Esta fin de semana comezan varias competicións do fútbol galego. Logo de máis dun ano de pandemia, os campos van recuperando minimamente a actividade. O fútbol base, a Preferente máis lucense ou a Primeira Galega feminina estréanse esta finde.
A máxima categoría do fútbol feminino galego xogarase nun formato curto e contará coa participación de dezaseis equipos. Estarán distribuídos en tres subgrupos. Os tres conxuntos lucenses non xogarán xuntos. O primeiro encontro do filial friolés foi aprazado esta finde.
O filial do Friol e o CD Lugo están encadrados no Subgrupo A, cos equipos de Ferrol e da Coruña. Pola súa banda, o Antas xogará cos clubs da zona de Santiago e do Barbanza. O Subgrupo C fórmano conxuntos da contorna de Vigo:
- Subgrupo A: SD O Val, Victoria CF B, Betanzos, Orzán, PM Friol B e CD Lugo.
- Subgrupo B: Antas SD, Victoria FC B, Villestro, EFM Concello de Boiro e o Xuventude Aguiño.
- Subgrupo C: Sárdoma B, Alertanavia, Matamá, Valladares e Arcadia.
Os equipos de cadanseu subgrupo xogarán entre eles a dobre volta. Os que se clasifiquen nos dous primeiros postos, acceden a unha 2ª fase na que pelexarán polo ascenso.
En función da súa clasificación na 1ª fase, arrincarán o segundo tramo da competición con dous ou cun punto. Acceden seis equipos que se volverán repartir en dous grupos de tres. Xogan dous partidos cada un e os dous primeiros clasificados de cadanseu grupo (catro equipos en total) xogan a fase de ascenso á Primeira Nacional. Xogarían dúas eliminatorias e ascende o vencedor.
Non haberá descensos deportivos. Os equipos que non xoguen a 2ª fase, terán opción de competir na Copa LGF 1ª División.
Covi Regueiro (adestradora do PM Friol B): “Non é unha competición moi seria”
O PM Friol B afronta a súa terceira temporada de vida. No primeiro ano ascendeu á Primeira Galega. A pandemia colleuno en postos de play off de ascenso á Primeira Nacional que finalmente non se desputaron.
Algunhas das xogadores xa tiveron minutos co primeiro equipo en Reto Iberdrola. Covi Regueiro continúa sendo a líder deste proxecto dende o banco. A primeira cita a domicilio ante o filial do Victoria da Coruña foi suspendida. Esta situación non ten nada que ver co positivo detectado no PM Friol. O encontro do filial xa levaba días suspendido.
A breve tempada: Non é unha competición moi seria. Entendo que se fixo moi precipitada. Creo que tivemos opcións de competir noutros momentos. Aínda que é certo que había menos equipos interesados. A Federación Galega mantivo as competicións paradas ata que dende a RFEF comunicaron que só ían manter as axudas económicas onde se competira. Creo que somos un club perxudicado porque levamos adestrando dende setembro. Logo chegou o parón de xaneiro e a idea de competir foi a menos. Nesa situación non te molestas en buscar máis xogadoras porque pensas que non vas xogar. E é un coste adestrar todo o ano facendo as probas. Pero agora dinnos que se queremos seguir adestrando, temos que apuntarnos a unha competición. E máis, se non nos apuntamos, as fichas das xogadoras quedan libres.
Cadro de xogadoras: Imos xustas de xente porque habitualmente hai varias que soben co primeiro equipo. Temos dezasete xogadoras, pero coas lesións de Uxía (chegou este ano e compaxina co fútbol sala no Begonte FS) e Lucía que se recupera da súa longa lesión de xeonllo. Ademais temos algunha que traballa que tampouco vai poder estar dispoñible sempre. A nosa prioridade é subir xogadoras. Non podemos non subir xogadoras para ter xente no filial. Pedimos a non coincidencia de partidos pero é complicado.
Formato de competición: A competición dise que se fixo por proximidade, pero Antas está a vinte e cinco minutos de Friol e os equipos non están no mesmo grupo.
