Quedan tres xornadas para que remate a competición regular na Segunda Rexional. A pasada fin de semana deixou algún que outro cambio importante na parte alta e baixa da táboa. O Folgueiro e o Lourenzá aumentaron a súa diferenza nos postos de ascenso directo. O Cospeito saíu do descenso e meteu á Comercial. No sur, o San Roque asalta o liderado e o Guntín está a beira das posicións de ascenso. A SD Becerreá tamén sae do descenso no que entra o Sporting Lucense.

No grupo norte, o Folgueiro continúa no máis alto. Sexta vitoria seguida. Venceu con claridade ao Iberia. Dobrete de Aurelio e tamén de Kiños. Seis puntos de diferenza co Guitiriz. Dependendo dos resultados, o ascenso xa se podería cantar a vindeira fin de semana. Tamén terá esa posibilidade o Lourenzá. Catro puntos sepárano do Guitiriz. Os pupilos adestrados por Diego Rego non erraron ante o Valadouro. Un bo gol de Aitor e un novo dobrete de Recalde foron protagonistas. Todo iso logo da derrota do equipo guitiricense ante o Roupar. Sete vitorias seguidas do cadro verde. Pero só unha mala recta final dos de arriba lle daría algunha opción. O partido foi con alternativas no marcador. Resolveuse con remontada para os locais cun dobrete de Esteban.

A escaseza de defensas, obríganos a colocar a Borja do Guitiriz polo lado dereito. E innovar cun sistema de dous centrais e sen laterais puros

Na zona morna da táboa, o Cabreiros volveu gañar. Venceu a un Mondoñedo que entrou tarde no partido. Os locais xa gañaban ao pouco de comezar por 3-0 con dobrete de Manu Roca incluído. Tentarán pelexar pola quinta praza que ocupa neste momento o Xermade. O conxunto xermadino protagonizou unha das sorpresas da xornada. Caeu pola mínima na súa visita á Fonte. O Cospeito aproveitou os tres puntos para saír dos postos de descenso directo. Desa zona xa non se vai ter que preocupar o Abadín. Derrotou ao cabeiro da clasificación e sela a súa permanencia na categoría. O Cervo xogou cun xogador de campo como porteiro. O equipo acusouno. Todo sumado á situación na que está. Tamén deu un paso adiante á Candelaria. Venceu pola mínima a domicilio ante a Comercial. Paso que tamén deu o Meira. Empatou nun duelo directo co Goiriz no Ventiño. O cadro meirego sácalle máis proveito ao punto ca o seu rival.

No grupo sur, houbo troco de líder. Aínda que os tres primeiros están empatados a 50 puntos. O San Roque colócase no máis alto da clasificación. Venceu ao Portomarín cun novo papel destacado de Bruno. O mediocentro marcou outra vez un gol de falta. Leva sete a balón parado. O equipo visitante chegou mermado polas baixas. Fernandito contou con 12 xogadores. O Palas deixa o primeiro posto ao perder ante o Santa Comba. Foi outra das sorpresas da xornada. Os locais fixeron o mellor partido do ano. Saíron fortes na defensa e fixeron dano á contra. Vitoria chave na súa pelexa pola salvación. Terceiro é o Guntín. Suma catro triunfos seguidos. Confirmou a súa candidatura ao ascenso ao derrotar fóra da casa a un rival directo como o Oural. Noutro dos partidos que tamén se podía considerar como duelo directo, o Bóveda non foi quen de parar ao intratable San Lázaro. O cadro adestrado por Diego Rey venceu levou o partido cun gol de Yago Armesto. A xeira sen perder xa se eleva a nove partidos. O equipo máis en forma da categoría. Sepárano seis puntos co ascenso.

Na zona morna, volveu gañar o Corgo. Levaba catro partidos sen facelo. Derrotou ao Monterroso B. Na zona baixa, ademais da vitoria importante do Santa Comba tamén sacou tres puntos vitais o Incio. Gañou a un Chantada B que continúa en problemas. Situación que se complica para eles co triunfo da SD Becerreá. Venceu pola mínima na casa ao Ferreira e sae dos postos de descenso directo. Neles entra o Sporting Lucense que só puido sacar un punto do seu duelo directo ante o Brollón nos Medos.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*