#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Os protagonistas lucenses da Terceira

A primeira categoría do fútbol modesto inaugura a temporada 2017/2018 esta fin de semana. Alí, haberá só un representante lucense, a diferenza dos dous que houbo estes últimos anos, xa fosen Castro ou Ribadeo. O Racing Vilalbés representará a provincia na que será a súa décimo sexta participación na Terceira. O conxunto chairego segue apostando pola continuidade, a pesar das baixas de futbolistas importantes que suple con poucas fichaxes e unha nova aposta pola canteira.

Catro baixas de peso

O verán deixou ao Vilalbés sen un dos seus grandes referentes no ataque nas dúas últimas temporadas. Un dos xogadores máis desequilibrantes da división, Gerardo Carrera decidiu continuar a súa carreira deportiva un pouco máis ao norte e fichou polo Somozas. A camisola verde e branca do equipo de Ferrolterra tamén a vestirán este ano Hugo Criado e Álex. Dous dos capitáns do Racing deixan o brazalete despois de ser guías do equipo dentro e fóra do campo os últimos anos. Outro que deixa a competición é o porteiro Viuski, aínda que non o club, xa que pasa a ser o adestrador de porteiros do Vilalbés. Con respecto a pasada campaña tampouco seguen o mediocentro David García que fichou polo Laracha nin o lateral Álex Cabarcos que volveu o As Pontes para tentar o ascenso dende a Preferente.

Un regreso e tres fichaxes de renome



Pola súa banda, as fichaxes non foron moitas, pero a conciencia. Produciuse o retorno do medio centro Alberto Lamas «Make» despois dun ano na SD Compostela. A volta de Make combínase cunha alta con experiencia en Segunda B como a do central Antonio López, ex do Somozas e do Racing de Ferrol, entre outros. E tamén con xuventude, a do atacante Álex Pérez que xa pasou pola canteira do Deportivo e os últimos dous cursos xogounos no Bergantiños; e a de David Buyo, un lateral esquerdo con gran tendencia ofensiva procedente do As Pontes. David é fillo do ex-porteiro Paco Buyo.

Nova aposta pola canteira

Na vindeira temporada o Racing Vilalbés terá un equipo xuvenil en División de Honra e outro na Liga Nacional

As incoporacións compleméntanse coa chegada de xogadores da canteira procedentes do Racing Vilalbés xuvenil que conseguiu o ascenso a División de Honra. Dani Montes reforza o lateral dereito e David Vérez o centro da zaga. Ademais, nun principio, Manu Roca tamén formará parte do primeiro equipo apuntalando así, o lateral esquerdo. Outros xuvenís estiveron facendo a pretemporada co primeiro equipo coa idea de que intercalen co xuvenil. Xogadores como o porteiro Duarte ou Moreda, entre outros.



 

 

Unha columna vertebral fiable

E todos estes futbolistas súmanselles aos que deron o «si quero» a seguir unha temporada máis pola Magdalena. O capitán seguirá sendo o incombustible Pablo Vivero. A portería está cuberta con Marcous Souto e Javi Pita. Na parcela defensiva tamén continúan Diego López, Muíña e Xusto. No tocante ao centro do campo seguen os irmáns Javi e Jose Varela, xunto con Rubén Gómez e un home da casa como Diego Villares. Aarón e Sergio Arias continúan na zona de ataque.

En definitiva un cadro de xogadores curto, pero coa idea de tirar dos homes da casa en caso de urxencia. Agás algunha oportunidade do mercado, o equipo presidido por Paco Ruiz non fichará máis futbolistas neste verán, polo que todo se centra xa no inicio ligueiro deste domingo ante o Bergantiños (As Eiroas, 18:30h). Unha temporada coa pretensión de seguir mellorando, sabendo da dificultade de superar o quinto posto do ano pasado nunha Terceira chea de grandes equipos.



Os lucenses da Terceira

Ademais do Vilalbés, a representación lucense tamén recae nos xogadores da provincia que están espallados por outros equipos da categoría. Unha competición que, a pesar das baixas de Fabril, Rápido de Bouzas e Cerceda parece que non vai deixar indiferente a ninguén; polo menos, en canto a calidade dos distintos cadros que conforman a Terceira.

Seis lucenses no Somozas

Dous lucenses pelexarán por un posto na portería do Somozas

Un deses equipos que máis se reforzou foi o Somozas que tivo que traer a todos os futbolistas novos. E alí terán o seu protagonismo seis lucenses. A portería estará defendida por homes da provincia. Marcos Valín (tras deixar o Cerceda) de Guntín e Ramón Rodríguez (despois de marchar da canteira do Deportivo) de Sober. Ás chegadas xa comentadas de Álex e Hugo Criado, tamén hai que falar de dous xogadores procedentes do Celta xuvenil. O defensa Pedro Delgado de Chantada e o medio centro Álex Rey, irmán do viveirense Javi Rey (actual xogador do Polvorín).

Un reforzo lucense de luxo para o Bergantiños

Outro conxunto que preparou un equipo a conciencia para ser referencia na categoría foi o Bergantiños que seguirá contando coa parella de centrais habitual na última temporada. O vilalbés Roberto Prieto e o monfortino Iago López. A eles úneselles Pablo Antas. O monterrosino chega procedente do Somozas despois de sufrir unha lesión no último ano que lle impidiu render ao seu bo nivel habitual na Segunda B.

Presenza en nove equipos máis

Segue contando con representación lucense o histórico Compos, que tentará o ascenso, con Diego Rey e Santi Gegunde como dous dos futbolistas a ter en conta. A representación tamén está presente no Choco, co medio centro Alberto Suárez, un fixo na última temporada; ao igual ca Michi Leal no Silva. Outros van en busca de comezar un novo futuro como é o caso de Sergio Cabanelas. O porteiro monfortino tentará relanzar a súa prometedora carreira nun dos conxuntos con maior afección da categoría e que tamén formou un gran grupo como é o Barco. Ese novo futuro tamén o persigue Álex Diéguez que despois de deixar o xuvenil do CD Lugo formará parte do Ourense CF na súa primeira campaña en Terceira. O mesmo tentará o vilalbés Víctor Eimil que no seu último ano de xuvenil probará sorte noutro recén ascendido, o Laracha. No Barbadás quédase o xoven monfortino Asier Seijas que pelexará por un posto na mediapunta despois de convencer ao adestrador Moisés Pereiro na pretemporada. Por último, nun principio, o defensa Martín López Ross quedarase noutro equipo que chega dende a Preferente, o Cultural Areas.

En resumidas contas, aínda que sen excesivo papel protagonista en canto equipos, a calidade lucense espallarase por máis de media Terceira División. E dende xa, porque isto comeza. A Terceira 2017/2018 está petando na porta.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *