O ambiente non fallou nun dos grandes partidos do ano. O Lourenzá venceu en Mondoñedo e mantense nos postos de promoción de ascenso. Na primeira posición segue un Folgueiro que sufriu en Meira. No grupo sur, o Palas venceu no derbi da Ulloa e mantense no liderado. O Bóveda regresa a postos de ascenso. Nunha xornada na que o «Rooney de Portomarín» volveu golear.

Paixón total. Un derbi exemplar. Un luxo que forme parte da provincia de Lugo. O “Derbi da Horta” xa se empezou a xogar moito antes das 17h. Momento no que comezou a rodar o balón. Partido equilibrado. Os visitantes adiantáronse no marcador na segunda metade e encamiñaron o partido. O central Diego López marcou o primeiro. A sentencia chegou por medio do golazo de Jorge. Tres puntos para seguir na pelexa. O Folgueiro agárrase como pode ao liderado. Vitoria desas de «equipo campión» na Lomba. O Meira puxo en moitos apertos ao cadro do Vicedo. Os locais erraron un penalti no tempo extra que significaría o empate. Non se distancia o Guitiriz. Continúa a espera do fallo dos de arriba. Venceron pola mínima a un Cospeito que volve aos postos de descenso. Non foi un bo encontro dos pupilos adestrados por Delfín Romero, pero o gol de Pablo serviu para sacar os tres puntos. Mentres as matemáticas digan o contrario as posibilidades existen para o Roupar. O cadro preparado por Diego Dopico venceu á Candelaria e suma seis vitorias seguidas. O partido deste sábado ante o Guitiriz pode marcará o ritmo dos perseguidores para as últimas tres xornadas. Máis distanciado está o Xermade. Aínda que volveu ao camiño da vitoria ao vencer ao Cabreiros no derbi xermadino. O balón parado foi protagonista. Dous goles para os locais e un para os visitantes chegaron dese xeito. O Cabreiros comezou mal pero fixo sufrir ao rival ata que sentenciou no tempo extra. O porteiro suplente Juancho tivo que saír de dianteiro e fixo o terceiro. Todo pola lesión de Guille. O xogador pontés foi un dos máis destacados. Na recta final un mal xiro en solitario de xeonllo obrigouno a marchar do campo.

Os grandes triunfadores a nivel de puntuación desta semana na zona baixa son dous equipos da Mariña. O Iberia venceu na casa a unha Comercial en serios problemas. Perotti foi un dos protagonistas cun dobrete. O Valadouro saíu dos postos de descenso ao derrotar ao Cervo. Os visitantes perderon unha oportunidade de saír do descenso. O partido púxose a favor dos locais cun 3-0, pero tres expulsións e dous goles encaixados déronlle opción aos pupilos adestrados por Jesús Martín. O duelo entre o Abadín e o Goiriz rematou en empate. Un punto que non lles permite escaparse da zona perigosa. Sérvelle de máis ao Abadín. Mantense na oitava posición.

No grupo sur, o Palas mantense no máis alto. Marcou dous goles na primeira metade que xa romperon o partido. Aínda que o filial monterrosino termou, no segundo acto a superioridade xa foi clara. Ao segundo posto regresa o Bóveda. Venceu pola mínima no campo do Corgo e volve ao ascenso directo. Todo despois da derrota do San Roque. Caeu no campo do Ferreira. Moi vivo na pelexa está o Guntín. Gañou pola mínima ao Brollón no Ladairo. Tamén está a un punto do ascenso directo. O resultado foi corto para as ocasións dos locais. O peor, a lesión de xeonllo de Fran. Semella que a tempada rematou para el. Continúa coa súa boa traxectoria o San Lázaro. Venceu a un Oural que agora o antecede na clasificación. A súa distancia co segundo é de sete puntos.

Na zona morna, cuarta xornada sen perder do Portomarín. Venceu pola mínima ao Santa Comba. Volveu ser máis Rooney ca nunca. Sergio Arias marcou os tres goles do seu equipo. Na zona máis baixa, o Incio sacou unha vitoria que pode ser chave ante o Sporting Lucense. O partido decidiuse cun gol de penalti de Urdi. O Sporting mantense fóra do descenso directo. A SD Becerreá perdeu a opción de saír do descenso directo esta xornada ao empatar a domicilio co Chantada B. Adiantouse no marcador pero o filial chantadino igualou o encontro.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*