Xa non vai máis. Chega a derradeira xornada en Segunda Autonómica. No grupo Norte todo o peixe vendido na zona alta cos ascenso de Folgueiro e Lourenzá, pero no grupo Sur agárdanos unha xornada que non pode ser máis emocionante, con cinco equipos con posibilidades matemáticas de acadalo ascenso.

C.D. GUNTÍN – PALAS C.D. (DOMINGO ÁS 17 HORAS NO LADAIRO)

Unha temporada nun encontro. A final polo ascenso no Ladairo. O conxunto local é o líder e, polo tanto, o que goza de máis posibilidades de rematar festexando o salto de categoría. Con tres puntos de vantaxe sobre o Palas, segundo clasificado, o Guntín sumando tan só un punto é matemáticamente equipo de Primeira. No caso de perder, tería que agardar polo resultado do San Roque. Un triunfo dos lucenses privaría do ascenso aos de Martín Rodríguez. «Non hai favoritos, aínda que temos moitas opcións. Afrontámolo encontro con moita ilusión e ganas ante un Palas que xoga moi ben ao fútbol. É un encontro dos que gusta xogar a todo o mundo. Acadalo ascenso sería algo histórico para un clube que está medrando pouco a pouco», apunta Ivi, xogador do Guntín.

O Palas, que caeu no seu campo ante o San Lázaro, precisa dun triunfo para non mirar a outros campos. Os tres puntos ante o Guntín aseguraríanlles o salto de categoría. «Para o equipo sería a recompensa ao traballo feito durante estas últimas temporadas nas que estivemos cerca de logralo» afirma Cañón, un fixo no once titular do Palas, que non dubida que o encontro do domingo «será moi difícil ante un Guntín que está nun bo momento. A todos nos gusta xogar este tipo de partidos».

S.D.C. SAN ROQUE – O INCIO TERRA BRAVA (DOMINGO ÁS 17 HORAS NO POLVORÍN)

O San Roque é terceiro na clasificación logo de caer de xeito sorpresivo no campo do Becerreá na pasada xornada. Co golaverage a favor ante os dous primeiros, un triunfo devolvería aos lucenses á categoría perdida. Un empate só lle serviría no caso de derrota do Palas. Para Manolo García, adestrador do San Roque, «o ascenso sería unha gran satisfacción para todos, corpo técnico, xogadores e directiva, que levamos todo o ano traballando moi ben. Estou moi orgulloso do traballo e actitude de tódolos xogadores, moitos deles novos que se adaptaron moi rápido».

Non o terán doado. Enfronte o Incio, un conxunto que xa gañou aos capitalinos na primeira volta e que ocupa unha cómoda oitava praza na clasificación. «Intentaremos que o nerviosismo non nos xogue unha mala pasada. Temos que facer o partido o máis serio da temporada e pensar só no que pase no noso campo. Só nos vale gañar e intentarémolo ata o final«, afirma convenido Manolo García.

FERREIRA C.F. – S.D. OURAL (DOMINGO ÁS 17 HORAS NO BALIÑO)

Solvente no Luis Pallín, onde goleou ao filial do Chantada o pasado domingo, o Oural tamén parte con opcións de rematala xornada festexando o ascenso. «Sería un premio absoluto ao traballo da directiva. Acondicionan o campo, atenden o bar, preocúpanse por nós, e por enriba, aínda xogan e adestran. Ademáis como clube podería darlle unha saída a tódolos xogadores da zona de Sarria que, por diferentes motivos, no compiten co primeiro equipo da zona, que é a Sarriana«, di Marino, un dos buques insignia do equipo.

Visitan un dos campos máis difíciles da categoría, que malia o mal momento do Ferreira, tan só dous equipos lograron marchar del cos tres puntos. Non se poden despistar os de Julio Corral, que logo dun triunfo nas dez últimas xornadas aínda poden caer a postos de descenso por arrastre. Opción moi remota; teríanse que dar moitos condicionantes. As opcións do Oural pasan por acadala vitoria en terras de Pantón e que perdan Palas e San Roque. Para Marino, o máis importante é «centrarnos en gañalo noso partido, xa que non contabamos con chegar á última xornada con opcións, aínda que dependemos de dous resultados. Se nos beneficia o que ocorra nos outros campos haberá festa . . .  e senón tamén«.

S.D.C. SAN LÁZARO – C.D. CORGO (DOMINGO ÁS 17 HORAS NA PONTE)

O San Lázaro é o quinto en escena. Aínda que parte coa desvantaxe de estar a tres puntos dos postos de ascenso, ten no seu favor que gaña o golaverage a tódolos seus rivais. A puntos iguais con Palas e San Roque (co Oural non empataría polo que precisa que non gañe), subiría o conxunto adestrado por Diego Rey, que chegou mediada a temporada cun obxectivo ben distinto. «O importante era evitalo descenso, e a pesar da gran dinámica nunca pensamos en chegar á última xornada con opción algunha de ascenso. Atopeime un grupo espectacular, houbo confianza mútua e o bo traballo en adestramentos e partidos foi a chave da boa xeira«, afirma o técnico lucense.

