A falta de tres xornadas para que remate a competición na Segunda Rexional, o Friol xa é equipo da Primeira Galicia logo de vencer esta xornada ao Oural e aproveitarse da derrota do Chantada Atlético. A outra praza de ascenso decidirase entre catro candidatos. Máis igualada aínda está a pelexa no grupo norte, xa que os tres primeiros clasificados están nunha diferenza dun punto e tres equipos máis tamén teñen opcións de meterse neses postos.
O Burela continúa como líder ao volver ao camiño da vitoria ante a Candelaria. Non obstante, Pol e Folgueiro séguenlle o paso moi de preto. O equipo adestrado por Roberto Rielo sumou a súa sexta vitoria consecutiva ao vencer pola mínima ao Cospeito cun gol de Roberto. Pola súa banda, o Folgueiro logrou o seu quinto triunfo seguido ao derrotar con claridade a un Ourol que se presentou con dez futbolistas. Aurelio volveu marcar un novo hat-trick. A cinco puntos da segunda praza de ascenso sitúanse tres equipos. O primeiro deles o Guitiriz que perdeu fronte a outro rival directo o Cabreiros (6º) cun gol de Cristian e que xogou case toda a segunda metade con dez. No medio dos dous, situáse o Lourenzá que venceu na casa ao Matela. A vindeira xornada Cabreiros e Lourenzá enfrontaranse nun duelo que pode determinar quen dos dous sigue con opcións de ascenso.
Na zona media, o Roupar consolida o sétimo posto coa vitoria ante o Iberia grazas, en parte, a un gol de Jacobo Ares nos últimos instantes do choque. O Mondoñedo deu un paso importante na loitar por evitar o descenso e tamén os arrastres ao derrotar a domicilio ao Alfoz cun gol de Manu Vázquez. No duelo máis directo da parte baixa na xornada, o Abadín e o Meira empataron a un gol.
No grupo sur, o Friol ascendeu sen xogar despois dos resultados que se produciron na xornada. Antes fixo os deberes ao vencer a domicilio o Oural. O equipo friolés ten moi preto tamén o campionato xa que ten unha vantaxe de oito puntos sobre o Chantada B que caeu derrotado pola mínima ante o Brollón con gol de Casa. Aínda así, mantén a praza de ascenso con tres puntos de marxe sobre o Chantada Atlético que perdeu na súa visita a Santa Comba con gol de Hugo López que mantén opcións matemáticas de pelexar polo ascenso. Polo medio, seguen na loita o Oural (a pesar da derrota co líder) e o San Lázaro que gañou en Portomarín cun gol de Luis Fernández nun gran encontro dos locais.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Na zona media, o Palas fíxose co sétimo posto ao gañar a domicilio nun dos derbis da Ulloa ante o filial do Monterroso. O Becerreá segue sumando despois de espertar nos minutos finais do enfrontamento ante a Milagrosa e empatar os dous goles de desvantaxe. O Sporting Lucense aférrase a categoría ao sumar o seu segundo triunfo consecutivo ante un rival directo como o Rubián. Vitoria importante do Castroverde que colle diferenzas con respecto as posicións de descenso directo ao vencer ó Antas.