#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Ningún dos lucenses da Terceira puido sumar na cuarta xornada

Non foi unha boa xornada para conxuntos lucenses da Terceira, que remataron os seus encontros sen poder sumar. O Viveiro caeu de xeito abultado nun encontro raro en Cantarrana ante o Somozas, mentres que o Racing Vilalbés perdeu no campo do Bergantiños logo de adiantarse no marcador. O Polvorín acusou a súa mala posta en escea e caeu derrotado no Poboado ante o As Pontes.

Encontro igualado entre o Viveiro e o Somozas que remata en goleada visitante (1-5).

Inexplicable o ocorrido en Cantarrana. Nada presaxiaba unha derrota tan abultada do cadro mariñán logo do visto ata o minuto 80 de partido. O Viveiro comezou ben asentado no campo e mandando no xogo. As ocasións máis claras foron para os locales e tan só a falta de puntería evitou o tanto dos celestes. Rolle foi o protagonista das máis claras. Primeiro cun remate que saiu fóra e logo asistindo a Gerardo, que tamén errou. A máis clara tívoa Tichu nun man a man ante Marcos Souto, ex do Racing Vilalbés, que estivo máis acertado. O Somozas, que apenas xerara perigo, foi quen se adiantou no marcador preto da media hora de partido. Un erro da zaga local aproveitonou Rojo para poñer por diante aos de Ferrolterra.



Na segunda metade, os visitantes non permitiron que as chegadas a área do Viveiro foran unha constante e mantiveron ao rival máis lonxe da área. De tódolos xeitos, os de Chusky foron quen de igualar por medio de Tichu, que rematou a gol un centro de Pablo Rey. A falta de oito minutos para o final chegou a debacle. Pablo Rey fixo gala da súa exquisita calidade e logrou o segundo tanto para o Somozas cun bo tiro desde a frontal. E en tres minutos, tres goles. Luis Nuño en dúas ocasións, e doutra volta Pablo Rey selaron a goleada dos visitantes, que amplían diferencias no liderato.

O Racing Vilalbés adiantouse, pero o Bergantiños impuxo a súa condición de favorito nas Eiroas (3-1). O conxunto local comezou meténdolle o medo no corpo aos chairegos. Os de Lemos dispuxeron de varias ocasións claras de gol no primeiro cuarto de hora de partido, pero foi o Racing Vilalbés que logrou adiantarse no marcador. Primeiro foille anulado un tanto a Cuadrado por fóra de xogo e pouco despois nun saque desde o curruncho ao segundo pao,  cabeceou López e o local Tarí meteu o balón na súa propia portería. Na seguinte xogada o propio xogador alacantino a piques estivo de redimir o seu erro logo dunha mala cesión dun defensor chairego, pero Javi Rumbo estivo atento. O Bergantiños levou a iniciativa no xogo e os de Simón Lamas, coas liñas moi xuntas, agardaban para saír á contra. No minuto 36 chegou o empate. Martín Lamelas botou unha falta lateral e o balón solto na área recolleuno Yelco que marcou cun tiro cruzado. Antes do descanso, unha boa xogada polo perfil esquerdo entre Ángel e Buyo, rematou co pase deste a Cuadrado. O atacante lucense foi derribado na área por Aarón, pero o colexiado non sinalou penalti.



A segunda metade comezou cunha boa ocasión local. Un erro de Buyo deixou a Yelco nunha posición inmellorable para marcar, pero Javi Rumbo salvou o intento de vaselino do atacante local. Cun cuarto de hora gastado do periodo final, o Bergantiños púxose por diante. Vérez non acerta a despexar un centro lateral e Tarí aproveitou desta vez o agasallo. Na celebración, o autor do tanto, foi expulsado logo de ver o segundo cartón amarelo tras golpear o banderín de córner. Quedaba media hora por diante e os chairegos tiñan superioridade numérica. Pero na seguinte xogada o colexiado sinalou penalti de Vérez sobre Yelco e Marcos Remeseiro non errou desde os once metros. Moveu o banquiño o adestrador vilalbés e deu entrada a Santi Gegunde, Sandá e Aitor, pero o marcador non se moveu. Ángel tivo a ocasión máis clara co tempo cumprido, pero atopouse coa excepcional resposta de Brais Pereiro, que enviou o balón a córner.

Un mal comezou lastrou ao Polvorín ante o As Pontes (2-1).

O filial albivermello saiu ao encontro desubicado e descentrado. Aproveitouno o conxunto local, tanto que foi decisivo para o resultado final. Unha man de Nico ao borde da área cando se cumpría o primeiro cuarto de hora de partido aproveitouna Óscar «La Magia» Martínez, un dos grandes especialistas da categoría.  O seu lanzamento colouse pola escadra de Julen. Tan só catro minutos despois os de Luis Santiago poñen terra de por medio cun tanto de Quique. As ocasións do Polvorín chegaron por medio de Gabarre, a pase de Manu Núñez, que desviou Paco e tamén de Cristian logo dun bo servizo de Iago Novo, pero o lanzamento saiu desviado. Álex Ortiz trocou de sistema e pasou a xogar con tres defensas e os lucenses volcáronse na procura do gol. Unha falta ao borde da área supuxo a expulsión por segundo cartón amarelo de Álex López e o tanto para o Polvorín, obra de Gabarre.

Logo do paso por vestiarios, o conxunto lucense buscou o empate abrindo o campo e a segunda metade convertiuse nun monólogo dos albivermellos, que gozaron de cinco ou seis ocasións de gol. Marcos estrelou un balón no longueiro e Iago Novo errou dous un contra un ante o porteiro local. Cristian, que a pasada xornada anotou catro goles ante o Viveiro, non tivo fortuna desta volta logo de contar con dúas claras ocasións.

Ningún dos lucenses da Terceira puido sumar na cuarta xornada

Brais Prieto e Luis Pernas debutan en

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *