O Trío de Ases da Xornada 24 déixanos o empate do Racing Vilalbés co Paiosaco e o triunfo do Polvorín diante do Arenteiro na Terceira. Na Preferente, o Viveiro volveu perder case unha volta enteira despois, mentras que o Ribadeo non puido puntuar en Boimorto. Derrotas tamén da Sarriana, Residencia e Foz como locales. A nota positiva foi o triunfo do Lemos que dobregou na Pinguela ao Galicia de Mugardos.

O Racing Vilalbés non pasou do empate na Madalena ante o Paiosaco (1-1). Xa son só catro puntos os que separan ao Racing cos postos de descenso, malia ocupar o décimo posto na táboa. Comezaron mellor os chairegos ante un Paiosaco que sufriu en defensa as constantes chegadas dos de Simón Lamas. No ecuador da primeira metade, Jose Varela adiantou ao Racing e a partir de ahí o Paiosaco deu un paso adiante e controlou mellor o partido. Sobre todo na segunda metade gozou de ocasións de gol. Nunha delas, Eiroa anotou cun bo lanzamento desde a frontal.

O Polvorín ofreceu unha gran imaxe ante o Arenteiro e logrou tres importantes puntos (3-0). Un dos mellores encontros do filial albivermello nesta temporada, nun partido condicionado polo forte vento. Os de José Durán levaron o peso do partido a través do xogo combinativo, pero os do Carballiño cun xogo máis directo e co vento a favor na primeira metade tentaron poñer en apuros aos lucenses, pero a férrea defensa do Polvorín non permitiu achegamentos claros. O primeiro tanto foi obra de Morais en xogada individual. Na segunda metade, o Polvorín foi claro dominador e tivo claras ocasións de gol. As máis claras nas botas de Chiqui e Morais que estrelaron dous balóns no pao na mesma xogada. No ecuador dos segundos corenta e cinco minutos, o Arenteiro volcouse a polo empate e o Polvorín saiu á contra con perigo. E así chegaron os tantos da sentencia. O segundo tivo como protagonista a Álex Rey, que fixo unha gran xogada e deixou o balón franco para que Rayco rematase a gol. O terceiro foi un golazo de Rayco. Desbordou a dous defensores por velocidade e desde corenta metros superou por algo ao gardameta visitante.

Case cinco meses despois chegou a segunda derrota do Viveiro, no campo do Xallas (3-1). O conxunto mariñán amosou a súa peor imaxe en San Pedro de Castriz, campo no que xogou de local o Xallas. Malia todo, os de Chusky gozaron de ocasións nos primeiros minutos para adiantarse no marcador. A máis clara nas botas de Gerardo, que tras driblar ao porteiro estrelou o balón no longueiro. Pero non era o día dos celestes. Pasada a media hora de xogo, o veterán Doro adiantou ao Xallas cun remate desde dentro da área e él mesmo foi quen de poñer terra de por medio logo desde os once metros logo dun inocente penalti cometido por Julio Camba. Na segunda metade, o adestador viveirense moveu o banquiño, aínda que sen grandes resultados. Gándara fixo o terceiro e o marcador estaba visto para sentencia. Case co tempo cumprido, Rolle recurtou diferencias cun bo remate.

O Ribadeo repúxose do 2-0 inicial pero rematou perdendo no campo do Boimorto (3-2). O forte vente o a choiva castigaron o céspede do Carballal. O Ribadeo sufriu na primeira metade o fútbol directo do conxunto local, que aproveitou a corpulencia do seu dianteiro Neto. Foi precisamente él quen abriu o marcador un potente disparo que sorprendeu a Hugo. Isma e Aitor tiveron as ocasións máis claras para os mariñáns na primeira metade, pero non estiveron acertados. Logo do paso por vestiarios, o Ribadeo mellorou pero foi o Boimorto quen acadou o segundo. De novo Neto logo dun saque de curruncho, incrementou as diferencias no marcador. A entrada de Criss deulle outro aire aos de Rafa Casanova, e foi o focense quen recurtou diferencias cun tiro cruzado. Tan só dous minutos despois, Brais cabeceou no primeiro pao e Aitor rematou case na liña de gol establecendo o empate. Co Ribadeo máis cerca do terceiro, éste caeu do lado local. Figurín, en xogada individual deulle o triunfo aos de Manu Millán.

Segunda derrota consecutiva da Sarriana, desta volta ante o Puebla (0-1). Os de Xoan Peón vense relegados da pelexa polos postos de privilexio logo de caer ante o Puebla. O encontro tivo dúas partes moi diferenciadas. Na primeira, os visitantes foron superiores e adiantáronse no marcador cun tanto de Pap, que aproveitou un erro no blocaxe do balón de Peti. O propio Pap e Adrián Pereira tiveron ocasións para ampliar as diferencias no marcador. Fernando tivo nas súas botas o empate cun lanzamento desde o punto de penalti. Pero o gardameta visitante Juan detivo o disparo do monterrosino. Na segunda metade a Sarriana, moito mellor plantada no terreo de xogo, colleu o mando do partido, aínda que non foi quen de sobrepasar o entramado defensivo dos de Anxo Casalderrey. Omar puido facelo empate cun bo lanzamento desde fóra da área, pero de novo Juan resultou providencial.

O Lemos venceu na Pinguela ante o Mugardos, un dos equipos máis en forma da Preferente (1-0). Encontro de dominio visitante, e que os monfortinos sacaron adiante cun home menos desde o minuto 44 pola expulsión de Gonzalo Torres por dobre cartón amarelo, cun gran esforzo de todo o colectivo. Na primeira metade, Artai tivo a ocasión máis clara logo de recoller un balón do ex viveirense Diego Chis, pero o seu lanzamento desviouno a córner Arturo. Ao comezo da segunda metade, o Mugardos tivo a ocasión máis clara do encontro. Un penalti cometido sobre Yago lanzouno Naya, pero estrelou o balón no longueiro. O rexeite caeulle a David Amado que envía o balón ao pao. Na seguinte acción de perigo chega o único tanto do partido. O lanzamento de falta de Adrián Díaz sorprendeu ao gardameta visitante e puxo ao Lemos co marcador en vantaxe. O Mugardos foi a polo empate, pero Arturo salvou un cabezazo de Jorge. Armesto puido sentenciar con outro lanzamento de falta.

A Residencia caeu nun polémico final ante o Arteixo (0-1). Nun encontro insulso e sen moitas ocasións de gol, un solitario tanto de Antonio preto do descanso deulle o triunfo ao conxunto coruñés. Un disparo do zagueiro en colaboración co gardameta Diego Bravos sentenciou aos de Álvaro Meilán. Na segunda metade, Veloso tivo o empate en dúas ocasións. A última delas, xa co tempo cumprido foi a máis clara. O atacante lucense rematou de cabeza e o gardameta visitante sacou o balón, pero os xogadores da Residencia reclamaron que o esférico xa atravesara completamente a liña de gol. Nen o colexiado nen o seu asistente deron validez ao tanto.

O Foz non puido co Sofán malia que se adiantou no marcador (1-3). Javi Chinchón non puido estrearse cun triunfo no Martínez Otero, e a mala racha dos focenses prosegue. Malia todo, o encontro do conxunto local foi correcto. Nada máis comezar o partido puido adiantarse o Sofán, pero foi o Foz quen abriu a lata. Gonzalo, á saída dun córner, rematou ao fondo das mallas. Eran mellores os locales e non foi ata a segunda metade cando os de Carballo lograron a igualada, cun tanto de Quintela. Co empate, o encontro cambiou e púxose de cara para o Sofán, que antes da remontada xa estrelou un balón no pao. Paulo, cun remate a bocaxarro fixo o segundo e pouco despois, Alexandre coa colaboración de Manu Pardo fixo o terceiro.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*