A penúltima xornada de liga en Segunda Autonómica pode decidir, de xeito definitivo, varios ascensos. No grupo Sur, aínda que son máis os que teñen opcións, San Roque, Palas e Guntín xogaranse as dúas prazas que outorgan o pase a Primeira. Na zona norte da nosa provincia, un enfrontamento destaca por enriba do resto. O Folgueiro, primeiro clasificado, con dous puntos de vantaxe sobre o Lourenzá, recibe ao terceiro, un Gutiriz que porá sobre o céspede de Boa Vista, o domingo ás 17 horas, tódalas súas opcións de dar caza aos dous conxuntos chamados a acadalo ascenso.

O Folgueiro cun empate ante o Guitiriz sería novo equipo de Primeira Autonómica

O Folgueiro quere festexar o ascenso diante da súa afección. Para iso, chégalle con sumar un punto diante do Guitiriz. A temporada do cadro vicedense roza a matrícula de honra. 95 goles a favor en 28 encontros disputados. Máis de tres dianas por encontro é un reflexo do potencial ofensivo dos de Anxo Fernández. Máis da metade dos tantos foron acadados por dous xogadores. O incombustible Aurelio, pichichi con 31 goles e Kiños con 19 marcan a diferencia na categoría, con permiso doutro ilustre: Recalde, do Lourenzá. Nove anos despois, o Folgueiro quere repetir fazaña e voltar a disfrutar dun ascenso que tamén acadara na penúltima xornada no campo do Pol.
O Guitiriz, logo de ocupar posto de ascenso durante boa parte da temporada, non foi quen de mantelo ritmo de Lourenzá e Folgueiro. Tal e como lle ocurriu na pasada campaña, os últimos dous meses non mantivo o nivel amosado, sobre todo na primeira volta. A súa solidez defensiva, sendo o equipo menos goleado do grupo norte, sumado ao bo facer lonxe do Suso Cruz, acadando os mesmos puntos que no seu feudo, fan do conxunto de Delfín Romero un rival moi difícil de superar. Pero dúas derrotas e dous empates nos últimos oito encontros foron decisivos para que o Guitiriz afronte os dous últimos encontros sen depender del mesmo. Precisa un triunfo en Boa Vista e gañar ao Goiriz na casa, e que o acompañen os resultados do Lourenzá e Folgueiro.
 
No Folgueiro causará baixa Zeus, mentras que no Guitiriz non será da partida Mauro.
 
O último enfrontamento entre Folgueiro e Guitiriz en terras do Vicedo tivo lugar o 21 de xaneiro de 2018 e rematou con triunfo local por dous goles a un. Aurelio e Bruno marcaron para o Folgueiro, mentras que Rubén anotou para os visitantes.
 
Falamos cos adestradores de ámbolos conxuntos: Anxo Fernández (Folgueiro) e Delfín Romero (Guitiriz).
 
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
 
ANXO FERNÁNDEZ (U.D. FOLGUEIRO)
 
 – Un encontro que pode ser histórico. «Afrontámolo con moita ilusión, sabendo que estamos a un paso de acadar algo moi bonito. Pero non será nada fácil. Válenos o empate, pero en ningún momento pensamos neso, soamente en sacar os tres puntos».
– Un Folgueiro mellor que o da pasada temporada. » O equipo creo que está na liña do ano pasado. A experiencia da última temporada creo que nos axudou para que nesta saibamos xogar nos momentos complicados, e coa tensión que noutros momentos ao mellor nos podía pasar factura. Levamos moito tempo xogando «finais» cada fin de semana».
 – O Guitiriz. «É un bo equipo que leva moitos anos co mesmo bloque. Pero non me preocupa o rival. Nun encontro de poder a poder só quero que o meu equipo disfrute, porque cando o facemos os resultados rematan chegando. Nós non sabemos especular, e eles precisan gañar, polo que o encontro xogarase como unha final».
 
DELFÍN ROMERO (S.D. GUITIRIZ)
 
 – Sen marxe de erro. «Imos ao campo do Folgueiro con ilusión e gañas de intentar acadar os tres puntos para chegar á derradeira xornada de liga con posibilidades. Sabemos que será moi difícil».
 – O Folgueiro. «É un moi bo equipo con grandes individualidades. Todo iso fai que sexan moi solventes e desenrolen un gran fútbol. Ademáis, a balón parado teñen un gran potencial. Un conxunto moi difícil de dobregar».
 – O baixón no último tercio de liga. «Outro ano máis as lesións e as obrigas laborais foron claves. Chegamos á recta final algo mermades e iso notouse nos resultados. De tódolos xeitos imos tentalo ata o final».
 

