As últimas dúas prazas de ascenso á Segunda Rexional xa están decididas. O Celta Barreiros e o Río Sil suben de categoría. Con emoción ata os intres finais. O Catro Roldas e o Antas puxérono difícil. Ademais o Alfoz avanzou á fase final da Copa sen xogar a volta. Tamén pasaron o Cazás, o Matela, o Sober e o Lemos B.

Nos partidos de volta da final polo ascenso, as eliminatorias decidíronse por un gol. O Celta Barreiros sube de división polo valor dobre dos goles fóra da casa. Empatou a catro tantos na Canteira. Todo despois de poñerse 2-4. Con golazo de Roberto Blanco incluído. Lanzamento dende o seu campo. Un dobrete de Esteban Boo para os locais mantivo a incerteza ata o asubío final. Cabado en defensa e Seijas no ataque completaron un bo encontro para o cadro amarelo que traballou moito ata o final. Pola súa banda, o Río Sil viviu un ascenso histórico na Carqueixa. Perdeu 1-2 co Antas pero xestionou a renda que traía da ida. Un dos protagonistas foi o gardamallas Adrián. O traballo coral dos visitantes non chegou para regresar de novo á Segunda.

En Alfoz non existiu encontro de volta da segunda rolda da fase previa da Copa 2019. A Milagrosa non puido presentarse ao partido. Os locais xa contaban cunha boa renda da ida (1-4) e pasan á fase final. Por sorteo acceden aos dezaseisavos de final onde xogarán co Folgueiro (descansan unha semana). No resto de eliminatorias que si tiveron partido de volta, o Cazás quixo evitar problemas. Marcos Gómez marcou cedo para os seus e a diferenza parecía clara. Aínda así os locais presentaron batalla. Xogaron con só 10 xogadores pero empataron na segunda metade. No tempo extra marcaron o da vitoria pero necesitaban dous máis para pasar. O Cazás xa está nos oitavos de final. Quedou emparellados co Valadouro nos dezaseisavos. Pero o cadro de Ferreira renunciou o torneo copeiro. O conxunto xermadino estará sen partidos dúas findes. O Matela xestionou tamén ben a vantaxe da ida. O Friol B púxolle máis intención na primeira metade pero non conseguiu superar a porta rival. Na segunda, o Matela sentenciou. O porteiro Álex, Rico e Manu foron os mellores no equipo da parroquia de Outeiro de Rei. Nos locais destacaron Rubén Varela e Roca. O Matela xogará co Mondoñedo na 1ª rolda.

Na zona sur, o partido con máis emoción estivo en Monforte. O Lemos B remontou o encontro ante o Taboada B e a eliminatoria decidiuse nos penaltis. Seso puxo o encontro de cara para os seus, pero na recta final o filial lemista igualou. O porteiro do filial taboadense conseguiu parar ata tres lanzamentos na quenda, pero os compañeiros non estiveron atinados no remate. De filiais vai a cousa. O Lemos B quedou exento da primeira rolda e pasa aos dezaseisavos. Alí agarda o Chantada B. O Sober tamén accede á fase final. Tentou o Quiroga a remontada en campo visitante. Pero tan só conseguiu marcar un gol. Tamén pasa aos dezaseisavos. O seu rival sairá do duelo entre o Palas e o Monterroso B.

Foto de portada: Rachu

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*