O Lourenzá e o Palas foron os grandes triunfadores da xornada na Segunda Rexional ao vencer en cadanseu duelo directo. Ademais, no norte o Folgueiro volve ao liderado e na zona baixa o Abadín, a Candelaria e o Iberia sumaron de tres. No sur, o San Roque regresou aos postos de ascenso directo. A vitoria do Santa Comba deixa en seis puntos a súa diferenza co Becerreá, en postos de descenso directo.

No norte, o Suso Cruz acolleu o partidazo da xornada entre o Guitiriz e o Lourenzá. De novo Recalde asumiu a súa función tamén nos partidos importantes. Marcou os dous goles que supuxeron a vitoria final do cadro laurentino. Tres puntos que significan ademais o gol average a favor cun rival directo. Os de Diego Rego métense en postos de ascenso por primeira vez na temporada. Pola contra, o equipo guitiricense deixou o primeiro posto en mans do Folgueiro. Os pupilos adestrados por Anxo non perdoaron na súa visita ao Ventiño. A seis puntos do segundo clasificado sitúase o Roupar que enlazou a súa cuarta vitoria seguida. Venceu na Lomba ao Meira. Cun punto menos atópase o Xermade. Resolveu o partido contra ao Valadouro ao seu favor nos últimos minutos. Por medio dun penalti. Anteriormente, Hugo Gegúndez fora un dos grandes protagonistas. Marcou un bo gol de falta directa e deu un pase de gol. Todo despois de saír como recambio.

O Mondoñedo mantense na sétima praza. E continúa sumando no seu obxectivo de non pasar apuros. Igualou ante o Cervo. Non foi un bo partido do cadro adestrado por Israel. Aínda que foi quen de empatar. Os visitantes continúan como pechacancelas. O Abadín segue dando pasos cara adiante. Derrotou a un rival directo como é a Comercial. Carra marcou os dous goles do seu equipo. Catro triunfos nos últimos seis partidos. Tamén sumou de tres a Candelaria. Aproveitouse dun Cabreiros que foi con once xogadores xustos. O equipo xermadino queda nunha zona morna (6ª praza) sen grandes obxectivos en xogo. Outro dos que gañou un partido chave foi o Iberia. Venceu a un Cospeito que continúa empatado a puntos co descenso directo (Valadouro).

No sur, o Palas afianzou a súa condición de líder. Derrotou ao Oural no que foi o partido da xornada para Futbolinlugo. Os Chacotes continúan sendo un fortín. Non obstante, os perseguidores seguen preto. O San Roque ten dous puntos menos. Volveu a pasada fin de semana á segunda praza. Gañou no derbi capitalino ao Sporting Lucense. Bruno marcou un bo gol. Na loita tamén está o Bóveda. Venceu a domicilio ao Monterroso B. E evidentemente o Oural continúa tendo opcións. Ademais do Guntín que derrotou a unha combativa SD Becerreá. A que se lle complica a situación. A seis puntos do seu antecesor.

Afástase das opcións de ascenso o Corgo. Empatou ante o Brollón. Os xogadores adestrados por Vivian estiveron escasos no acerto e con erros atrás. Faltou tranquilidade para manter o resultado. Tamén houbo empate no duelo entre o San Lázaro e o Incio. Diego Rey continúa sendo talismán. E iso que os visitantes tiveron as súas. Pola zona tamén se move un Portomarín que venceu fóra da casa ao Chantada B. Aínda que o filial chantadino tivo máis presenza ofensiva ca que amosa o resultado (0-5). O Santa Comba sacou tres puntos de ouro ante o Ferreira. Tiveron que sufrir. Quedaron cun menos pola expulsión de Asier. O marcador estaba en empate. Jul marcou o segundo e termaron ata o final.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*