4, CANTEIRA E XOGADORES DOS ARREDORES 

Gústame a canteira. Canto valor ten sacar xogadores da canteira e buscar unha identidade como club (máis aló da categoría na que esteas). Admiro ao Athletic Club de Bilbao. Competir na Primeira División con xogadores nados en Euskadi contra transatlánticos cheos de figuras internacionais… Chapeau.

José Manuel, en plena explicación con Álex Paz en Xove. ANTONIO VAZTRA

Cando decidín deixar a práctica deportiva no Racing Club Villalbés na temporada 2008 recibín a chamada do Director deportivo do Xove Lago Luís da Chata dicíndome que quería que collera o primeiro equipo (recén descendido a Segunda rexional que logo se mantería en Primeira ó desaparacer a S.D.Cangas). O potencial económico do equipo baixara moito con respecto á súa etapa na Terceira División. “Luís, hai que xuntar o maior número posible de xogadores de Xove, esa debe ser a filosofía do clube”. Así o fixo. 15 futbolistas da primeira plantilla nacidos en Xove.

Aquel equipo fixo historia batindo todos os récords, algún deles como proclamarse campión matematicamente ser perder partido (aínda sen bater). Asistía máis xente ó Municipal que nos mellores anos do Xove Lago na Terceira División. O sentimento de pertenza, a unión, a base maioritaria de xente da vila unido á calidade individual e humana do grupo foron a base do éxito.  

Catro anos máis tarde, temporada 2013/2014 presentouse na miña casa en Fazouro Alfonso de Carlos (das mellores persoas que coñecín na miña vida), presidente do Viveiro C.F.

“Jose, quiero que te hagas cargo del equipo está temporada. La única condición es que tenemos que bajar el presupuesto. Estamos yo y Leal, hay muy poca directiva, eso sí, tenemos que estar arriba. ¿Cómo podemos hacer?».

-“Fulanito, menganito, citanito y cristianito… Son jugadores de Viveiro y seguro que querrán fichar. Vamos a intentar hacer un equipo con gente de la casa. Nos quedamos con Suso y Álvaro de fuera”. (Suso ó final non puidemos retelo).

Recordo a cara que puxo Alfonso de Carlos… Entre a ilusión por un novo proxecto e a incredulidade de facer un equipo competitivo con xente de Viveiro e dos arredores. Aquel equipo cun grupo humano fantástico, a axuda de Guillermo Pigueiras e unha afección ilusionada logo de moitas temporadas difíciles, xogou despois de moitos anos sen facelo unha promoción de ascenso a Terceira División (debutando como titulares cadetes como Arturo, xuvenís de primeiro ano como Andrés Guijarro, Pablo Costa, David Rivas e moitos onces iniciais completos con xente de Viveiro ou da Mariña). 

Non sempre é sinónimo de éxito. Esta temporada no Iberia C.F (13 xogadores de San Miguel) gañamos dous partidos en toda a liga (aínda que o vestiario sabe que agás o partido do Alfoz e o da Pontenova os seus adestradores e súa afección se sinten orgullosos de cada partido que fixeron). Apostar por xente da casa garantiza FUTURO. Unhas veces estarase máis arriba cando saia unha boa xeración e noutras estarase máis abaixo cando non sexa tan boa, pero cun sentimento de apego ó clube.

A chave téñena os dirixentes que son quenes manexan o rumbo das entidades. Marcar unha folla de ruta nunha aposta clara por intentar formar cadros de xogadores cunha porcentaxe nunca inferior ó 80% con xente da vila ou arredores. E non vale con que o once titular habitual presente 3 canteiráns e o resto no banquiño ou sen convocar. Cando digo mínimo 80%, refírome ó equipo titular. E se iso implica estar máis abaixo na clasificación non debería pasar nada, e se iso implica estar nunha categoría inferior non debería pasar nada. Ese debe ser o obxectivo final pero requerirá unha boa dose de paciencia, perseverancia, determinación  e sobre todo ideas moi claras por parte da persoa ou persoas responsables do rumbo do clube.