Obxectivo: Mantemos o mesmo obxectivo cunha tempada de retraso. A meta é formar xogadoras para o primeiro equipo. Deunos moita pena que parara a competición no mes de marzo. De non ser por iso, en agosto moitas xogadoras do filial comezarían a adestrar co primeiro equipo. Logo, en función do seu rendemento, escolleríase o seu camiño máis axeitado. Polo tanto, o obxectivo será acadar o nivel de competición que tiñamos o ano pasado. Sobre todo, a nivel individual das xogadoras porque os partidos tamén van ser unha incógnita.
Jesús Melendo (adestrador do Antas): “O obxectivo sempre é que para o ano seguinte siga habendo equipo”
O Antas vivirá a súa terceira tempada seguida na Primeira Galega. A pandemia colleunas loitando pola salvación da categoría. E tamén nunha situación complicada para manter a estrutura feminina do conxunto da Ulloa. Melendo volve coller os mandos dun equipo ao que xa ascendeu de categoría. O debut será este domingo ás 17:00h en Compostela no campo de Santa Isabel ante o filial do Victoria santiagués.
A breve tempada: Atípica. Empezamos aló por setembro sabendo que isto ía ser un continuo arrincar-parar. Así chegamos ata o día de hoxe. Contentas de que comece. Considero que nos tocou un grupo do noso nivel aínda que non teño un coñecemento en profundidade da calidade exacta dos rivais. Pero, a priori, temos opcións de estar entre as da cabeza do subgrupo.
Cadro de xogadoras: Temos quince futbolistas. Empezamos dezaoito, pero por motivos de traballo tiveron que deixalo. A maior parte das xogadoras xa estaban no equipo. Volveu Lucía que xogou hai dous anos connosco e chegou Elisa Rivas que estaba xogando ao fútbol sala en Monterroso.
Formato de competición: Non había moita máis solución. Ou facíase desta maneira ou serían todo eliminatorias; baixo o meu punto de vista. Dediciron sacala competición dende que a RFEF decidiu que ía haber un ascenso e entón tiñan que facer algo. Decidiron así e nós queríamos xogar.
Obxectivo: Sempre é que para o ano seguinte haxa equipo e que podan seguir xogando as rapazas ao fútbol. Non miramos máis aló. Tratamos de que haxa unha estrutura organizada en canto a adestramentos e maneiras de facer as cousas. Xa o dixen cando ascenderamos; a liga na que estamos é moito para un equipo como o Antas. Así que a desfrutar sempre.
Joaquín Blanco (adestrador CD Lugo): “Trataremos de incorporar algunha xogador máis”
O CD Lugo estrea categoría logo do seu ascenso do curso anterior. Unha subida encamiñada no campo e confirmada nos despachos. Joaquín Blanco e Iria Rey seguen á fronte do proxecto do cadro albivermello. A estrea será este domingo ás 11:30h no campo B de Sinde en Narón ante o SD O Val.
A breve tempada: En principio ten moitos inconvenientes. A preparación foi curta e o tempo parado é moi longo. A priori, van ser tres meses moi complicados. Hai que ser positivos e pensar que tamén este tipo de competicións teñen alicientes. Todos os partidos van ser case finais. Buscaremos o lado bo e trataremos de facelo o mellor posible.
Cadro de xogadoras: O bloque é practicamente o mesmo. Temos a baixa de Celia por estudos. E incorporamos a Ceci procedente do Ponte Caldelas. Hai dezanove xogadoras actualmente, aínda que Patri segue recuperándose da lesión de xeonllo. Trataremos de incorporar algunha xogadora máis para chegar as vinte ou vinte e unha fichas.
Formato de competición: Era complicado polos equipos que había. Sobre todo, pola pouca marxe que hai de tempo para facelo. A Federación decidiu facelo así. Non queda moito máis que facer. Hai que adaptarse e desfrutar o que se poda.
Obxectivo: O primeiro é unha cuestión de saúde. Temos que ter o máximo coidado polo tema da covid para que non teñamos que lamentar un contaxio. Ademais, seguindo polo lado da saúde, a meta é tratar de evitar lesións logo de tanto tempo paradas. Estamos traballando co preparador físico para reducir ao máximo os riscos. Antepoñeremos iso, incluso, ao rendemento. Non nos marcamos un obxectivo de competición de aquí a xuño. Iremos a gañar cada partido. Non nos poñemos o obxectivo de ‘este ano hai que ascender’. Se a categoría te pon en disposición, evidentemente pelexaremos ao máximo.