Comezamos o Trío de Ases con malas novas na Terceira. Dúas derrotas dos dous representantes lucenses. O Polvorín caeu no campo do Estradense e o Racing Vilalbés na Madalena ante o Bergantiños. Na Preferente, o Viveiro venceu ao Fisterra e amplía as difernecias no liderato. Bo empate do Ribadeo no Carral ante o Sofán e insuficiente punto do Foz ante o Laracha. Derrotas do Lemos en Santa Comba ante o Xallas, da Residencia ante o San Tirso e da Sarriana ante o Boiro.

O Polvorín rachou a súa boa xeira e caeu ante o Estradense (3-1). Chegou a derrota logo de tres triunfos consecutivos. O filial albivermello comezou mellor e dominou a primeira media hora de xogo. No último treito da primeira metade o cadro local subiu a presión e afogou aos de José Durán, pero chegouse ao intermedio sen goles. Na segunda metade, Chiqui e Rayco tiveron opcións para poñer por diante ao Polvorín, pero foi o Estradense quen inagurou o marcador por medio de Juanín que disparou á escadra de Julen. Os lucenses volcáronse na procura do empate e este chegou a falta de seis minutos para o final á saída dun córner. Nico rematou e o balón quedou morta para que Antón Escobar empurrara a gol. Con pouco tempo por diante, un erro na saída de balón penalizou ao Polvorín. Anotou Martín cun lanzamento desde dentro da área. No desconto, chegou o terceiro de penalti.

Terceira derrota consecutiva do Racing Vilalbés que caeu na Madalena ante o Bergantiños (0-1). Chegaba á capital da Terra Chá un conxunto en descenso, pero cun potencial fóra de toda dúbida. E aínda que os de Simón Lamas non foron inferiores en canto a xogo, si o foron en canto a pegada. A primeira metade rematou sen apenas ocasións. As que houbo foron a balón parado. Jose Varela rematou de cabeza un saque de falta de Ángel, na que foi a máis clara para os locales.  No segundo acto comezou mellor o Racing, tentando chegar á área rival por banda, pero sen atopar rematador. O Bergantiños espertou e puido adiantarse cun remate ao longueiro de Jorge Cano tras un bo pase de Diego Fernández. Tan só dous minutos despois, Rubén Rivera non perdoou e rematou de volea un saque de esquina. Moveron o banquiño os chairegos buscando máis presencia en área rival, pero non chegaron ocasións claras de gol. Puido sentenciar o ex do Polvorín Duque, pero o seu remate sacouno Vérez baixo paos. Primeira vitoria do Bergantiños con Borja Facal no banquiño. O monfortino Iago López foi titular no conxunto de Carballo acompañando no centro da zaga ao ex racinguista Antonio. Tamén tivo minutos no equipo visitante o monterrosino Álex Diéguez.

O Viveiro é máis líder logo de derrotar ao Fisterra en Cantarrana (2-0). Golpe de autoridade do conxunto mariñán que aumenta a cinco puntos a diferencia cos fisterráns, un conxunto aguerrido que plantexou un encontro de moito contacto. Pero os de Chusky foron superiores durante a totalidade do encontro. Cun Iván imperial no centro do campo, Manu Cedrón prácticamente non tivo que intervir. Tan só nun remate de Herbert na primeira metade. Álex Meitín antes de chegar aos dez minutos de partido adiantou ao Viveiro cun preciso testarazo. Co control do partido acadado, as chegadas á área vivisitante foron constantes e Marino gozou de boas ocasións para poñer terra de por medio. O segundo tanto chegou na segunda metade. Xaime sacou o seu guante e unha falta lateral colouse pola escadra de Iván Bouzón. Na última media hora, o Viveiro contemporizou e o Fisterra non foi quen de inquedar.

O Ribadeo acadou un empate no campo do Sofán e prosigue a súa boa racha (1-1). Bo punto o acadado no sempre difícil campo do Carral. Foi mellor o conxunto mariñán e gozou de ocasións de gol xa nun primeiro tempo igualado. Luki e Poratti tiveron as máis claras. Na segunda metade chegaron os goles. Brais marcou para o Ribadeo á saída dun córner, pero tan só tres minutos despois Alexandre batiu a Carrera. Fíxose co dominio o Ribadeo nos seguintes minutos e Criss a piques estivo de facelo segundo, ao igual que Luki, que obrigou a intervir ao gardameta local. O Sofán só inquedou a área ribadense á contra, pero sen excesivos apuros para o cadro de Rafa Casanova, que suma oito encontros sen perder e sitúase a cinco puntos dos postos de ascenso directo.

Segunda derrota consecutiva da Sarriana, desta volta na Ribela ante o Boiro (1-2). Afástase dos postos cabeceiros o conxunto de Dani Fernández tras caer ante un rival directo. Álvaro adiantou aos sarriaos cun golazo desde trinta metros que sorprendeu ao gardameta boirense. Pero Óscar Martínez igualou a contenda antes da media hora de xogo tras unha perda de balón da zaga local. Na segunda metade medrou o dominio do equipo adestrado por Luis Santiago e Javicho tivo que sacar o balón baixo paos ata en dúas ocasións. A falta dun cuarto de hora, Saviola aproveitou un barullo na área para facelo segundo.

O Lemos cae por segunda xornada consecutiva no campo dun Xallas en racha (4-2). Non puido o cadro monfortino contrarrestar a efectividade á contra dos de Santa Comba, que aos vinte minutos xa tiñan dous tantos de vantaxe. Borja Castro recurtou as diferencias moi preto do descanso. Na segunda metade, os de Edu Rodríguez tentaron empatar o encontro, pero varios erros de peso na parcela defensiva penalizáronos en exceso. Varela a falta de cinco minutos fixo o segundo para os lemistas, que se quedaron con dous xogadores menos nos últimos compases por expulsión de Ramos e Gutián.

A Residencia caeu na Cheda ante o San Tirso nun encontro igualado (0-1). Un penalti no segundo tempo decidiu un encontro que tiña visos de rematar sen goles. Álvaro Rey non errou desde os once metros logo dun claro penalti cometido sobre Manu Ramos. Antes, os de Álvaro Meilán quixeron ser protagonistas do encontro, e tiveron o balón pero sen excesiva profundidade. O maior perigo chegou logo de dúas faltas laterais botadas por Dani Galán. Xa moi preto do final, o San Tirso puido sentenciar cun lanzamento de Máquez que salvou o gardameta local.

O Foz non pasou do empate ante un Laracha fundido na clasificación (2-2). Non fixo un bo encontro o conxunto de Gayol no Martínez Otero. A visita do Laracha antollábase clave para voltar á senda do triunfo, pero a clasificación dos de Nando non é acorde ao potencial do equipo, e viuse no feudo focense. Adiantáronse os visitantes por medio de Jhony e Asier empatou preto do descanso. Á volta de vestiarios, de novo Jhony adiantou a un Laracha que defendeu a renda sen excesivos apuros ata os últimos intres. Unha falta moi protestada polos visitantes sirviulle a Iban Gayol para facelo empate cun lanzamento axustado ao pao.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*