O Polvorín comezou a poñer ao día os encontros adiados ao longo da temporada por mor de diversos positivos en Covid-19, tanto propios como alleos. O primeiro deles foi o que enfrontou ao filial albivermello nas Eiroas ante o Bergantiños, correspondente á sexta xornada.

O conxunto adestrado por Álex Ortiz acadou un valioso empate (1-1) ante o líder da categoría, e único equipo invicto da Terceira xunto co Arenteiro. O encontro estivo marcado pola adversa climatoloxía, moita choiva e un forte vento, que dificultaron a labor dos xogadores no transcorrer dos noventa minutos. Malia todo, o ritmo de xogo foi alto e o Polvorín optou por ceder o balón ao seu rival e realizar unha presión alta para roubar o balón e tentar xerar así situacións de perigo. A seguridade defensiva de ámbolos conxuntos impediu que se visen moitas ocasións. A máis clara para os lucenses na primeira metade tívoa Antón Escobar, que logo dun roubo disparou desde fóra da área e o balón saiu a rentes da portería defendida por Brais Pereiro. A boa presión tras perda do Polvorín posibilitou que o filial do CD Lugo xogara moito tempo en campo contrario, aínda que sen inquietar a meta rival.

As chegadas máis perigosas do Bergantiños chegaron polo perfil esquerdo do seu ataque, con Cano xogando a pé cambiado e as perigosas incursións do lateral Aarón. Precisamente nunha delas Aarón disparou preto da escadra da portería de Julen, que volveu ao equipo titular no sitio de Ángel Fraga.

O gran susto da primeira metade protagonizouno o lucense Marcos ao chocar en carreira cunha portería de Fútbol-7 colocada moi preto dos límites do terreo de xogo. Por sorte, o golpe foi co ombreiro e o xogador do Polvorín puido seguir xogando.

Na segunda metade o Bergantiños, co vento a favor, optou por un fútbol máis vertical e logrou chegar con máis claridade á área lucense.  No minuto 58, chegou o primeiro tanto do partido. Cano desfíxose da marca de Expo e desde o vértice da área conectou un potente disparo que sorprendeu a Julen. O tanto non afectou aos de Álex Ortiz que seguiron mesmo guión.  A falta de vinte minutos para o final Iago Novo interceptou unha saída de balón do conxunto local e en combinación con Antón Escobar, o ex do Fabril batiu cun toque sutil a Brais na súa saída.

No último tramo de partido apenas houbo ocasións para desfacelo empate e o Polvorín é o segundo equipo, despois do Silva, que logrou puntuar no sempre difícil campo das Eiroas.

No conxunto lucense estreou convocatoria Carlos Torrado, a última incorporación procedente do Coruxo, aínda que non gozou de minutos. Tampouco o fixo no Bergantiños o monfortino Iago López, xa recuperado da lesión que o mantén sen xogar desde a cuarta xornada.

Os lucenses na Terceira

No outro encontro disputado, correspondente á quinta xornada ligueira, o Arzúa goleou por 6-1 ao Estudiantil no campo do Viso. Dos tres lucenses do Arzúa dous foron titulares: Álex Vázquez e Pedro Delgado. O primeiro sumou a súa oitava titularidade, mentres que o segundo voltou ao once de Javi Rey despois de cumprir tres encontros de sanción. Ámbolos dous xogaron os noventa minutos.

Brais gozou de minutos por segunda vez na temporada

Tamén tivo minutos Brais Prieto. O do Valadouro entrou no minuto 78 en sustitución de Dani Blanco no que foi a súa segunda participación na temporada e na Terceira.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*