Despois de máis de 15 anos participando deste mundo, xogando e adestrando, e na miña primeira campaña sen estar na base, confésome culpable. Todos somos culpables. 

A Ribela. S9 FOTOGRAFÍA

Moitos faladoiros se completan co «eu faría», co «el fixo», con leccións sobre deportividade e antideportividade, con críticas ó adestrador, ó árbitro, á directiva e ós xogadores (por esta orde). 

Pois eu non me vou esconder, e considérome culpable. Culpable de alimentar todo iso en certos momentos. Culpable de enganar ó árbitro e ó rival aproveitándome dunha acción antideportiva; culpable de protestar de forma vehemente algunha acción ó árbitro co fin de condicionalo, aínda sabendo que acababa de acertar. Culpable de criticar algunha decisión do meu adestrador; culpable de ser inxusto con algún xogador por priorizar unha clasificación ou un resultado ó seu xogo…

A nosa lama. MARILUZ FAGÍN

Fíxeno, espero que as menos veces posibles e molestando o menos posible ós que me acompañaron neste tempo, pero caín nesa espiral que actualmente nos sacude cada vez máis. Serviume de algo? Obviamente non; gañei, perdín e empatei as mesmas veces que non facéndoo. Como un robot alimentei ese resultadismo, clasificacionismo e revanchismo no que se está a converter o noso fútbol. Ese fútbol que necesitamos que nos faga escapar do negocio billeteiro do deporte profesional e que estamos derramando.

Non podemos ser culpables de que o fútbol modesto se profesionalice tanto como para chegar a odialo, como podemos facelo coa elite en determinados momentos.

Pero como vou pretender que non critiquen a miña labor no banco se eu tamén o fixen en certos momentos, ou se nos faladoiros son o primeiro que critiquei a Escribá e a Luís César. Como vou pretender que os infantís non simulen ou non trampeen se os do primeiro equipo o faciamos e ademais presumiamos de «veteranillos» ou «pillos» por facelo. Nalgún momento chegarei a ser tamén pai e verei o último prisma que me falta nesta dimensión, e pregúntome: Alimentarei tamén como pai que o bucle siga medrando?

Sona utópico e irreal, pode que nunca se consiga, pero eu asumo a miña culpabilidade para, desde a penitencia, comezar a edificar todo o contrario. Cambiar ese chip no que estamos metidos e aplaudir o xogar por xogar, aplaudir ó grupo por encima de todo, aplaudir o terceiro tempo, aplaudir a afinidade entre adestrador-xogador, xogador-xogador, árbitro-xogador… Aplaudir ó equipo do pobo, sen máis ambición que participar como pobo; aplaudir os derbis, aplaudir ó cantineiro, aplaudir ós nenos e nenas que xogan no descanso, aplaudir unha foto de prebenxamíns sen posar, aplaudir un despexe que deixa o coiro nunha árbore cos berros vacilantes de «olé» dende a grada, aplaudir ver a veciños que solo ves cada 15 días na túa grada, aplaudir ver ó da carpintería co 4 ás costas, aplaudir ó adestrador que se quenta…

As clasificacións e os resultados son necesarios e imprescindibles pero deberiamos convivir e aceptalos de outra maneira e, sobre todo, aceptar que estamos onde estamos e que a Primeira e a Segunda División chámanse fútbol, pero para min seguen sendo outra cousa. Se os xogadores, adestradores, árbitros e directivos de Rexional somos capaces de diferenciarnos, seremos capaces de amosarlle a benxamíns, alevíns e ás súas familias que o fútbol afeccionado non está morto e segue sendo o maior dinamizador do rural e o acto social que pode reunir a máis xente de 0 a 100 anos arredor dunha valla nesta provincia de interior (despois dos funerais) e non un foco de envexas, mala fe e competitividade mal entendida.

Salvemos a base! A nosa xeración xa está perdida, somos culpables, pero o que ven detrás pode manter vivo este deporte, depende de nós.

Brais Vázquez Lamazares. Técnico do Páramo, formador

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*