Esta fin de semana comeza a temporada na 3ª RFEF con tres representantes lucenses. O inicio ligueiro do Viveiro, o Racing Villalbés e o Polvorín estrean a sección desta campaña no SER Deportivos Lugo de Radio Lugo Ser por parte de Futbolinlugo, ‘O protagonista da xornada’. Cada martes, un protagonista do fútbol masculino lucense pasará polo programa.
A presentadora do programa, Sara Meijide, e o redactor de Futbolinlugo Iván Calaza conversaron este martes co xogador do Viveiro, Marcos González. O centrocampista inicia un novo ciclo na súa carreira deportiva logo de doce anos na estrutura do CD Lugo. «En pretempora estivemos xogando contra o Polvorín e cando fixemos o primeiro saúdo pensei, a ver se os confundo (risas)», comentou Marcos.
Pódese escoitar o audio da entrevista no SER Deportivo Lugo no seguinte enlace: Entrevista Marcos González (07-09-2021).
«A maioría dos compañeiros xa os coñecía. Xa me dixeron que o grupo era de dez. Só falta que a primeira xornada gañemos para que a adaptación sexa 100%», afirma o centrocampista sobre a súa chegada ao vestiario celeste. «No adestramento Xaime dá algo a vara pero apréndese moito con eles», asegura entre risas.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
A tradicional Terceira Galega cambia este ano por mor da reestruturación no fútbol semiprofesional español. A categoría pasa a ser agora a quinta división do balompé estatal. O grupo de Galicia está conformado por 17 equipos, polo que un deles descansará cada xornada. Algo que lle acontecerá ao Polvorín esta fin de semana.
O Viveiro e o Racing debutan a domicilio. O cadro vilalbés visita ao Fabril e o viveirense ao Choco. «Sabemos ao que nos temos que adaptar. É un equipo ao que lle gusta ter o balón, temos que pecharnos atrás e buscar oportunidades. O Choco é un dos candidatos a loitar por ese ascenso», salienta Marcos.
O novo centrocampista do Viveiro ten claro que o obxectivo «é a permanencia». E puxo un dato en riba da mesa: «dentro de dous anos é o centenario do club e a ver se podemos facer que chegue sendo equipo de 3ª».
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Adeus do CD Lugo:
Marcos González falou tamén da súa saída da estrutura do CD Lugo. «No Polvorín xa tiña pensado que ía ser o último ano porque a maioría dos xogadores cos que tiña máis relación xa marchaban».
A aposta por quedar na provincia provocaba que tivese só dous destinos posibles. «As opcións eran Viveiro ou Villalbés. Decanteime pola primeira ao ser os que máis cedo me chamaron e por ter alí a amigos cos que xa cogara como Manu Cedrón ou Pablo Rey», concluíu.