Antes de nada, grazas Futbolinlugo por cederme este espazo para contar a miña experiencia en torno ó deporte rei. Dende ben cativo, o fútbol permitiume experimentar un amplo abanico de sensacións e emocións que foron modelando a miña personalidade e marcando cada etapa da miña vida. Non son capaz de verme sen aqueles partidos no patio onde a pelota mandaba ou sen pisar o céspede cada fin de semana. Unha relación que, nos últimos tempos, tomou unha nova perspectiva intercalando as miñas facetas como xogador na S.D. Sarriana e adestrador do C.F. Portomarín.

A miña curiosidade por adestrar xurdiu traballando cos meus propios adestradores. Foron eles os que me ofreceron unha visión de fútbol na que é imprescindible analizar tódalas súas variables. Gozo planificando e preparando aliñacións de acordo cos diferentes sistemas de xogo sobre o papel e intento incluír os meus gustos como xogador en cada adestramento, polo que as miñas sesións sempre teñen un balón como protagonista. Intento crear un grupo de traballo comprometido e unido no que todos compartamos o mesmo obxectivo, para o cal a xestión de grupo é clave.

Sempre fun moi competitivo, é algo inherente a miña personalidade e o feito de competir supón de forma implícita a posibilidade de gañar e de perder. É precisamente aquí, na derrota, onde intento determe xa que teño que tratar cada fin de semana con dous resultados que van condicionar o progreso da mesma.

A nivel aprendizaxe, esta dobre dimensión do fútbol é unha experiencia moi enriquecedora. Tamén é certo, que nesta etapa de maior esixencia cómpre un novo compoñente, o equilibrio. Para min sería impensable combinar as dúas dimensións futbolísticas co meu traballo, se iso implicase renunciar á familia e amigos. Son eles os que me animan a aproveitar cada oportunidade e os que me dan perspectiva para enfrontar o maior desafío, entender os erros como oportunidades de aprendizaxe.

Fernando Sánchez García. Activista do noso fútbol, xogador da Sarriana e adestrador do Portomarín.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*