O 2020 comeza forte na Preferente. Faino cun derbi provincial entre a Residencia e o Lemos, os dous conxuntos que a pasada temporada acadaron o ascenso desde a Primeira Autonómica e esta campaña pelexan por manterse nela. Será o domingo ás 12 horas na Cheda. Tres puntos que ámbolos conxuntos agardan como un regalo adiantado de Reis.

O cadro local atópase na decimosexta posición na táboa con dezaseis puntos, catro por enriba dos postos de descenso directo, pero en serio perigo de perdela categoría de rematar así a temporada por mor dos arrastres. Iso si, cun encontro aínda por disputar no campo do Boiro, suspendido polo temporal. A Residencia, co claro obxectivo de acadala permanencia e darlle continuidade ao proxecto de Álvaro Meilán en Preferente, está a acusar a falta de gol. Logo de dezaseis partidos, soamente suma catorce goles a favor, non sendo capaz de marcar en sete encontros. Malia todo, na Cheda xa caeron rivais directos como o Sigüeiro, Xallas ou Sofán e foi quen de sumar ante Foz, Laracha ou conxuntos da zona alta como o Ribadeo a domicilio.

Pola súa banda, o Lemos conta con vinte puntos, catro máis que o seu rival desta xornada e é decimoterceiro na clasificación. O cadro de Edu Rodríguez non tivo descanso neste Nadal ao disputar xornada de Copa Deputación ante a Sarriana, encontro no que dixo adeus á competición tras caer 2-1 na Ribela. Se a Residencia non marca, os monfortinos son aos que máis lle marcan do grupo norte da Preferente, mantendo a portería a cero tan só en dous encontros. A última vitoria do 2019, ante un rival directo como o Foz, deulle folgos a un Lemos que puxo terra de por medio co descenso directo. Este mes de xaneiro, con enfrontamentos ante rivais directos, medirá as posibilidades dos monfortinos nesta campaña.

O último enfrontamento entre ámbolos conxuntos en Preferente remóntase ao 25 de agosto de 2013, na que fora a primeira xornada desa temporada, e rematou con marcador claramente favorable á Residencia por catro goles a cero. Dani Galán, cun hat-trick e Omar, hoxe na Sarriana, foron os autores dos tantos. A pasada campaña, en Primeira Autonómica, o encontro na Cheda rematou con empate a un tanto. Txiki marcou para os lucenses e Adrián Castañer para os monfortinos.

Falamos do encontro con Veloso (Residencia) e Borja Castro (Lemos).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

VELOSO (S.D. RESIDENCIA)

 – A volta á competición. «Creo que o parón foi positivo para nós, xa que estabamos a pasar unha mala racha tanto a nivel de resultados, xogo e lesións de moitos compañeiros, polo que creo que volvemos con moitas máis forza e ganas que antes e desexando demostrar do que somos capaces«.

– O Lemos. «A verdade é que agardo un partido moi complicado e disputado. Somos dous equipos  que acabamos de ascender de categoría e que necesitamos os puntos para poder seguir pelexando e non quedarnos atrás. Contamos co punto a favor de xogar na Cheda, polo que temos que facernos fortes na casa. Vexo ao Lemos un equipo moi completo e forte tanto fóra como na casa, polo que teremos que traballar moito para facernos cos tres puntos«.

– A pelexa pola permanencia. «Considero que a Preferente é unha liga de moito nivel, onde todos e cada un dos equipos son capaces de loitar tódolos partidos, sexa contra o rival que sexa. Vexo á Residencia moi capaz de asegurarse un posto o vindeiro ano nesta categoría, pero debemos traballar e volver ao noso nivel. Xogando tódolos partidos ao máximo estou seguro de que seremos capaces de conseguilo«.

BORJA CASTRO (CLUB LEMOS)

 – A Residencia. «A Residencia é un equipo moi compacto e difícil de superar no seu campo, pero intentarmos voltar para Monforte cos tres puntos. Vimos de gañarlle na última xornada ao Foz, no que foi un triunfo moi importante, sobre todo no aspecto anímico de todo o grupo, xa que nos vai dar confianza de cara aos seguintes partidos«.

 – A defensa. «Temos que ser mellores nas dúas áreas, sen dúbida. O que está claro é que se melloramos no aspecto defensivo, que neso estamos traballando, iremos cara arriba«.

O obxectivo. «Queremos seguir como sexa o vindeiro ano en Preferente. O malo desta categoría é que para estar seguro da permanencia debes de quedar como mínimo decimoterceiro, polo tema dos arrastres. Pero imos facer todo o posible para conseguilo. Agardo que tódolos equipos lucenses sexan capaces de acadar a permanencia«.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*