Con un triunfo en sete xornadas, o Corgo non se atopa nun bo momento, pero foi quen de gañar catro encontros a domicilio e mesmo de dobregar ao San Lázaro no encontro de ida. «Afrontamos e encontro coa mesma ilusión que os anteriores. Fai dous meses non era crible que estiveramos nesta situación, polo que a ilusión e as gañas son aínda maiores«, relata Diego Rey.

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

 – Polvorín – Alondras (Domingo ás 17 horas no Ceao): logo da derrota in extremis no campo do Céltiga, os de José Durán tentarán reecontrarse coa vitoria ante un rival moi complicado: un Alondras que ocupa a cuarta posición e é un clara candidato a xogar, por segundo ano consecutivo, a promoción de ascenso a Segunda B.

– Racing Vilalbés – Arousa S.C. (Domingo ás 18 horas na Madalena): co obxectivo da permanencia virtualmente acadado, e despois de gañar no Vero Boquete ante o Compostela, os chairegos reciben a un Arousa que pelexa por non decir adeus definitivamente ao playoff.

Preferente Norte

 – C.D. Foz – Xallas F.C. (Domingo ás 18 horas no Martínez Otero): unha final para os de Gayol. Con dous puntos de vantaxe sobre os de Santa Comba, un triunfo focense deixaría a permanencia a tiro de pedra. Os triunfos ante Sofán e Boimorto dan mostra do bo momento dos mariñáns.

 – Viveiro C.F. – S.D. Dubra (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): A un punto do segundo posto ocupado polo Arzúa, e logo de tres empates consecutivos, o cadro mariñán precisa dun triunfo para afrontar as últimas semanas de competición con plenas garantías de ascenso directo. Enfronte un equipo forte e moi competitivo, pero sen nada en xogo.

Primeira Autonómica

 – S.D. Santaballés – S.D. Outeiro de Rei (Domingo ás 18 horas na Liga): a cinco e catro puntos respectivamente do ascenso directo, antóllase a derradeira oportunidade para ámbolos conxuntos de achegarse á segunda posición. O equipo que salla derrotada practicamente dirá adeus ás esperanzas de sar o salto de categoría.

 – U.D. Xove Lago – Chantada Atlético (Domingo ás 17 horas no Municipal): con tan só un punto de diferencia sobre o seu rival, os xovenses logo de cinco partidos sen gañar, precisan un triunfo para evitar o descenso por arrastre. Enfronte, o cadro chantadino, que deu a cara ante o intratable Lemos, ao igual que os de José Manuel buscan fuxir dos postos de perigo.

Segunda Autonómica

 – Mondoñedo – S.G. Comercial (Domingo ás 17 horas no Viñas da Veiga): encontro clave para os lucenses. Un triunfo ante o conxunto mariñán, que non pon nada en xogo, serviríalles para evitar o descenso directo. Xa non poden adiantar a ningún dos seus antecesores na clasificación. Polo que quedarían a espera de posibles arrastres.

 – A.C.D. Valadouro – S.D.C. Roupar (Domingo ás 17 horas no Árbol): o conxunto local tan só pode evitar o descenso directo. No caso dun triunfo ante o cadro xermadino, se acompaña o resultado do Viñas da Veiga, os de Ferreira quedarían á espera dos posibles arrastres de Primeira.

Terceira Autonómica

 – A.D. Catro Roldas – Celta Barreiros (Domingo ás 17 horas na Canteira): coa lixeira vantaxe para o conxunto chairego logo do empate a un gol do Cascabeiro, os de Román tentarán conservala. Pola contra, os de Fran Vázquez buscarán darlle a volta á eliminatoria para rematar festexando o ascenso.

 – C.D. Río Sil – S.D. Antas (Domingo ás 17 horas na Carqueixa): coa eliminatoria moi ao favor dos soberinos logo de asaltalo Castro Seoane a pasada semana, os da Ulloa tentarán facer o mesmo que na pasada eliminatoria co Castroverde.

Primeira División Galega Feminina

 – S.C.D. Milagrosa – Arcadia E.F. (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): último cartucho para as lucenses de acadala permanencia. Precisan un triunfo ante o sexto clasificado para recurtar diferencias cos postos de permanencia e poder chegar con vida á derradeira xornada.

Segunda División Feminina

 – S.G. Comercial – S.D. Orzán B (Domingo ás 18 horas no Rodríguez Lago 2): logo de catro xornadas sen gañar, as lucenses quererán atoparse de novo co triunfo ante un conxunto da zona alta. Non baixarán da oitava posición, polo que a Comercial xogará a fase de ascenso.

Carballedo C.F. – Silva S.D. (Domingo ás 18 horas no Catro Ventos): para finalizar a temporada do debut en competición oficial, o cadro local pretende brindarlle un triunfo á súa afección.

P.M. Friol  C.D. Lugo B – Xuventude de Crendes (Domingo ás 18 horas na Reigosa): complicado rival para o filial lucense no seu obxectivo de rematar a temporada invictas. Reciben ás terceiras clasificadas, que só perderon catro encontros ligueiros.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*