#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Trío de Ases Terceira (Xornada 29) e Preferente (Xornada 30)

Doble triunfo lucense na Terceira. O Polvorín venceu na Cheda ao Laracha, mentras que o Racing Vilalbés impúxose no Couto ao Ourense. Na Preferente fallaron os dous conxuntos que pelexan polo ascenso. O Viveiro nun mal encontro, caeu goleado no campo do Xallas, mentras que a Sarriana viuse superada polo Ribadeo no derbi do Pepe Barrera. Na zona baixa, o Foz perdeu en Negreira e segue coa súa mala xeira, mentras que o Castro venceu ao pechacancelas no Arturo Pereiro.

O Polvorín impúxose ao Laracha na Cheda e achégase á zona media da táboa (1-0). O filial lucense foi xusto vencedor nun encontro no que levou a iniciativa. O canario Rayco errou desde os once metros na ocasión máis clara do encontro. Xusto ao voltar dos vestiarios, Cuadrado aproveitou un erro da zaga do Laracha e fixo o único tanto do partido. Moi poucas novas do cadro de Gilsanz en ataque. Tan só Boedo puido acadala igualada, pero non estivo acertado.

O Racing Vilalbés superou con autoridade no Couto ao Ourense C.F. (0-2). O conxunto chairego aventaxa en tres puntos a zona de descenso. Partido moi serio dos de Simón Lamas, que se adiantaron no marcador pasado o primeiro cuarto de hora cun gol de Xusto, no que é o quinto tanto do defensor focense nesta temporada. No conxunto local tan só Raly Cabral foi quen de asustar a Javi Pita. Na segunda metade, Juan de Dora, aos poucos minutos de entrar no campo fixo o segundo, sentenciando aos de Fran Justo. Novena xornada sen perder para un Racing que se achega pasiño a pasiño ao obxectivo da permanencia.



O Viveiro colleitou unha abultada derrota na Fontenla ante o Xallas (3-0). Peor encontro da temporada para os mariñáns, que desaproveitaron a oportunidade de manter unha ampla vantaxe na segunda posición. Álex Meitín, nun bo servicio de Marino, tivo a ocasión máis clara dos de Chusky. O primeiro tanto dos de Santa Comba chegou preto do intermedio. Rieiro aproveitou un mal despexe de Kiko para adiantar aos seus. No comezo da segunda metade chegou a acción que puido cambiar o devir do partido. Xaime errou unha pena máxima que significaría o empate. O Viveiro descentrouse e o Xallas sentenciou. Julián López, nunha boa xogada persoal fixo o segundo cun disparo desde a frontal e Álex Blanco cun tiro cruzado sentenciou o encontro.

O Ribadeo venceu á Sarriana no derbi provincial (2-0). Nun encontro sen moitas ocasións de gol, os mariñáns fixéronse co triunfo con dous tantos na última media hora de partido. Un inocente penalti dun defensa sarriao, que transformou Fernando fixo que se adiantaran os de Rafa Casanova. O gol desestabilizou a unha Sarriana que no comezo da segunda parte deu mostras de querer levarse os tres puntos, aínda que sen crear perigo ante a meta de Hugo. Unha boa xogada entre Santi e Javicho, rematou co pase deste a Vizoso, que definiu perfectamente ante Ayoub para sentencialo encontro. O Ribadeo aínda puido incrementala diferencia noutro penalti cometido polo gardameta visitante a Adrián Barrera, pero Santi enviou o balón ao longueiro.Paso atrás dos de Alberto López para facerse co segundo posto, mentras que os ribadenses aínda soñan con achegarse á promoción.



O Foz complícase a permanencia logo de caer no campo do Negreira (3-1). Sétima xornada sen gañar dos de Gayol e terceira derrota en catro xornadas ante rivais directos. Demasiadas concesións defensivas dos mariñáns que non tiveron case opcións de puntuar no García Calvo. Adrián Rial adiantou aos de Juan Cabrejo ao pouco de comezar e Asier igualou nun dos poucos achegamentos dos focenses á porta rival. Durou pouco a alegría e Rial de novo, antes do descanso fixo o segundo para os nicrarienses. Na segunda metade chegou a sentencia para o Negreira, deixando ao Foz nunha situación delicada na súa pelexa pola permanencia. Debutou no conxunto focense Luis Varela, ex xogador de Valadour e Viveiro entre outros.

O Castro logrou a segunda vitoria da temporada tras derrotar ao Estudiantil e deulle unha alegría á súa afección (2-0). Os dous tantos chegaron na segunda metade. O primeiro, nada máis comezar, chegou tras un gol en propia porta dun defensar do conxunto estradense. A sentencia fíxose agardar. A dez minutos para o final, Dumi, o capitán dos chairegos anotou o segundo.

Trío de Ases Terceira (Xornada 29) e Preferente (Xornada 30)

As nosas redes falan

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *