Xornada sen victorias dos equipos lucenses na Terceira División. O Racing Vilalbés empatou a dous tantos na Madalena ante o Boiro. “Vendo os primeiros vinte minutos a sensación era que o encontro ía ser para nós, logo igualouse a contenda e a partir do empate deles precipitámonos co balón e non fumos capaces de marcar o gol da victoria”, declarou Xoan Peón, técnico do Racing. Moi destacable a actuación de Juan de Dora, que fixo o primeiro gol. O histórico Changui anotou o tanto da igualada do Boiro e logo con case unha hora en superioridade numérica o Racing Vilalbés non foi quen de gañalo encontró. Diego Rey rematou expulsado.

O Polvorín saiu goleado da Malata (4-0) ante un dos grandes favoritos, o Racing de Ferrol. O filial lucense, que tivo que xogar os tres primeiros encontros ligueiros a domicilio ante rivais de entidade, acusou este feito e non foi quen de estrealo casilleiro de puntos. O cadro ferrolán saiu forte e nos vinte primeiros minutos xa tiña o partido encarrilado. Rayco, Cuadrado e Quezada tiveron as ocasións máis claras dos de Durán. Na segunda metade os locales cederon terreo pero dúas contras executadas por Juan Antonio e Marcos Álvarez sentenciaron o encontro.

Na Preferente houbo resultados para tódolos gustos. Dúas victorias, dúas derrotas e un empate. A destacar o derbi provincial entre Sarriana e Foz xogado na Ribela que se saldou con victoria local (2-1). Nove puntos de outros tantos posibles para o conxunto adestrado por Alberto López, mentras que os mariñáns non puideron puntuar nestas tres xornadas. Primeiro tempo sen dominio claro que rematou cos sarriaos por diante logo de transformar Marzán un penalti. Na segunda metade os locales fixéronse co dominio e froito del chegou o segundo obra de Rubén Díaz, tras superar no man a man a Trullo. A dez minutos do final, Xenxo recurtou distancias logo dun rexeite de Javi López.

Triunfo do Ribadeo no Pepe Barrera ante un bo Sofán (2-1). Adiantouse axiña o cadro mariñán cun gol de Luki, que aproveitou a indecisión da zaga logo dun tiro de Aitor . Non gozou case de ocasións o Ribadeo, que non desenrolou un fútbol vistoso, pero tampouco sufriu en defensa. O empate dos visitantes chegou logo dunha perda de balón en mediocampo dos ribadenses e Fabián non perdoou. Con media hora por diante, o tanto da victoria non se fixo agardar, e nun córner Juanma peina o balón que é rematado a gol por un defensa do Sofán. O porteiro Hugo salvou o empate xa no tempo de desconto.

Empate no Arturo Pereiro entre Castro e Boimorto (2-2), nun partido no que os catro goles chegaron na primeira media hora de xogo. Javi Fraga e Dumi anotaron para os de Edrosa. Moita fraxilidade defensiva en ámbolos dous conxuntos. Nos chairegos a destacar o debut de dous xuvenís: Raúl e Miguel Ángel, este último como titular.

As peores novas chegaron desde Cantarrana. O Viveiro caeu derrotado (2-3) ante o San Tirso nun partido que gañaba 2-0 no minuto 16 con goles de Álex Meitín e Xaime. Na segunda metade os erros defensivos dos de Chusky foron aproveitados polo rival, que culminou a remontada xa co tempo cumprido. O casilleiro de puntos dos viveirenses segue a cero.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*