Quixemos traspasalas fronteiras da nosa provincia para falar cun vello coñecido do noso fútbol, o central viveirense Rego, que agora defende as cores do C.D. As Pontes na Preferente Norte. Logo de toda unha vida no Viveiro C.F., no cal era o capitán, e tan só un breve periplo no Iberia e Xove Lago, esta temporada milita no cadro dirixido por Marco Roca, formando unha das mellores parellas de centrais da categoría xunto a Dani Fernández.

FUTBOLINLUGO: Como está a ser a túa primeira temporada no C.D. As Pontes?

REGO: Estou moi contento en tódolos sentidos, tanto a nivel persoal como colectivo. Ademáis creo que estamos a facer unha gran temporada.

Equipo titular do CD As Pontes ante o Outeiro de Rei. Foto: www.cdaspontes.es

FIL: Bossa, Fidi, Kiko, ti…sodes un montón de viveirenses no equipo. Ademáis Dani tamén foi compañeiro teu o ano pasado. Supoño que máis agusto con tanto coñecido no equipo?

R: A verdade é que si, sobre todo cando cambias de equipo. Ademáis dos que nomeas xa coñecía a outros compañeiros cos que tamén compartira equipo.

O Viveiro ten mellor equipo que os seus rivais pola permanencia

FIL: Foi difícil a decisión de deixalo equipo do teu pobo? Cales cres que foron as claves de que non renovase a maior parte do plantel?

R: Si, foi moi difícil. Despois de xogar tantos anos alí non é fácil deixalo. En canto ao tema da renovación, só podo falar a nivel persoal. Había certas cousas coas que non estaba moi contento e decidín que o mellor era que a miña etapa alí rematase.

Rego, nun encontro da pasada temporada coa camiseta do Viveiro. Foto: Viveiro CF

FIL: Como ves a temporada do Viveiro? Pensas que logrará salvala categoría?

R: Creo que está sendo un tanto irregular, con moitos cambios, sobre todo na primeira volta. Agora levan unha boa xeira de resultados e ogallá sigan así e acaden a salvación. Creo que teñen mellor equipo que o resto de equipos que loitan pola permanencia.

Se lle gañamos a Polvorín e Paiosaco teremos moitas opcións de ascender

FIL: Volvendo ao C.D. As Pontes…comezastes a temporada con dúbidas pero agora estades nun gran momento. Vedes posible o ascenso directo?

R: É normal nun equipo ao que chega tanta xente nova, adaptarse leva un tempo. Creo que sobre todo na primeira volta tivemos problemas fóra da casa, pero iso é algo que estamos mellorando, e é o que nos está a permitir ser máis regulares e recurtarlles puntos aos dous primeiros clasificados. Se gañamos os enfrontamentos directos contra Polvorín e Paiosaco teremos moitas opcións de ascender.

FIL: Hai tres equipos lucenses na pelexa. O Polvorín en ascenso directo malia as dúas últimas derrotas, o Ribadeo xusto por detrás vosa e logo o Castro. Pensas que haberá loita ata o final?

R: Creo que sí. O Castro está un pouco máis lonxe, pero o Ribadeo está ahí na pelexa xunto con nós, Polvorín e Paiosaco. Creo que entre os catro vai estar o ascenso.

FIL: Atréveste cunha quiniela para o ascenso?

R: Non vou facer pronósticos pero creo que se seguimos na mesma liña que estamos últimamente teremos moitas posibilidades de estar entre os dous primeiros. Non será fácil porque temos un calendario complicado, no que tódolos rivais se están xogando cousas importantes pero temos que pensar que estamos nunha boa posición á falta de oito xornadas e non podemos relaxarnos. Debemos afrontar o que queda como oito finais e así o imos facer.

 

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*