José Manuel, na súa etapa co Cabreiros

Expoño un caso moi ilustrativo: temporada 2014/2015, equipo ACD VALADOURO, equipo recén ascendido a Primeira Autonómica, na cea de Nadal e co equipo clasificado entre os catro primeiros. Sentado na mesa co presidente Seíto e cos directivos Cristóbal e Cuba eufóricos coa dinámica do equipo na Liga recomendáballes que a vindeira temporada saísen en Segunda Autonómica e repescaran xogadores do Valadouro que estaban a xogar en categorías máis baixas e incluso xuvenís para facer unha base con xente da casa. Cónstame que a final de tempada debatiron sobre o asunto e decidiron continuar apostando por continuar na Primeira Autonómica e mesmo levar o equipo á Preferente. A A.D.C VALADOURO desapareceu tristemente en agosto de 2019.

  1. DOUS E DOUS NON SON CATRO… EN FÚTBOL

A base de tropezar , vaste dando  conta de que no fútbol hai máximas que se cumpren: 

O equipo que ten gol con seguridade vai estar arriba e se non está algo non se está a facer  ben.

A sorte, a fortuna, a flor; existe. Claro que existe. Fernando Vázquez comentaba que un 50% das cousas que acontecen nun partido se deben a ese factor, non sabería cuantificalo, pero creo que existe e ás veces está do teu lado e outras non.

Traballar  ben, adestrar ben, competir ben non garantiza un bo resultado. Bielsa diría que o importante é a dignidade coa que se recorreu o camiño na busca do obxectivo (hai anos non o entendía, agora sí). Poucos presidentes, poucos afeccionados, poucos xogadores, poucos periodistas estarían dacordo co de Rosario.

Falamos de fútbol afeccionado. Cando comecei a adestrar pensaba que a ecuación ADESTRAR BEN = GANAR se cumpliría en moitas ocasións. Desgraciadamente falso e seguramente inxusto. O que decide ganar ou perder partidos vai ser a suma das cualidades individuais dos xogadores, cantos máis xogadores diferenciais posúa un equipo máis partidos vai gañar, parece obvio pero moitas veces esquécese. 

Outro Mestre,  Fernando Vázquez dicía recentemente nunha charla que “o entrenador ten un valor polo que vale, non polo seu resultado” e engadía que “un entrenador é o 10% da calidade dun equipo”. Coincido en todo co de Castrofeito.

Ano 1996, cando defendía a portería do Foz

Un equipo adestra de dez, acude o 95% da xente adestrar, equipo motivado e diante atópase cun rival que adestra menos pero ten dous xogadores que desequilibran e bótache todo o traballo semanal ó garete. Ese equipo que gañou deu nese partido o 50% da súa capacidade e o equipo que perdeu deu o 100% do seu nivel total pero non lle chega porque quenes ganan son os xogadores. Quén é mellor adestrador , aquel que o seu equipo gañou dando o 50% da súa calidade ou o que perdeu pero o seu equipo deu o 100% da súa calidade? 

Hai xente que dice “si este gana é bo adestrador ….si este perde é mal adestrador”“A victoria é un engano” apostillaba o adestrador do Deportivo. Toda a razón do mundo Fernando.

Non hai miragres, os adestradores dependen nunha porcentaxe altísima da suma das cualidades individuais dos xogadores. Os adestradores poden ‘gañar’ algún partido pero quenes os ganan nun 90% son os xogadores coas súas individualidades. O que debemos intentar é “non perdelos” acertando coa alineación e estar vivos na toma de decisións durante o partido.

Xente do fútbol, algúns estaredes moito dacordo, outros nada de acordo, outros nunhas cousas si e noutras non. Iso é o bonito do fútbol (din que en España hai 47 millóns de adestradores jajaja). 

O que si temos que estar orgullosos é do nivel dos adestradores galegos e da Escola Galega de Adestradores, onde tiven a oportunidade de formarme con grandes mestres. Orgullosos do noso. 

Moito ánimo e forza a todos. Quedade na casa. Gañaremos o partido.

José Manuel F. Teijeiro. Recoñecido adestrador e exporteiro do noso fútbol.

Comparte
                                    

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*