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . . 

Terceira División

 – Polvorín – Bergantiños C.F. (Sábado ás 18 horas na Cheda): logo de dúas derrotas consecutivas, o filial lucense, coa permanencia encarrilada, recibe aos de Miguel Figueira, segundos clasificados e firmes candidatos ao ascenso de categoría.

– Racing Vilalbés – U.D. Paiosaco (Domingo ás 17:30 horas na Madalena): trascendental encontro para os de Simón Lamas. Con oito puntos sobre o descenso directo e cinco sobre o seu rival desta xornada, un triunfo practicamente certificaría a permanencia do cadro chairego.

Preferente Norte

 – C.D. Castro – S.D. San Tirso (Domingo ás 17 horas no Arturo Pereiro): os de Brais Prados reciben a un conxunto que pelexa por evitalo descenso, co obxectivo de acadar un triunfo como local.

– Ribadeo F.C. – C.D. As Pontes (Domingo ás 16:30 horas no Pepe Barrera): o cadro mariñán recibe ao recén ascendido As Pontes, nun encontro sen puntos importantes en xogo, pero co obxectivo de agradar á súa afección.

– S.D. Sarriana – Atlético Arteixo (Domingo ás 18 horas na Ribela): non pode errar o conxunto de Alberto López para seguir de preto a segunda praza. Enfronte, os de Mauro chegan cómodamente situados no oitavo posto.

Primeira Autonómica

 – Atlético Escairón – S.D. Chantada (Domingo ás 17 horas no Municipal): xa sen posibilidades matemáticas, os de Eskalza reciben a un Chantada situado a tres puntos do segundo posto.

– U.D. Pastoricense – U.D. Xove Lago (Domingo ás 17 horas no Acebreiro): encontro clave para fuxir do perigo. O equipo que acade os tres puntos dará un paso case definitivo para voltar a competir a vindeira temporada en Primeira.

Segunda Autonómica

 – S.D.C. Cabreiros – E.D. Lourenzá (Domingo ás 17 horas na Cea): cun ollo posto en Boa Vista, os laurentinos buscarán un triunfo que lles certifique o ascenso a Primeira logo dunha excepcional temporada. Enfronte, un Cabreiros que quererá despedirse cunha vitoria ante os seus.

– C.D. Palas – S.D.C. San Lázaro (Domingo ás 17 horas nos Chacotes): tres puntos decisivos na pelexa polo ascenso en xogo. O cadro local poría un pé en Primeira se consegue a vitoria.

Terceira Autonómica

 – Celta Barreiros – A.D. Catro Roldas (Domingo ás 17 horas no Cascabeiro): os mariñáns, nun gran estado de forma neste tramo final de liga, reciben aos vilalbeses, que eliminaron á Milagrosa, no encontro de ida da última eliminatoria polo ascenso.

– S.D. Antas – C.D. Río Sil (Sábado ás 17 horas no Castro Seoane): logo da espectacular remontada en Castroverde, os da Ulloa tentarán acadar vantaxe para a volta en terras soberinas.

Primeira División Galega 

 – S.C.D. Milagrosa – S.D. Antas (Domingo ás 19 horas no Luis Gorgoso): derbi lucense con moito en xogo. Para as locales última oportunidade para optar á permanencia, mentras que as de Melendo, no caso de gañar, darán un paso de xigante para manterse en Primeira.

Segunda División Galega

 – S.D. Chantada – P.M. Friol C.D. Lugo B (Domingo ás 17 horas no Sangoñedo): outro derbi, desta volta na segunda categoría do fútbol feminimo. As locales tentarán facer un bo papel ante o líder invicto.

Liga Feminina Fútbol 8

 – S.C.D. Milagrosa B – S.D. Silva B (Domingo ás 12 horas no Luis Gorgoso): sen opcións de achegarse ao terceiro posto, o conxunto lucense recibe ao filial do Silva, situado na zona baixa da clasificación.


Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*