A Reigosa será o esceario, o sábado ás 16:30 horas, dun dos encontros máis atractivos da Primeira Autonómica. Friol e Santaballés veranse as caras nunha situación, que ben seguro, firmarían cos ollos pechados alá polo pasado mes de setembro. Dous conxuntos sen complexos que miran cara arriba, sen máis presión que a de facer bo fútbol e tentar gañar cada partido.

O conxunto local é sétimo na clasificación con 29 puntos, cunha distancia tranquilizadora dos postos de perigo, e a 8 puntos dos postos de ascenso a Preferente. Na súa primeira temporada na historia en Primeira Autonómica, os de Jon Vázquez, capitaneados no céspede por Rafa Casanova, sempre que as súas obrigas no banco do Ribadeo llo permitan, contan cun plantal eminentemente local. Tan só dous xogadores non naceron en Friol. Mérito enorme nun pobo de menos de 4.000 habitantes.

Malia perder na última xornada na Marosa ante o Burela, o Friol viña dunha racha de seis encontros consecutivos sumando, conseguindo incluso dobregar ao Lemos e empatar na Veiga ante o Riotorto.

O Santaballés fai poucas xornadas podíase considerar o equipo revelación da Primeira Autonómica, pero a día de hoxe, xa é un conxunto consolidado na zona alta da táboa clasificatoria. Cuarto, con 37 puntos, os mesmos que o Outeiro de Rei que ocupa praza de ascenso e máis o Chantada que é terceiro. Detrás viaxa outro dos favoritos, a Residencia, a cinco puntos. O proxecto comezado por Simón Lamas, e continuado con éxito por Dani Moirón ameaza con seriedade aos teóricos galos da categoría.

Os vilalbeses, a pesares de ser un conxunto máis fiable no seu campo, foron quen de gañar en Burela, ademáis de rascar un punto no sempre complicado Sangoñedo ante o Chantada. Na pasada xornada foron quen de golear ao Riotorto.

Analizamos a temporada de ámbolos conxuntos, así como este interesante encontro con Brais e Seo, dous fixos nas zagas de Friol e Santaballés.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

BRAIS (FRIOL C.F.)

Brais, ao fondo, con ampla traxectoria en Terceira e Preferente, é un dos referentes deste Friol

O Friol en Primeira. «Creo que para ser un equipo debutante, os números din que estamos facendo unha boa temporada. Hai moitos equipos con moitos anos de experiencia na categoría, e incluso ciclos na Preferente, pero fomos capaces de competir na gran maioría de encontros. As sensacións do equipo son positivas».

– O partido do sábado. «Agardo un encontro con moito ritmo e alternativas. Penso que cada equipo terá un ou varios momentos de dominio no partido, e o que máis os aproveite será quen leve os puntos».

 – O Santaballés. «Son fortes defensivamente. Atacan moi ben o espacio e fan transicións moi rápidas buscando o gol».

– Xogar no Friol. «Estou disfrutando moito de poder xogar en Primeira co equipo e a xente do pobo. Na Preferente e Terceira xa cumprín os meus obxectivos, vivila experiencia de xogar contra equipos, xogadores e campos doutro nivel. O Friol está nun bo momento e agardo poder disfrutalo varios anos».

SEO (S.D. SANTABALLÉS)

Seo xogou tódolos encontros da presente temporada

 – A traxectoria do seu equipo. «Chegamos nun bo momento. Estamos a recuperar xente importante coa que se mellora o nivel e a intesidade nos adestramentos. A ver se temos algo de sorte e nos respetan as lesións o resto de temporada».

– Adaptados ao novo míster. «Foi un proceso sinxelo. Contamos coa axuda de Freire. Ademáis, os métodos e a idea de xogo apenas cambiaron desde o comezo de temporada».

 – O encontro en Friol. «Agardo un partido moi complicado. Creo que son un equipo moi sólido, que compite ao igual que nós, pensando en cada partido».

– O obxectivo ata final de temporada. «Persoalmente, creo que obxectivo real deste equipo debe ser a salvación.  Eu levo restando puntos cada partido. A partir de lograla, cada membro da plantilla que se motive como queira, porque o Santaballés vai saír a gañar tódolos partidos».

