora dun dobrete, adiantou a un conxunto verdibranco superior. As de Quiroga perdonaron moitas ocasións e viron como o Cruces igualaba no tramo final. Porén o San Roque non dera a súa última palabra e levouse o gato á auga con dous goles nos derradeiros quince minutos. Xustiza para a superioridade lucense.
No entanto, a Milagrosa e o Carballedo caeron nesta data. O revés das rapazas de Héctor tivo final feliz, xa que estarán nas eliminatorias polo ascenso ao caer a Comercial co Chantada. A escadra branquivermella non deu coa tecla nunha primeira metade que rematou cun 0-2 en contra. Leire foi fiel á súa cita co gol e manteu a emoción ata o asubío final do colexiado.
Por último, o Carballedo deixou os puntos nun duelo igualado e con escasas oportunidades. As do Catro Ventos fallaron e o Touro fixo o único gol do partido desde o medio campo, aproveitando o aire que sopraba sobre o céspede. O Monte Forte descansou nesta xornada.
Éxito rotundo das seleccións galegas
Os combinados sub17 e sub15 galegos clasificáronse de xeito brillante para as finais do Campionato de España. Mención especial merecen a monfortina Carmen Carballada, titular nos dous partidos disputados pola selección sub17; e a adestradora Alba Meilán (sub15).