As historias do día de hoxe chegan cargadas de sentimento e emoción. Un día máis nesta atípica situación, profesionais como eles xóganse a súa integridade pola sociedade. Nós queremos dar visibilidade a estes heroes anónimos que, ademáis, cada fin de semana déixanse a pel nos terreos de xogo.
Dani Vila é porteiro na SD Brollón e médico interno residente de Pediatría no Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo. Cando falou con nós, atopábase en cuarentena preventiva, pero a súa mensaxe final é clara: «todo irá ben». Pola outra banda, Vero é Técnico de Farmacia no Hospital de Monforte de Lemos, ademáis de xogadora do Carballedo CF.
TODO IRÁ BEN. Dani Vila
«Atópome de baixa, illado, porque ata o día 10 de marzo estiven traballando en Madrid, no Hospital Gregorio Marañón. Dende a miña volta a Galicia atópome en Monforte de Lemos, cumprindo os dias de illamento que me recomendou a Unidade de Preventiva do Hospital no que traballo (Vigo) por vir de Madrid, considerada zona de transmisión comunitaria do coronavirus. O día 25 incorpórome de novo ao traballo. Levo estes días cumprindo o que mandan as autoridades, mantendo as medidas recomendadas no domicilio é, por suposto, sen sair da casa para que entre todos podamos protexernos e protexer aos nosos maiores e ás persoas máis vulnerables. Así que invirto o tempo en durmir, en estudar, en falar mediante videochamada coa moza e cos amigos, ver series, películas.. e moi atento a evolución da situación actual no noso país e no mundo, nos telediarios e nas rodas de prensa das autoridades competentes.»


«Creo que ata que non se garanta unha seguridade para todas as persoas, o pico de contaxio descenda e sexa seguro volver a realizar eventos sociais, deportivos… ata non ter un control da situación, non se debe retomar a competición. Non sei que pasará, pero son optimista en crer que coas medidas que se están tomando na actualidade sexamos capaces de controlar esta epidemia e todo poida voltar pronto á normalidade. Penso que é cedo para saber cando se retomará a competición, pero dende logo, non hai dúbida de que ata finais de abril, como moi cedo, non se vai a retomar. Unha vez chegado as ultimas semanas de abril ou principios de maio, unha vez valorada toda a situación e suspendido o estado de alarma, haberá que decidir se é o momento idóneo e seguro para retomar a competición. Eso dependerá de como vaia evolucionando a epidemia e, por suposto, de todos nós e da nosa responsabilidade como cidadáns. Na miña opinión non se debería iniciar de novo a competición ata que non sexa seguro e a situación esté controlada, porque hai moita xente que vén ao fútbol e os riscos que pode ter, estase vendo na actualidade, sobretodo nese grupo de persoas de alto risco ou dos grupos de persoas que por idade ou patoloxías previas podan ser máis vulnerables ao virus.»
