O regreso dun histórico

Un histórico do fútbol lucense e galego ascende de categoría. O novo proxecto iniciado polo Lemos hai dúas temporadas ve cumprido un dos seus principais obxectivos. Despois de pelexar a temporada pasada, este curso case que non soltou o liderado. Dominou por completo unha categoría e consigue o ascenso a cinco xornadas para o final. A súa vitoria ante outro equipo que pelexa polo ascenso, o Outeiro; xunto con outros resultados da xornada posibilitou a subida de categoría. A celebración xa foi importante, pero intuimos que aínda continuará principalmente nos partidos que ao equipo adestrado por Edu Rodríguez lles quedan por xogar na Pinguela. Creo que moitos na provincia pensan que como mínimo a Preferente é a categoría que lle debería corresponder a este equipo. Parabéns!

Celebración Alfoz

O Alfoz continúa de celebración. Non é para menos. O equipo comezou esta fin de semana a fase previa da Copa despois do ascenso conseguido hai quince días. Empatou na casa ante o outro equipo ascendido, o Muimenta. A igualada a un gol dálle unha mínima vantaxe aos celestes no partido de volta no Pichón. Pero nada está feito nin moito menos. Tralo partido, o Alfoz tivo cea e continuou a festa na macroverbena de Mondoñedo. De todo isto, deixaron boa proba nas redes sociais.

O San Lázaro volve ter escola

Despois dunha fin de semana de festas no barrio da Ponte e a boa liña que mantén o equipo sénior no grupo sur da Segunda Rexional, o San Lázaro comunica a intención de volver crear a súa Escola Deportiva. Dentro dunha semana, coincidindo coas vacacións de Semana Santa para os cativ@s, haberá no club unha xornada de portas abertas.

 

Unión entre Ourense e Carballedo

Aproveitando o parón da competición da Segunda Galega feminina o Carballedo e a EFF Rosalía de Ourense xogaron un partido amigable no Catro Ventos da Barrela. Os dous equipos sénior están no seu primeiro ano de vida, aínda que o cadro ourensán xa contaba con formación base. Como narra a propia crónica do Rosalía “o marcador final non ten importancia neste tipo de encontros. Dende a directiva moi contentos de ter unhas novas amigas coas que no futuro pensamos ter máis contacto e realizar máis actividades conxuntas”. Seguramente ese futuro está moi próximo.

Deporte, música e literatura

Este luns chegou a Lugo, Martiño Suárez. O escritor de Burela presentou na Librería Trama o libro “Bestiario do vestiario. Segundo tempo”, unha colecta de pequenas historias relacionadas co deporte que non adoitan verse no día a día. No apartado das dedicadas ao fútbol, tamén hai algunha que outra relacionada co balompé da provincia. A presentación estivo animada polos Grampoder, onde tamén participa Martiño. Igual algunha historia relacionada con “arbitrucho” queda para un terceiro libro. Pero nós xa a podemos gozar.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*