O Celta Barreiros foi o primeiro equipo que comezou os seus adestramentos na nosa provincia. O conxunto celeste, aínda coa incógnita da data na que arrancarán as competicións, decidiu poñerse en marcha. As amplas dimensións do Cascabeiro facilitan os adestramentos físicos individualizados, e desde o clube amósanse encantados co compromiso de tódolos xogadores.

Falamos con Víctor Couto, director deportivo do cadro barreirense, un home polifacético, que compaxina á perfección a súa vida profesional, o fútbol e tamén a política, ao exercer como concelleiro en Foz. Amósase ilusionado e optimista co equipo confeccionado para a vindeira temporada.

FUTBOLINLUGO: Sodes o primeiro clube da provincia en comezar a pretemporada. Como foi a decisión de poñervos xa en marcha?

VÍCTOR COUTO: A verdade é que foi unha decisión complicada de levar adiante, principalmente porque cando vimos os documentos que nos enviou a federación, parecíanos algo imposible de levar a cabo nestas categorías. Pero vendo o gran plantel que temos e as ganas de baixar os excesos destes meses parados, tanto Fran coma min, coa axuda de Armando Otero e a directiva, decidimos poñernos a traballar. É importante facer as cousas ben, e que os rapaces viran o compromiso que queremos que haxa.

FIL: Facedes adestramentos individualizados seguindo a normativa vixente. Como os estructurades?

VC: Por unha vez as amplas dimensións do Cascabeiro axudan (risas). Poñemos catro horarios distintos ao longo do día (dous de mañá e dous de tarde) nos cales nós marcamos as horas a cada un en función da dispoñibilidade de cada xogador para separar a xente bastante. Unha vez na entrada, medimos a temperatura coa famosa pistola dixital, dámoslles xel hidroalcólico e temos mascarillas para quen queira cambiala, sendo obligatorio o uso dela en todo o recinto e vestiarios pechados. Temos o campo dividido por sectores, tantos como exercicios físicos se vaian facer ese día. En cada sector catro picas separadas a catro ou cinco metros asignadas a cada xogador para obrigar a que cada un use o seu material sen tocar nada máis. Unha vez rematan desinfectamos todo. É moito traballo, pero temos claro que  o principal é a saúde e debemos levar todos un control exhaustivo.

FIL: Como se xestiona esta nova normalidade nun deporte tan de equipo como é o fútbol?

VC: Sorprendentemente ben. Cando todos poñen da súa parte todo é máis fácil. Loxicamente notan en falta moitas cousas, sobre todo o balón, pero tamén saben o que hai. Temos uns xogadores dos que debemos estar orgullosos do seu compromiso.

FIL: Como ves o comezo das competicións? Ves factible que se xogue ao fútbol neste ano?

VC: A verdade é que o comezo vese un tanto escuro. Vendo a situación actual da pandemia todo leva a pensar que ata finais ou incluso ata primeiro do próximo ano non comezaremos. Aínda así, o máis importante é que sexa seguro ao cento por cento para todos. O prioritario é a saúde.

FIL: Podería o Celta Barreiros afrontar unha temporada sen público no Cascabeiro?

VC: Lamentablemente sí que se podería, xa que, nestas categorías a afluencia de público aos campos cada vez é menor. Pero eles son a esencia dos clubes, ver aos vecinos do pobo no Cascabeiro os sábados ou domingos e sentarse alí a carón dos xogadores, criticando cando as cousas non van ben ou aplaudindo cando saen mellor . . . . eso ten que volver!.

FIL: Xa no plano deportivo, renovastedes a maior parte do cadro de xogadores da pasada campaña, pero con baixas importantes como Álvaro, Jorge ou Celeiro. Cal é o obxectivo neste segundo ano na categoría?

VC: O obxectivo témolo claro, ou polo menos eu. Teremos mellor plantel que o ano pasado con diferencia. Confío moito no traballo de Fran, e sobre todo nos xogadores que están aquí. Prometinllo a unha persoa moi especial e agora tócame corresponderlle, polo que imos a polo ascenso.

FIL: Recentemente anunciástedes a fichaxe de Soto, que se une a Carracha, Aitor e Pedro. Que cres que lle aportarán ao equipo?

VC: Este ano buscamos xogadores para mellorar en zonas nas que estábamos con menos efectivos. Unha temporada é longa e o equipo debe estar compensado. Carracha é un lateral diestro moi rápido e versátil, de calidade que na súa última etapa de curto era titular no Foz. Vén con gañas de unirse logo de tres anos lonxe dos campos. A Soto xa o coñecemos, de enfrontarnos a él e facernos goles cando xogaba noutros equipos. Un xogador dos de antes, con compromiso e ganas, que sabe utilizar moi ben as súas cualidades e sobre todo con gol chegando desde segunda liña. Pedro é un rapaz moi novo que se crio una canteira do Foz, do que os seus compañeiros falaban moi ben, lateral zurdo técnico e áxil. Aitor ten moita calidade que chega desde o fútbol sala, moi rápido e con moita ilusión por volver a xogar ao fútbol.

Equipo titular do Celta Barreiros a pasada temporada diante do San Ciprián

FIL: Ides realizar máis incorporacións ou dades por pechado o cadro de xogadores?

VC: Si, xa temos dúas pechadas pendentes de anunciar e outra en conversacións. Se pechamos os tres apagamos o fax e pechamos o mercado (risas).

FIL: Este ano vestiraste de curto ou xa farás exclusivamente labor de despacho?

VC: Contaba con vestirme de curto no Derbi das Praias no Cascabeiro, pero por desgraza non se chegou a disputar. Estou moi agusto levando a xestión deportiva por terceiro ano, e polo de agora están saíndo moi ben as cousas. Creo que todos están contentos coa miña labor, así que o meu posto xa queda no despacho.

FIL: Como te organizas para sacar tempo para a túa actividade profesional, o fútbol e tamén a túa labor como concelleiro en Foz?

VC: Pois é complicado. O traballo é do que vivo. A política pilloume de novo o ano pasado, pero é algo que estou moi contento de facer, e ao comezo quixen adicarlle máis tempo para aprender e facelo o mellor posible e que os vecinos vexan o traballo que se pode facer polo pobo. E o fútbol, sen dúbida, aínda que sexa de forma indirecta, quizáis é o que máis tempo me saca dos tres. Son unha persoa que me gusta que se fagan as cousas ben, e para que iso pase quero estar pendente de case todo. Por sorte involucreime neste clube desde cero e a verdade é que non me arrepinto de nada, aínda que por veces me acabe coa saúde (risas). Ás veces, logo dun día estresado, os compañeiros fanme disfrutar nun adestramento, así que o considero como un hobby do que disfruto. O peor é a moza e a familia, que son quen levan a peor parte, xa que os vexo menos do que quixera, pero cando ten ven disfrutar do que fas, eles enténdeno.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*