#Sin categoría

Edu Rodríguez (Club Lemos): «É posible situar o clube onde se merece cos xogadores da comarca»

Logo de pasar unha moi mala campaña en Preferente, deportiva e extradeportivamente, que rematou co Lemos en Primeira Autonómica, podemos decir que esta que vén de rematar foi a temporada da ilusión en Monforte.

O pasado mes de xullo, Óscar López convertíase no máximo mandatario do histórico clube monfortino, e deulle un xiro absoluto á estructura do clube. De optar por xogadores foráneos e sen apego ao equipo nen á terra, a nova directiva apostou por un plantel cheo de xogadores da comarca, e deulle o timón da parcela deportiva a Edu Rodríguez, un adestrador xoven que tamén ocupa o posto de director deportivo.

Edu Rodríguez comanda o cambio de timón do Lemos, no seu camiño de volta á Preferente

Quixemos falar co «míster» do Club Lemos, que ten moi clara cal é a súa filosofía de equipo.

FUTBOLÍNLUGO: Reestructuración total do equipo para competir en Primeira Autonómica. Como valoras a temporada que vén de rematar?



EDU RODRÍGUEZ: Cando cheguei o pasado verán marqueime deportivamente varios obxectivos. Un era contar cunha plantilla maioritariamente da comarca e outro que poidesemos ser competitivos. Hai que lembrar que cando a xunta directiva se fixo cargo do equipo, só había tres xogadores no plantel. Creo que o logramos, tendo un equipo de vinte xogadores, dos cales dezasete eran da comarca.

Sabiamos que o principal era asentar unhas bases deportivas, unha idea de xogo, pero sendo conscientes que aos nosos socios non lles vale xogar ben e perder, senón que queren que o seu equipo gañe. A verdade é que tamén conseguimos obter resultados, manténdonos invictos na Pinguela ante o penúltimo partido de liga ante o Foz. Conseguimos enganchar de novo a moitísima xente ao Lemos e cada domingo había 400 ou 500 persoas na grada, o cal ten moito mérito para ser Primeira Autonómica. Que tanta xente acuda á Pinguela di moito do traballo que estamos a facer e síntome moi satisfeito.

«Nun só ano fomos capaces de cambiarlle a xogadores e afección a opinión que tiñan deste clube»



FIL: Coa túa chegada ao clube e da nova xunta directiva, afrontástedes un cambio total de filosofía no clube.

ER: Tódolos clubes do fútbol provincial, e incluso en categorías superiores deben apostar pola xente da base, pero sobre todo nesta categoría. De que serve ter un equipo dous ou tres anos en Terceira a base de talonario? Para nós é fundamental que os xogadores teñan unha saída logo de rematala súa etapa de formación. Case tódalas xornadas estabamos xogando con nove ou dez futbolistas da comarca, e pra min esa á clave para voltar a situar o Lemos onde debe estar. E creo que o podemos lograr coa xente de aquí.

Equipo titular do Lemos na Pinguela ante o Bóveda

FIL: Ademáis este ano contaredes cun equipo filial.

ER: Si, este ano teremos ao Lemos B, co obxectivo que xa comentaba. Se un xogador da zona non pode xogar no Lemos que o poda facer no seu filial. E a todos eses xogadores lles imos dar a oportunidade, tanto os procedentes do Calasancio como do Monforte.

FIL: Xa fai un tempo que se anunciou a túa renovación. Como foi o acordo?



ER: Foi sinxelo. O traballo que está a facer a xunta directiva creo que é o correcto. Se non fora así sería máis difícil. Mentras se cumplan os obxectivos que nos marcamos eu vou continuar no proxecto. É importante darse conta como estaba todo cando chegamos, moitos futbolistas non querían saber nada do Lemos. Nun ano conseguimos cambiarlle ese punto de vista a moitos xogadores e afeccionados.

«Denis adáptase á nosa idea de xogo, é unha incorporación importante»

FIL: Tamén selastes xa a renovación de gran parte do plantel, pero faltan pesos pesados como Diego Arias ou Adrián Armesto.

ER: Falta por renovar Diego Arias, Armesto, Anthony, Diego Quiroga, Iván, Lucas Costa e Agustín. Os dous que ti dis foron moi importantes nesta última temporada, pero nunca falarei de individualidades por enriba do colectivo. Evidentemente Diego Arias marcou 26 goles e é o xogador que é. Logo Armesto tamén marcou 16 e contribuiu moito dentro do equipo, pero Gonzalo Torres puxo o seu gran de area, Arturo o seu…os que menos xogan tamén, por iso prefiro destacar o traballo colectivo sempre.

O capitán Diego Arias é un dos xogadores pendentes de renovar para a vindeira temporada

FIL: A primeira incorporación é a de Denis, que chega do Ferreira. Un xogador de ataque con experiencia na categoría e tamén en Preferente.

ER: Si, é un xogador da zona, con experiencia en categorías superiores que se adapta perfectamente á nosa idea de xogo. Técnicamente é moi bo xogador, con moito dinamismo, capaz de asociarse, con desborde e con gol. Unha incorporación importante para nós.

«Vai ser unha Primeira Autonómica moi competitiva e igualada, pero temos que pensar en nós sen mirar aos rivais»

FIL: Non está aínda confirmado ao completo o grupo de Primeira Autonómica na nosa provincia, pero a priori pode ter un nivel superior ao deste ano.

ER: Teño moi claro que vai ser máis complicado. Esperemos que Compos ou Racing Vilalbés ascendan  para que o Viveiro non baixe, pero se non logra manter a categoría será máis difícil se cabe. Temos que pensar en nós, no noso obxectivo que é o ascenso e sen mirar a outros rivais, sabendo que hai unha dificultade engadida que é que baixan moitos equipos da Preferente. Residencia, Outeiro de Rei, Escairón, e logo os que xa están, Chantada, Xove Lago, Riotorto…e logo os equipos que suben de segunda, o Friol ten xogadores que poden marcar diferencias en Primeira, Pol vai facer un bo equipo e Burela por historia, instalacións…é un equipo que vai dar guerra.

Vai a ser unha categoría moi competitiva e moi igualada e o equipo que sexa máis regular e afronte os partidos coa intención clara de sacalos tres puntos terán moito andado de cara a estar arriba. Pero que sexa máis difícil non é excusa, se nos marcamos un obxectivo de ascenso hai que conseguilo. Non facelo non sería un fracaso, pero sí unha decepción.

FIL: Aínda non rematou esta temporada. O sábado tedes encontro de Copa Deputación na Pinguela ante o Chantada.

ER: Afrontamos a Copa coa máxima ilusión posible, pero temos moitísimas baixas, ata sete. Isto pon as cousas un pouco máis complicadas na eliminatoria, pero os que estemos daremos o mellor para tentar avanzar na competición.

Edu Rodríguez (Club Lemos): «É posible situar o clube onde se merece cos xogadores da comarca»

O partido da xornada . . .

Edu Rodríguez (Club Lemos): «É posible situar o clube onde se merece cos xogadores da comarca»

Diario dun Mercado. Capítulo Piloto

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *