Pasaron máis de sete meses desde o último Trío de Ases. Un periodo de tempo incerto e complexo, no que a pandemia do Covid-19 trastocou os plans do noso fútbol e da sociedade en xeral. Agora, cunha situación aínda delicada o balón volve a rodar na Terceira.
Cantarrana voltou a vivir un encontro en categoría nacional catorce anos máis tarde. O Viveiro estivo á altura das expectativas e acadou os tres puntos ante un frouxo Estudiantil, que debutaba na Terceira. O Racing Vilalbés visitou ao Arzúa no Viso e acadou un empate sen goles. O Polvorín tivo que adiar o seu encontro diante do Fisterra logo de resultar positivo en Covid-19 un integrante da plantilla lucense.
Dous tantos de Javi Rey déronlle o triunfo ao Viveiro no seu retorno a Terceira (2-0). O Estudiantil non foi rival para o Viveiro en Cantarrana. Clara superioridade do conxunto de Chusky nunha tarde con gran ambiente nas gradas do campo viveirense. Malia todo o cadro compostelán, que logo do seu periplo xudicial acadou o ascenso, gañoulle aos mariñáns en intensidade nos primeiros compases. Pero o tanto de Javi Rey aos cinco minutos solventou os posibles problemas, tras unha boa xogada de Gerardo. A partir do tanto, o Estudiantil desaparaceu e non inquietou a meta de Manu Cedrón en ningún momento. Arturo gozou dunha clara ocasión para ampliar a diferencia, pero o balón saiu rozando o pao. Na segunda metade, os visitantes baixaron o seu nivel físico e o Viveiro puido golear. Arturo, Facu, Gerardo e Moreda contaron con claras ocasións para ampliar diferencias. Pero o tanto non chegou ata preto do último cuarto de hora, obra de novo de Javi Rey, o mellor dos celestes.


O Racing Vilalbés foi mellor que o Arzúa no Viso, pero non acertou ante a porta rival (0-0). Encontro igualado na primeira metade, con dous equipos moi serios en defensa e que apenas permitiron ocasións de gol. O cadro chairego amosou unha gran firmeza defensiva ante un conxunto que conta co gran killer da categoría: Iker Hurtado. Nos segundos corenta e cinco minutos, o encontro abriuse e aí o conxunto de Simón Lamas foi mellor que o seu rival, sobre todo no aspecto ofensivo. A conexión ribadense entre Pedrosa e Aitor finalizou cun lanzamento deste último que sacou cunha boa intervención Bugy. O propio Pedrosa e Cuadrado tiveron sendas ocasións, pero os seus disparos saíron preto do pao. Brais Pedreira foi o único xogador arzuán que inquedou a Javi Pita, cun lanzamento desde fóra da área.
