No primeiro episodio desta particular homenaxe, falabamos do Neno máis actual. Agora queremos trasladarnos aos anos dourados, á época da súa plenitude. Viaxamos aos anos 80 e 90 e facémolo da man de dúas persoas que viviron con él multitude de experiencias. O primeiro deles responde ao nome de Víctor Basadre, un dos nosos técnicos máis coñecidos e reputados. Actualmente adestra ao filial do Real Murcia pero, entre outras moitas cousas, foi segundo de Unai Emery durante un tempo máis que considerable.
“Cheguei á Comercial con doce anos, no ano 1982 co Mundial de España. Daquelas a Comercial era a referencia a nivel deportivo de Galicia. Tiña chándals Adidas cando ningún equipo tiña chándal. Ou tacos. Era como un pequeno clube profesional de fútbol base. E ao 90% foi culpa do Neno, que foi quen o fixo básicamente. Iso sí, axudado por unha serie de colaboradores”.

O Neno nas Gándaras, a súa segunda casa. LA VOZ DE GALICIA

“O Neno foi, como se di, xenio e figura ata a sepultura. Unha persoa amada ou odiada. Non deixaba a naide indiferente. Ou o querías ou tiñas que matar porque era irreverente moitas veces. Sempre buscaba a polémica en xeito positivo, só para ver como respirabas. Un día dicíache unha cousa e ao seguinte a contraria, só para discutir contigo. Para ver como reaccionabas. Creo que teño voz para falar del porque pasei de ser a súa man dereita a estar case quince anos sen falarlle. Podo xulgalo dende a enemizade, a fraternidade e o cariño. Foi un pai en moitas ocasións”.
“Era unha persoa feita a sí mesma, cuns estudios básicos. Coas súas loanzas e sombras. Pero moi listo, lazarillo, hábil e áxil. Iso levouno a moverse por círculos máis elevados. Foi alguén diferente, que nos deu a moitos as mellores amistades, aos amigos íntimos da nosa vida. Todo grazas a ese club, á Comercial. Moita xente diría o mesmo ca min”.

“A súa vida chámase Comercial-Estudiantes. “No diga Comercial, diga Neno”, dicía un titular dun xornal. Todos, quixerámoslle ou non, debémoslle moitísimo. Só polo feito de acercarnos o fútbol coma unha posibilidade de futuro. Ben sexa de xogador ou adestrador… Iso en Lugo, de non ser por él, era impensable”.

Tamén quixo falar con nós, un dos moitos xogadores que pasaron pola Comercial no século pasado. David Cabarcos afírmanos que os rapaces non tiñan moita relación con él. “Era bastante reservado. Él foi o primeiro presidente dunha Comercial na que formei como futbolista e compartín grandes momentos cos meus amigos. Foi unha persoa ligada ao fútbol dende que eu recordo e axudou a que a Comercial sexa un clube histórico da canteira lucense. Descanse en Paz”.

Así era Don Manuel en liñas xerais. Moitos din que as persoas vense realmente nos detalles e Juan Carlos Grandela, un dos técnicos máis expertos da nosa base, garda na memoria distintas anécdotas co Neno que vaga a pena recordar.

“Nos primeiros anos dos 80 él ía pola tarde ao Polvorín a secar nunha estufa a roupa dos xogadores do día anterior para que a tivesen algo máis seca”.

“Nun campeonato galego de fútbol sala de benxamíns en Ferrol, os pequenos andaban polos corredores correndo a noite de antes da final. Mandámolos a dormir e non fixeron caso. Ao primeiro que pillou deulle un cachete. En xuño, ese pequeno foi o primeiro en ir a firmar a ficha da tempada seguinte”.

“Nun encontro da Liga Galega de xuvenís que xogamos preto de Finisterre, fomos a comer alí. Mentres o equipo comía a súa comida de deportistas, os directivos puxéronse ata arriba de percebes“.

Él colleu o equipo da Comercial, que despois fusionou ao do Estudiantes por unha discusión que tivo con López Gorgoso. Este último dicía que un equipo de Lugo nunca se podería comparar cos de Galicia. O Neno demostrou o contrario”.

“Unha cousa que tiña a Comercial era que os adestradores eramos profesionais sen cobrar. E ante os xogadores sempre tiñamos a razón aínda que logo nos botase a bronca”.
Historias e detalles que demostran a calidade humana do Neno. Tamén o seu carácter. O que está claro é que deixa un legado moi importante. Un traballo e un recordo moi difícil de superar. O seu sucesor no cargo na Comercial, Iago Rodríguez, é consciente delo. “Era a persoa que máis entendía de fútbol base. Calquera pregunta ou dúbida que tiveras sempre a sabía contestar”. Un catedrático urbán, que odiado ou amado, dignificou ao noso fútbol. Que a terra che sexa leve Neno! Descansa en Paz!
Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*