Como xa dixemos os últimos días na nosa web, a crise da COVID-19 está a deixar moita pegada no fútbol. Unha das consecuencias derivadas da mesma é o adianto do mercado de fichaxes: diferentes renovacións, incorporacións ou despedidas están a ser anunciadas nestes días. Unha delas é o troco de adestrador na SD Burela: Jaime non continuará na Marosa e será relevado por José Bermúdez Mosquera, «Pepete», un clásico da Mariña que volve aos campos tras catro anos afastado deles.
Pero o labor de «Pepete», nado en San Cibrao e bon coñecedor do fútbol da comarca, non será estrictamente o de técnico do primeiro equipo, onde probablemente será axudado por alguén máis. Alén dese traballo nos banquiños da SD Burela, será o novo coordinador da base do clube e o director deportivo do equipo burelés. Ocupacións que volven a meter de cheo a «Pepete» no mundo do fútbol. Desde Futbolinlugo quixemos saber como afronta o ex-técnico do Viveiro ou Xove Lago esta nova aventura, na que quere consolidar á SD Burela como un dos clubes mariñanos de referencia.
Futbolinlugo: Como afrontas esta nova etapa?
José Bermúdez: Con ilusión, tratando de axudar na zona que vivo e que quero, para que todo vaia o mellor posible por aquí. Como digo, moi ilusionado.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Sempre quixen estar metido no fútbol desde dentro, pero o traballo mo impediu estes anos.
FIL: Tras varios anos apartado do fútbol, que fai que volva Pepete?
JB: Eu sempre quixen estar metido dentro. Como xogador gustábame xogar, e como adestrador adestrar. O que pasou foi que a miña vida laboral nos últimos anos era complicada e non me permitía dedicarme a isto do fútbol. Non deixei tampouco de ver fútbol nin de facer cousas, como traballos individuais sobre fútbol, o estar apartado estes anos foi por motivos estrictamente laborais. Agora teño máis posibilidades en canto a tempo para facer algo que me gusta moito, para axudar no que se poda e para que os cativos fagan deporte.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2020/05/pepete1-300x212.jpg)
FIL: Cales son os obxectivos a curto e a longo prazo para o primeiro equipo?
JB: O primeiro é ser competitivos. Para iso tentaremos que a xente veña adestrar, sexan serios, etc. pero ao mesmo tempo queremos divertirnos. A xente aquí non cobra ou cobra pouco, pero aínda cobrando tes que estar alegre e divertirte, coma en calquera traballo, porque se non ao final acabaste queimando. O obxectivo é ser competitivos por medio da disciplina, o compromiso, o comportamento no campo de fútbol, etc.
FIL: En canto á base, que proxecto desenvolveredes na Marosa?
JB: Todos queremos ter aos nosos fillos xogando en Primeira, pero en Primeira hai vinte equipos con vinte xogadores -por poñer un número-, unhas 400 fichas. Non quero decir, por medo a equivocarme, cantas hai no fútbol «amateur» en España, pero serán moitísimas. O principal obxectivo vai ser que os cativos aprendan a xogar en equipo, aprendan a ser disciplinados, a divertirse nos adestramentos… cunha metodoloxía que podería seguir calquer equipo importante, cuns procedementos diversos para que un xogador mellore técnicamente, tácticamente… pero sabendo que temos limitacións. Non somos un equipo profesional, somos un equipo dunha vila, pero os procedementos estarán aí. Queremos que pais, nais, corpo técnico e xogadores o pasen ben.
Tanto Pescados Rubén como a SD Burela están facendo un gran traballo na base.
FIL: A competencia co fútbol sala para captar rapaces e rapazas da zona é grande, pero aínda así a SD Burela conta cun gran número de fichas.
JB: Si. Non podo opinar moito do fútbol sala porque non estou metido, pero nós teremos aproximadamente 200 fichas. Nas categorías de base non son incompatibles, de feito as dimensións -«mutatis mutandis»- son semellantes ata a categoría infantil, que é cando se pega o salto. Estean onde estean os cativos e cativas, o importante é que fagan deporte, o pasen ben e aprendan que en todo deporte hai unhas normas. Se hai un bon número de pequenos e pequenas nos dous clubes, será porque ambos conxuntos están facendo cousas ben para que todo se manteña. Uns teñen máis presuposto que os outros, pero penso que tanto en Pescados Rubén coma na SD Burela a filosofía ten que basearse en fomentar o deporte e en que haxa un ambiente sano.
FIL: Volvendo ao fútbol sénior, parece que o Viveiro o ano que vén competirá na Terceira, pero o fútbol mariñán sofre unha crise en relación con épocas pasadas. A que cres que se pode deber este feito?
JB: A pregunta ten distintos enfoques, levamos uns anos -en xeral- malos. Pode influir a densidade de poboación, a densidade de xogadores… Antes, ademais, os equipos estaban formados por máis xente de fóra… Outra versión pode ser que as delegacións nos teñen máis abandonados aos da costa e aos de Lugo en xeral, porque fai uns anos (o último ano que estiven eu no Viveiro) era esaxerada a diferenza en número de clubes da Coruña e de Lugo na Preferente. Somos tan malos en Lugo e tan bos son alí? Agora eso parece un pouco máis igualado, pero a situación da para unha análise moi variada.
Así é como un «Pepete» ilusionado nos adianta o que espera do conxunto verde e da súa querida Mariña nos vindeiros anos. Desde aquí agradecemos a súa boa disposición e amabilidade, así como do seu novo clube, a SD Burela!