#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Trío de Ases Terceira (Xornada 22) e Preferente (Xornada 24)

A Terceira déixanos o triunfo vital do Racing Vilalbés no campo do Boiro e a derrota no Anxo Carro do Polvorín ante o líder. Na Preferente, o Viveiro impuxo a súa lei no derbi mariñán ante o Foz, mentras que Sarriana e Ribadeo acadaron sendos triunfos a domicilio. O Castro caeu no seu feudo ante o Arteixo.

O Polvorín atopouse co oficio do líder, un Racing de Ferrol moi práctico, e caeu no Anxo Carro (0-1). Esceario de primeira para un encontro de Terceira. Gozou de poucas ocasións de gol o filial lucense, unha das máis claras nas botas de Manu Núñez que se lle escapou o balón por milímetros cando tentaba rematar. Os ferroláns, moi seguros en defensa, puideron adiantarse por medio de Joselu, pero o ribeirense errou ante Cacharrón. A falta de seis minutos para o descanso, Varo, que xogou no lateral zurdo, cometeu penalti sobre Adrián Armental e Pablo Rey encargouse de transformalo. A segunda metade tiveron que afrontala os de José Durán cun home menos pola expulsión de Manu Núñez no minuto 53. O encontro trocou e o Polvorín buscou a contra coa velocidade de Morais. Apenas tivo oportunidades, salvo nalgunha acción individual de Antón Escobar. Javi Sanmartín puido sentenciar, pero o seu potente disparo bateu na cruceta. O ex xogador do C.D. Lugo, Javi Rey, un dos «heroes do Carranza» tivo os seus primeiros minutos no cadro departamental. Malia a derrota, o Polvorín segue fóra dos postos de descenso.

Importantísimo o triunfo do Racing Vilalbés en Barraña ante o Boiro (0-3), rival directo na loita pola permanencia. O conxunto chairego segue en posto de descenso, pero a só punto da salvación. Gran encontro dos de Simón Lamas, moi seguros en defensa, sen apenas conceder ocasións de gol aos locales. Aos cinco minutos de partido, Diego Villares adiantou ao Racing desde a frontal da área. Antes do descanso, Álex Pérez fixo o segundo cun gran lanzamento que se colou pola escadra de Rodri. No comezo da segunda metade, o Boiro tivo os seus mellores minutos, pero transcorrido o primeiro cuarto de hora chegou a sentencia. Álex Pérez recolleu o balón tras un rexeite e de chilena fixo o terceiro. Un auténtico golazo.



O derbi mariñán rematou de cor celeste. O Viveiro impúxose no Martinez Otero ante o Foz por un gol a tres e segue en postos de ascenso. Os de Gayol son duodécimos na clasificación. Non defraudou o encontro de rivalidade e como tal se xogou. O cadro local plantexou un encontro trabado, interrumpindo o xogo viveirense, e comezaron avisando por medio de Jesús Pablo e Gonzalo. Pero os de Chusky no último cuarto de hora da primeira metade reaccionaron e puxeron a proba a un seguro Bruzos. Álex Meitín foi quen logrou abrila lata e cun tiro axustado ao pao adiantou ao Viveiro preto do descanso. Na segunda metade, o Foz acadou o empate por medio de Bouso, ao rematar un córner. Xaime tivo a gran oportunidade de voltar poñer en ventaxa ao Viveiro. O árbitro sinalou penalti sobre Yoel, pero Bruzos detivo o lanzamento do de Outeiro. Sen embargo, non puido facer nada cando a cinco para o final, Xaime, cunha rosca perfecta anotou de falta. Arturo marcou o gol da sentencia.

A Sarriana sumou os tres puntos no Hospitalillo ante o Agolada (0-1) e segue de cheo na pelexa polo ascenso. Encontro moi igualado, sen que ningún dos conxuntos tivese o xogo controlado prácticamente en ningunha fase do partido. O único gol foi obra de Mauro, que logo de varios rebotes, o seu remate rematou no fondo da portería. Os locales gozaron dunha ocasión xusto antes do descanso, pero Javi López estivo acertado. Na segunda metade, os de Alberto López tiveron ocasións para sentenciar, a máis clara nas botas de Quiroga. Nos últimos minutos os sarriaos aguantaron o arreón final do Agolada e acadaron tres novos puntos que os deixan cuartos na clasificación.



O Ribadeo sumou tres puntos no campo do Xallas logo de remontar un 2-0 adverso. Os de Rafa Casanova reaccionaron e déronlle a volta ao marcador (2-3) a pesar de rematar con dez. Non foi un bo encontro dos mariñáns. O gardameta Javi Prieto mantívoos con vida desbaratando varias ocasións de gol do conxunto de Santa Comba. Os locales adiantáronse desde os once metros por medio de Julián e puxeron terra de por medio nunha acción polémica na que o linier sinalou fóra de xogo, pero o colexiado fixo caso omiso. A xogada rematou co tanto de Babá. O Ribadeo despertou co tempo xusto para voltear o marcador. Javicho, que comezara o encontro no banco, recurtou distancias aos dous minutos de ingresar no campo e acadou o empate a sete para o final, cando os ribadenses xa xogaban con dez por expulsión de Luki. Xa no desconto, Juanma marcou o tanto do triunfo tras rematar un córner. O Ribadeo sumou trece dos últimos quince puntos en xogo e segue na sexta posición.

Nova derrota do Castro (0-3) no Arturo Pereiro ante o Arteixo. Os de Brais Prados foron quen de resistir unha hora de encontro, tendo incluso ocasións para adiantarse no marcador por medio de Javi Fraga. Os visitantes lograron o primeiro, e os chairegos desinfláronse. O cadro coruñés tentou matalo encontro e consiguiuno, deixando o derradeiro cuarto de hora sen historia. O ex ribadense Dapo, xogou os noventa minutos no Arteixo.

Trío de Ases Terceira (Xornada 22) e Preferente (Xornada 24)

As nosas redes falan

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *