Foto de portada: Mariluz Fagín

O Tres en Raia da 7ª xornada da Terceira Rexional. O regreso á competición mantén ao Fonsagrada na cabeza do grupo norte e á Milagrosa na do sur. O Cazás e o Sober descansaron esta xornada.

O Fonsagrada continúa mandando no grupo norte aínda que non foi quen de gañar na pasada xornada. Igualou sen goles ante o Lugo Unión. Iso si, mantense invicto. E só cun gol encaixado. Por cuarto partido seguido, Jorge deixou a portería a cero. No cadro capitalino foi titular Roberto. O central volveu a pasada semana cos seus. Xa xogara o curso anterior, pero marchara por motivos laborais. O Lugo Unión entrou nos postos de promoción (cun partido máis ca os seus predecesores) Na segunda posición amplía vantaxes e recurta diferenzas a SD Viveiro. Diferenza de tres puntos co Friol B que foi o seu rival. E agora a un punto do líder.

Completan os postos de promoción o Matela e o Catro Roldas. O equipo de Román venceu con claridade na Fonte ao Rioaveso. Alí segue exiliado o cadro adestrado por Veiga mentres non estea Paraños apto para a práctica do fútbol. Forlín tívose que poñer baixo paus no conxunto amarelo. Non é a súa posición natural pero xa non é a primeira vez que viste as luvas. Non obstante, na recta final do encontro foi expulsado. Os últimos minutos Carracedo asumiu a responsabilidade baixo paus. Mantivo a porta a cero. Nun encontro no que Soto sumou un novo dobrete. Pola súa parte o Matela sumou un novo empate. Foi na súa visita a Comercial. Leva catro en seis partidos. De feito, mantense invicto xunto co Fonsagrada. Ademais o Nausti aguanta a compustura dentro do campo. Aínda que outro rival volveu pasarlles por riba. Desta volta o Celeiro. O cadro viveirense logrou o segundo triunfo da tempada. Javier Teso marcou catro goles.

No grupo sur, tamén continúa na cabeza a Milagrosa. Venceu con claridade ao Castroverde. Dobrete de Anxo e de Joel. O primeiro deles xa é o máximo goleador do grupo con 8 goles. O equipo continúa invicto. Na segunda posición aséntase o Sporting Lucense. Sacou tres puntos importantes na súa visita ao Lemos B. Yoel estreouse como titular baixo paus deixando a súa porta a cero. Colocouse terceiro o Antas. O cadro de Melendo recuperouse das dúas goleadas sufridas nas dúas anteriores xornadas. Verbena de partido no Castro Seoane. Os ataques mandaron sobre as defensas. 11 goles en total. Tres levaron a sinatura de Cristian para o Antas; e o outros 3 a de Fede para o filial do Taboada.

Achégase aos postos de promoción de ascenso o Monterroso B. O filial venceu ao Relámpago Taboada pola mínima no Anexo da Medela. Segunda vitoria do curso. Catro encontros sen perder dos últimos cinco xogados. Tamén comeza a medrar na clasificación o Carballedo. Enlazou a súa segunda vitoria seguida. Derrotou no Poste ao Rubián. Un choque no que houbo oito goles. Dobrete de Rodri para os locais e dobrete crucial de Robert para os visitantes.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*