Nesta situación extraordinaria que nos toca vivir, e na que a sanidade é a cuestión primordial, non nos esquecemos dun colectivo imprescindible do noso fútbol: os colexiados. Ao igual que os xogadores, e o resto da sociedade, aos árbitros, tócalles quedar na casa á espera de que a situación mellore e poder saltar de novo ao céspede.

Falamos con Susana Gueimonde, colexiada de Segunda Autonómica, e co xa curtido en mil batallas José Luis Fraga Torres, colexiado de Primeira Autonómica.

Vainos costar volver á normalidade. Susana Gueimonde.

«As primeiras semanas de confinamento foron máis duras, pero agora supoño que xa se acostumou o corpo, e sobre todo a cabeza, a non ter tanta actividade. O que máis boto de menos é facer deporte ao aire libre, nos partidos poder sentir a chuvia, o sol ou o vento. Agora mesmo non hai nada que poda sustituír iso. A nivel mental creo que nos vai costar moito volver á vida social e estar rodeados  de xente e estímulos como o tráfico ou as aglomeracións. No fútbol, no cal pasan moitas cousas en instantes moi curtos imos ter que poñer os catro sentidos máis ca nunca».

«Durante este tempo os adestramentos non poden ser nin parecidos ao que estamos acostumados. Agardo que antes de que retorne a competición podamos rodar ou ir ao ximnasio e retomar velocidade e resistencia. A actividade física que podemos realizar estes días é máis unha forma de despexar a mente que un adestramento. No meu caso, hai días que teño moita enerxía e gañas de adestrar e outros dame pereza ata levantarme do sofá».

«A competición, tal e como estaba plantexada, non creo que sexa posible rematala, principalmente porque nos meteriamos moito no verán e non é agradable ter temperaturas tan altas para o deporte, e vai ser peor o remedio que a enfermidade. Confío en que a federación atope a fórmula para aplazar ou realizar as modificacións oportunas. Non pisar os campos ata setembro pareceríame difícil de asumir para todos, desde nós ata os nenos que están na casa desexando patear o balón cos amigos. No meu caso, teño moitísimas ganas de que volten os fins de semana de partidos e non parar na casa nin para comer, e que chegue ao luns máis cansa que ao venres. Polo deporte e pola xente, boto de menos contar uns contos cos coñecidos  nos campos e poder abrazarnos cando as cousas saen ben e sobre todo cando non saen tan ben».

Agora dámonos conta do valor dos pequenos praceres da vida. José Luis Fraga Torres.

«O confinamento vaise levando, quizáis foi máis duro ao comezo polo novidoso da situación, pero sobre todo pola incertidume social a raíz da alerta sanitaria polo Covid-19. En situacións extraordinarias como a que estamos vivindo non nos queda outra que aceptar e cumprir o que as autoridades nos marcan. Cunha rutina diaria os días fanse máis levadeiros e sobre todo hai que ter mentalidade positiva. Bótase de menos facer a túa actividade normal, e é cando nos damos conta do valor dalgúns pequenos praceres da vida aos que nunca lles damos a importancia debida, porque sempre os tivemos ao alcance; o simple feito de ter liberdade ou poder estar coa familia e cos amigos».

«Sigo mantendo a forma física, adestro cinco ou seis días por semana. Nesta situación inxénianse novos métodos de adestramento e simplemente hai que ter vontade e gañas. Síntome igual de ben que cando se suspendeu a competición, polo que estou preparado para cando comece».

«Baixo o meu punto de vista, a temporada debe rematarse, non debería ser doutra maneira. Eu creo que é factible e tódolos involucrados deberían poñer da súa parte, como se hai que rematala en xullo ou cando sexa. Hai moitos intereses, pero sobre todo hai moitos momentos que para os clubes son irrepetibles, tanto para ben como para mal. Sería inxusto que os equipos que fixeron as cousas ben non podan ter o seu premio ao final de temporada. Por poñer un exemplo, o Viveiro leva moitos anos pelexando por voltar á Terceira División, coa dificultade que iso conleva e probablemente agora mesmo se a competición seguise xa estaría acariñando o ascenso. E quen sabe se poderá repetilo na próxima temporada».

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*