No Tres en Raia da 9ª xornada da Terceira Rexional o Fonsagrada e o Sporting Lucense seguen líderes. Iso que o cadro fonsagradino desaproveitou a opción de marcar distancias dende o primeiro posto. O Nausti e o Antas descansaron esta xornada.

No grupo norte, o Fonsagrada empatou a un gol ante o Catro Roldas. Iso si, mantense invicto. E tamén continúa na boa liña o equipo de Román. Cinco xornadas sen perder. Volveu marcar Samuel Orosa. Os últimos catro goles marcados polo cadro amarelo son da súa autoría. Tres derrotas despois, o Friol B reencontrouse coa vitoria. Venceu ao Lugo Unión. Volve á terceira praza. E reduce distancias co segundo posto debido a derrota da SD Viveiro. E que o Matela sacou os tres puntos do Marcos Gómez. Segunda derrota do conxunto viveirense e primeira como local. O Matela escala un posto e sitúase quinto na táboa.

De preto séguelle o Cazás e o Rioaveso que se enfrontaron a pasada fin de semana. O Machinango avivou as súas esperanzas de pelexar por entrar nos postos de promoción. Derrotou pola mínima ao Cazás na Fonte de Cospeito. Campo que non é o habitual de ningún dos dous equipos, pero no que xa xogaron esta tempada os dous como locais. Non quere tampouco perder as súas opcións a Comercial. O cadro capitalino derrotou ao Celeiro. Os dous equipos están agora empatados a 8 puntos. O gardamallas Joel parou un penalti e evitou que o equipo viveirense se achegara no marcador. Aínda así, non foi o mellor día do Celeiro no que se reestreou Dani Díaz. O futbolista de Covas xogou a última media hora.

No grupo sur gañaron os tres primeiros clasificados. O Sporting Lucense mantense na cabeza. Catro vitorias consecutivas. A última fóra da casa ante o Relámpago Taboada. Na segunda posición continúa a Milagrosa. Derrotou no Luis Gorgoso ao filial do Taboada. O xuvenil Neira foi un dos protagonistas. Marcou un dobrete. Sube posicións o Lemos B. Colócase terceiro coa segunda vitoria seguida. Aínda por riba foi ante un rival directo, o Sober.

Peta forte nas últimas xornadas o Carballedo. Custoulle nas primeiras xornadas tomarlle o pulso a competición. Pero agora enlaza nove puntos conseguidos de xeito consecutivo. Derrotou ao Monterroso B. Queda a un punto das posicións de promoción. Por último, o Rubián e o Castroverde empataron a un gol. Un punto que sabe a pouco para os dous equipos.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*