Era un 18 de Outubro do ano 2015. A boa xente de Lugoslavia conseguiu que se me acreditara para cubrir un partido do Lugo e, sen pensalo, collín os aparatos e tireime á piscina. Recordo os nervos, os minutos previos a baixar do coche e pensar en toda a coreografía previa que tiña que facer (conseguir un peto, saber por dónde tiña que entrar, presentarme ante o xefe de prensa…). Reocordo a sensación de estar nun sitio descoñecido. Pese a que o Anxo Carro era casa, probablemente dende o ano 91, no que vivín o meu primeiro partido naquelas gradas de cemento entre fume de farias e pipas. Esa tarde non ía como espectador, ou eso cría.

O primeiro pé no verde desata unha sensación especial. Aí é cando te das conta de que formas parte do xogo, de que eres un máis e de que tes unha oportunidade única de conseguir que o que vai pasar quede reflectido en imaxes. Tes a responsabilidade de contarlle a quen o queira ver, qué se sentía dentro do estadio. Realmente eres espectador, pero de moitas máis cousas das que se pode pensar.

Preséntaste ante os compañeiros que te acollen dende o primeiro momento e danche consellos. Ves traballar a profesionais incribles como Xesús Ponte ou Endie Doarua e asumes que tes moitísimo que aprender. Pero buscas o teu camiño e a túa forma de entender a fotografía de fútbol. Eu decidín, dende o primeiro momento, que quería ver o que naide vía. Descubrín que na grada está a auténtica historia, que o que pasa no campo é só unha consecuencia. Cando todos apuntan ós xogadores, ti busca nas bancadas. Atoparás maxia nas caras, nos xestos, na xente.

Era o meu primeiro partido pegado á liña de cal. Tiña ós meus ídolos a escasos metros e podía velos a través da miña cámara e gardar para o recordo os xestos, as caras, os momentos. Alí estaban iconos coma Toquero ou Manu García, que acaba de marcarlle un gol ó Madrid no minuto 95.

Agora, tres anos despois, deambulo polos campos de España coa cámara na man, perseguindo a paixón que descubrín aquel 18 de Outubro. Dende ir a Riazor para cubrir o partido da Selección Galega recibindo a acreditación con escasas horas de antelación a facer oito horas de coche un domingo para visitar un campo histórico como o Francisco de la Hera de Almendralejo, para facer fotos por puro gusto nun Extremadura – Mirandés de playoff de Segunda “B”. En todos lados hai imaxes e historias que contar, todos teñen o seu encanto e en todos, sempre que nos deixen, seguiremos facendo fotos a pé de campo.

 

Xabi Piñeiro. Fotógrafo do fútbol de verdade.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

1 ComentarioDeixa un Comentario

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*