Ningún dos primeiros clasificados na Segunda Rexional gañou, pero o San Ciprián e o Páramo mantéñense na cabeza. No sur, os dous primeiros clasificados empataron entre si. A vitoria do San Lázaro deixa a tres equipos igualados no máis alto da táboa clasificatoria.

No grupo norte, o Sanci mantense na cabeza. Non obstante non pasou do empate no derbi cervense ante a Candelaria. O cadro da Rúa leva cinco xornadas sen perder e consolídase na zona media da táboa. Está a cinco puntos do líder e cinco puntos por riba da zona de descenso. O Guitiriz entra en postos de ascenso directo por primeira vez na temporada. Derrotou ao Goiriz e suma catro triunfos seguidos. Aínda así, o resultado semella que foi algo enganoso. O equipo do Ventiño puido ampliar vantaxe, sobre todo no primeiro tempo. Non estiveron acertados. Os pupilos de Cora non quedaron nada contentos coa actuación arbitral.

Addemais do Sanci, o Celta Barreiros tamén continúa invicto. Regresou ao camiño da vitoria ante o Meira.  Os locais remontaron o 0-2 inicial. Celeiro marcou ao pouco de entrar dende o banco. Álvaro anotou un dobrete que significou a vitoria antes de ser expulsado por dobre cartón amarelo. Ademais estreouse como titular no cadro celeste Antón Eijo. Un dos partidos máis axustados viviuse na Cea. O Cabreiros venceu ao Cospeito nun duelo de 7 goles. En crecemento continúa o Alfoz. Uniu o terceiro triunfo seguido. Derrotou na casa a un Xermade ao que superou na clasificación. Os locais foron máis efectivos nos momentos chave do encontro. O cadro xermadino volveu sufrir unha nova lesión; a de Chungui cunha rotura muscular. Xúntase ás anteriores de Diego Pellón e Iván Carballeira. Tamén volveu ao carreiro da vitoria o Muimenta. Derrotou pola mínima no Pichón a un Sporting Pontenova que non termina de arrincar de todo ben a tempada. Os outros dous triunfos da xornada protagonizáronos dous equipos que aínda non gañaran. O Iberia conseguiu a súa primeira vitoria no campo do Roupar. Miguel foi un dos protagonistas cun dobrete. E o Abadín levou os tres puntos do Derbi do Fiouco. O Mondoñedo non puido quedarse coa vitoria en plenos festexos das San Lucas. Eloy sacou a súa vea goleadora e anotou un dobrete.

No grupo sur, o Páramo é o que encabeza a clasificación pola diferenza de goles. A igualdade que reflicten as seis xornadas de liga, viuse tamén no marcador do partido da xornada. Empate a un gol para seguir o Páramo e o Ferreira nos postos de ascenso directo. Aínda que chega por detrás o San Lázaro. Igualou a puntos con eles ao vencer a domicilio ao Corgo. Tres triunfos consecutivos. Tamén gañou o Incio que consolida o seu bo inicio de tempada. O Bóveda continúa polo momento sen ser rival para os seus contrarios. Despois de dúas xornadas, o Portomarín desquitouse e reencontrouse coa vitoria con goleada ante o Chantada B.

Na sexta posición mantense invicto o Paradela. Unha finde empata e a outra gaña. Nesta pasada tocou vitoria ante unha boa versión do Becerreá. Romi adiantou aos seus de oportunista dentro da área. Os visitantes igualaron antes do tempo de lecer. No segundo tempo o gol de Javi foi decisivo. Queda a dúbida de se foi un golazo ou algún contrario desviou a traxectoria. O caso é que hai que pegarlle ao balón. Nos Medos o Brollón e o Palas empataron a un gol. Os locais sumaron o terceiro punto da tempada, pero continúan sen gañar e seguen nos postos de descenso. O Quiroga derrotou ao Santa Comba con dous goles de Iago. Ademais o Oural superou ao Río Sil. O cadro soberino estivo moi metido no partido ata que un penalti desequilibrou a balanza. O resto de goles do Oural chegaron nos intres finais.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*