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

– Polvorín – Arousa (Domingo ás 18:15 horas na Cheda): os de José Durán afrontan o seu particular «Tourmalet» na casa, que xa comezou co empate ante a S.D. Compostela. Precisan sumar para afastarse do descenso ante un Arousa que non quere deixar fuxir aos catro de arriba.

– Racing Vilalbés – C.D. Barco (Domingo ás 16:15 na Madalena): logo de tres derrotas consecutivas urxe un triunfo na capital da Terra Chá. Non será doado. Os de Valdeorras viven instalados no play off de ascenso.

Preferente Norte

– Viveiro C.F. – S.D. Ordes (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): os mariñáns buscarán un triunfo que os manteña na zona de privilexio, ante un Ordes que está a realizar unha temporada moi por debaixo do agardado.

– S.D. Sarriana – S.D. Negreira (Domingo ás 16:30 horas na Ribela): os de Alberto López voltaron á dinámica positiva, que se deberá ver refrendada no seu feudo ante un conxunto en caída libre.

– Ribadeo F.C. – Boimorto C.F. (Domingo ás 17 horas no Pepe Barrera): despois de tres triunfos consecutivos que trocaron os ánimos na vila do Eo, os de Rafa Casanova reciben a un Boimorto que está a realizar unha gran temporada.

– C.D. Castro – Xallas F.C. (Domingo ás 16:30 horas no Arturo Pereiro): os chairegos buscarán darlle unha alegría á súa afección. Os de Santa Comba afrontan o encontro na súa pelexa por fuxir dos postos de perigo.

Primeira Autonómica

– Club Lemos – S.D. Burela (Domingo ás 16:15 horas na Pinguela): partidazo entre o líder, que só deixou fuxir tres puntos do seu feudo e un Burela no mellor momento da temporada.

– Taboada C.F. – S.D. Chantada (Domingo ás 16:15 horas na Medela): como todo derbi, o pronóstico é incerto. Os locales veñen de gañar na Cheda ante a Residencia, mentras que o Chantada está metido de cheo na pelexa pola segunda praza.

Segunda Autonómica

– S.D.C. Cabreiros – S.D.C. Roupar (Domingo ás 16 horas na Cea): derbi xermadino entre candidatos a pelexar polos postos de ascenso. O que perda deixará escapar unha parte das súas opcións.

– S.D.C. San Roque – S.D. Oural (Sábado ás 18 horas no Polvorín): ámbolos conxuntos están empatados a puntos no pelotón perseguidor, a catro puntos dos postos de ascenso. O que gañe verá a segunda praza máis preto.

Terceira Autonómica

– C.D. Alfoz – A.D. Catro Roldas (Sábado ás 16 horas no Municipal): o conxunto local, invicto desde novembro, xa é segundo. Os chairegos malia o tropezo da última xornada mantén posto de promoción de ascenso.

– C.D. Río Sil – S.D. Castroverde (Domingo ás 16 horas na Carqueixa): encontro entre equipos situados en postos de promoción. Tres puntos clave no obxectivo de achegarse ás prazas de ascenso directo.

Segunda División Feminina

– P.M. Friol C.D. Lugo – Racing Féminas (Domingo ás 12 horas no Anxo Carro): por fin as rapazas de Josito Jul poderán disfrutar dun esceario á altura do encontro. Partido trascendental para manter a terceira praza ante o inmediato perseguidor.

Primeira División Galega

– S.C.D. Milagrosa – S.D. Tordoia (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): as lucenses buscarán un triunfo ante a súa afección para saír do penúltimo posto. O rival non lles porá as cousas doadas, xa que chega tras gañar no campo da Pastoriza.

Segunda División Galega

– S.D. Chantada – Sporting Burgo (Domingo ás 18:30 horas no Sangoñedo): complicado choque para as chantadinas, que reciben ao segundo clasificado. Pero o Sangoñedo é un fortín do que ningúen saiu vitorioso ata o momento.

– P.M. Friol C.D. Lugo B – S.D. Orzán B (Domingo ás 17:45 horas na Reigosa): o filial lucense, líder da categoría, recibe ao terceiro clasificado nun partido, que de gañalo, poría terra de por medio para as lucenses.

Liga Feminina Fútbol-8

– S.D. Burela – Sporting Burgo B (Domingo ás 12 horas no anexo á Marosa): as mariñás, segundas clasificadas, reciben a un rival en racha. As de Jesús Rial teñen o liderato ao alcance.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*