Pleno de empates na Terceira. O Polvorín igualou na Cheda ante o Choco mentras que o Racing Vilalbés acadou un punto na Senra ante o Ribadumia. Na Preferente o Viveiro, nun econtro con sete goles, gañou no campo do Sofán mentras que a Sarriana impúxose na Fontenla ante o Xallas nun encontro moi serio. O Ribadeo superou no Pepe Barrera ao Puebla, mentras que as peores novas chegan da zona baixa. Foz e Castro saíron goleados nos seus campos ante Ordes e Dubra respectivamente.

Reparto de puntos na Cheda entre Polvorín e Choco (1-1) nun encontro que evidenciou o bo momento que atravesan ámbolos equipos. Ritmo alto e ocasións para os dous conxuntos, con Morais no filial lucense e Félix no redondelán facendo dano nos primeiros compases. Foi precisamente o dianteiro do Choco o que fixo o primeiro tanto do partido cun sutil toque desde dentro da área ao que nada puido facer Cacharrón. Na segunda metade, mellorou o equipo dirixido por José Durán. A falta de vinte minutos para  o final, Juan Brunet logo dunha boa xogada de Cuadrado, fixo o empate. Nos últimos compases Álex Rey e Cuadrado tiveron ocasións moi claras para darlle a volta ao partido, pero o meta Cortegoso, moi acertado durante todo o partido, desbaratounas.

O Racing Vilalbés empatou no campo do Ribadumia (1-1) e segue fóra dos postos de descenso. Xa son sete as xornadas nas que o conxunto chairego non coñece a derrota. Comezou apretando o conxunto local, tendo Javi Pita que intervir decisivamente na primeira acción do encontro. Na segunda chegada nada puido facer e adiantouse o Ribadumia logo de que Buyo introducira o balón na súa propia porta. Nos seguintes minutos, os do Salnés puideron ampliar a diferencia no marcador pero entre o pao e o gardameta do Vicedo evitárono. A única ocasión do Racing na primeira metade tívoa Jose Varela. Na segunda, igualaron os de Simón Lamas, que xa fora expulsado, nun saque de curruncho que Xusto cabeceou a porta. De novo Javi Pita foi quen salvou ao seu equipo detendo un lanzamento de penalti a Hugo Soto. Nos últimos compases, Álex Pérez tivo unha ocasión para voltear o marcador. Repítese o mesmo marcador que na Madalena, así como o goleador, sendo o focense Xusto o autor do tanto na primeira volta.

O Viveiro impúxose no sempre complicado campo do Sofán (3-4) e mantén a súa renta na segunda posición. Encontro con moitos goles, no que os de Chusky gañaban por 0-4 aos vinte minutos de xogo. Álex Meitín en dúas ocasións, Poceiro e Tichu fixeron os tantos para os mariñáns. Os de Carballo estiráronse e a piques estiveron de estragala renta viveirense. O gardameta Kiko salvou ao seu equipo en varias ocasións, entre elas un lanzamento desde os once metros.

A Sarriana segue a estela do grupo de cabeza tras gañar sen apuros ao Xallas na Fontenla (0-2). Encontro moi práctico dos de Alberto López, no que Ayoub, hoxe titular na portería, foi un espectador máis. Unha defensa moi segura non permitiu un só tiro dos de Santa Comba. A Sarriana tivo numerosas ocasións, aínda que o gol non chegou ata preto do descanso, cando Omar desde a frontal puxo o balón a escadra. A segunda metade seguiu o mesmo guión, e as contras dos sarriaos eran un perigo constante. Omar e Diego Núñez tiveron as ocasións máis claras. A sentencia chegou a cinco minutos para o final, logo dunha parede entre Omar e Álvaro que culminou este último.

O Ribadeo non se rinde no seu afán de recurtar diferencias cos equipos cabeceiros, e acadou unha vitoria ante o Puebla (2-1). Novena xornada sen perder para o conxunto mariñán. Non foi un gran encontro por parte de ningún dos dous conxuntos, pero o Ribadeo foi quen tivo a iniciativa en todo momento. Antes dos dous minutos de xogo, Luki aproveitou un gran pase de Aitor para adiantalo conxunto local. Pouco durou a ledicia no Pepe Barrera xa que, Viturro aproveitou unha imprecisión da zaga ribadense para empatar. Os goles relaxaron aos dous equipos e ata o segundo tempo non chegaron as ocasións. Todas elas para os ribadenses, que fixeron o segundo nunha boa maniobra de Criss, que rematou de tixeira un balón solto tras unha falta botada por Javicho. Santi cun bo testarazo e Poratti a porta baleira puideron sentenciar. Cun desconto interminable, Viturro, o home máis destacado nos de Anxo Casalderrey, tivo a única ocasión para o seu equipo, pero deteu Javi Prieto.

O Foz caeu con estrépito ante un rival directo como o Ordes (1-5). O cadro mariñán foi unha sombra de si mesmo e os visitantes foron infinitamente superiores ao longo de todo o encontro. Antes do primeiro cuarto hora, o ex compostelanista Chiño xa anotou dous tantos. Pouco despois, Dani Chao recurtou diferencias. Na segunda metade, ámbolos conxuntos quedaron con dez, pero foi o Ordes o que se adaptou mellor á nova situación e no último tramo de encontro de novo Chiño e Víctor Hervés en dúas ocasións completaron a goleada. Os de Gayol quedan na décimosexta posición e vense superados na táboa polo seu rival de hoxe.

O Castro sufriu unha nova goleada no Arturo Pereiro, desta volta ante o Dubra (0-5). O cadro visitante deixou o partido visto para sentencia na primeira metade. Gonzalo con dous testarazos puxeron o marcador moi favorable para os visitantes, e Dumi en propia porta fixo o terceiro para os de Adrián Vázquez. Chumi e Javi Fraga tiveron as únicas ocasións para os chairegos, pero erraron. Nos derradeiros minutos de encontro, Ferreiro e Dani Moto puxéronlle a puntilla ao cadro de Brais Prados.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*