A democracia dictou sentencia e será a proposta inicial da delegación da Federación en Lugo (con algún matiz) a que está previsto que guíe a competición na Terceira Galicia de cara a vindeira temporada. A falta de que o novo sistema sexa aprobado na Asemblea da Federación Galega de Fútbol o vindeiro luns en Santiago, a última categoría do balompé afeccionado lucense contará con 24 equipos repartidos entre o grupo norte, centro e o sur.
O sistema final decidiuse nunha reunión aberta á participación de todos os clubs que só contou coas ausencias do Cervo e do Quiroga. Con doce votos a favor de vintedous posibles púxose fin ao debate das últimas semanas. Tan só se produce o cambio que Fonsagrada e Muimenta solicitaran. O equipo fonsagradino xogará no grupo centro co Rábade, Friol B, Garabolos, Comercial, Corgo, Laxosa e Pradeda; mentras que o conxunto chairego enfrontarase ao Rioaveso, Muimenta, Catro Roldas, Cazás, Goiriz, Celta Barreiros, Cervo e Celeiro. Pola súa banda o grupo sur queda constituído por Guntín, Relámpago Taboada, FC Becerreá, Incio, Río Sil, Sober e Quiroga. A primeira fase constará de catorce xornadas. Desta competición, os dous primeiros de cada grupo, xunto cos dous mellores terceiros (un total de 8 equipos) xogarán unha liga entre eles a dobre partido na que os cinco primeiros clasificados ascenderán á Segunda.
Os restantes dezaseis equipos participarán no Torneo Delegación de Lugo repartidos en dous grupos por proximidade. Os dous primeiros clasificados de cada grupo xogarán unha final con ida e volta. O gañador tamén ascenderá de división.
Este formato de competición foi o máis votado de entre outras tres posibilidades máis. As outras opcións apostaban por manter dous grupos con doce equipos cada un (obrigaba a Comercial, Garabolos, Rábade e Fonsagrada a estar no grupo norte), dous grupos seguindo as pautas do ano pasado (o grupo norte quedaría con 10 conxuntos entre eles, o Fonsagrada e o grupo sur con 14 equipos) e, por último, tres grupos pero xogando catro voltas (os clubs do mesmo grupo enfrontaríanse entre eles catro veces xogando un total de 28 xornadas). Algúns representantes dos equipos tamén reclamaron a eliminación da Terceira e a idea de facer tres segundas. Non obstante esta proposta definiuse por parte da Federación como «inviable» para esta campaña.
A Federación esixe ter adestradores co curso de monitor
Unha vez decidido o formato de competición quedaron tamén postas as datas de xogo. A liga comezará o 10 de setembro e desputarase de maneira ininterrumpida ata a fin de semana da «ponte da Constitución». A primeira fase rematará a fin de semana do 17 de decembro. Producirase aquí un parón de case un mes ata que o 14 de xaneiro empece a segunda fase que se prolongará ata o 22 de abril. A maiores dende a Federación comunicaron que todos os clubs deben contar cun adestrador que teña o curso de monitor. Anunciou que é probable que se realicen cursos nas vindeiras datas en Viveiro, Becerreá e Vilalba, dependendo de se teñen alumnos ou non.