O Guitiriz volve ao máis alto da táboa no grupo norte logo de vencer e aproveitar o empate entre o Folgueiro e o Lourenzá. A sorpresa da xornada foi na Lomba coa vitoria do Meira ante o Xermade nunha xornada na que gañaron os dous equipos que ocupan postos de descenso directo. No grupo sur, o Palas continúa líder e vencendo a rivais directos. Nesta xornada superou ao Ferreira que non foi o único da parte alta que perdeu. O Bóveda deixou o segundo posto a costa do seu rival desta xornada, o San Roque. A xornada tamén deixou un novo troco de adestradores.

No grupo norte, xogouse en Boa Vista o duelo da xornada entre dous dos candidatos ao ascenso. O Folgueiro e o Lourenzá igualaron a dous goles nun duelo con protagonismo para os porteiros. O empate aproveitouno o Guitiriz para poñerse líder logo de vencer no seu partido a domicilio ante un Iberia que deu a cara e só lle faltou máis pegada. O cadro guitiricense recupera unha posición que abandonara na oitava xornada. Pola contra, o Xermade queda a cinco puntos do ascenso despois de perder ante o Meira. A sete está o Cabreiros que volveu ao camiño da vitoria ante a Comercial. O cadro adestrado por Abel Rochela adiantouse cedo no marcador e controlou con solvencia o encontro. En cambio,o Roupar caeu ante un Cospeito á alza que segue ocupando postos de descenso directo.

Na zona media da táboa o Derbi do Fiouco acabou en táboas. O Abadín e o Mondoñedo empataron a un gol. Quen colleu aire foi o Valadouro que conseguiu a primeira vitoria dende a chegada de Rubén Barrios ao banco. O Goiriz non estivo atinado no Ventiño de cara a portería rival. Tomás foi protagonista para un Valadouro que levou os tres puntos no tempo extra. Ademais, o Cervo levouse o derbi en pleno día da Candeloria. O cadro adestrado por Jesús Martín fixo unha boa primeira media hora na casa da Candelaria. Os tres puntos meten ao Cervo na loita pola salvación e iguala moito aos equipos de abaixo.

No grupo sur, o Palas continúa afianzando a súa posición no máis alto despois de derrotar a un rival directo como o Ferreira. O cadro de Pantón presentouse con doce xogadores e aínda así foron gañando ata o minuto vinte da 2ª parte. Á segunda posición volveu o San Roque ao vencer noutro duelo directo ante o que ocupou esa praza nas últimas semanas, o Bóveda. Emilio decantou a vitoria cun gol nos últimos intres. Na pelexa mantense o Guntín que non estivo acertado de cara o gol ante o Santa Comba. Rubén Pena, Yelko, Iván e Fran tiveron as máis claras pero José Ángel sacou a súa mellor versión. A dous puntos está o Oural que sumou un novo triunfo ante a SD Becerreá que entra en postos de descenso directo. Non renuncia a nada o filial do Chantada que derrotou a outro dos candidatos, o Corgo. Foi un partido de ida e volta cun penalti errado por equipo. Gañou o que estivo máis acertado.

Na zona baixa destacou a vitoria do Sporting Lucense ao San Lázaro que lle permite ao conxunto adestrado por Lolo saír dos postos de descenso directo. Pola contra, despois dunha reunión post encontro, Ángel Merino deixou de ser o preparador do equipo da Ponte. Diego Rey colle agora ao equipo co obxectivo de evitar o descenso de categoría. O outro equipo que ocupa postos de descenso é o Monterroso B que empatou a un gol ante o Portomarín. Non foi de todo positiva a visita do adestrador Fernandito ao filial do seu pobo. O conxunto do Chao da Poza suma catro xornadas sen gañar (tres empates e unha derrota). Na zona baixa destacou tamén o triunfo a domicilio do Incio ante o Brollón, ao que supera agora nun punto na clasificación.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*