O fútbol ten algo que contamina, algo que vicia, algo que a aqueles que o practicaron lles é imposible esquecerse del. Por iso, o que aínda está a tempo de volver sempre volve. Houbo un tempo que os motivos laborais impediron que un dos xogadores da nosa provincia continuase xogando ó fútbol. O vilalbés Alejandro Novo, máis coñecido como «Mincha» volve para quedarse. Comezou na canteira do Racing Vilalbés para pasar polo Roupar, Meira e Muimenta. Despois de algo máis dun ano desde que deixou o Muimenta, calza as botas e recala na súa categoría premium, a Primeira Galicia. A semana pasada debutou co San Roque e tentará facerse cun posto no once nas vindeiras xornadas para seguir practicando o que máis lle gusta.
FIL: Houbo algún motivo máis para deixalo ca o laboral no seu día?
MINCHA: Estaba no Muimenta onde levaba seis ou sete anos. A dinámica non era boa e sempre te desanima máis ao estar vivindo en Lugo. Pero por temas laborais moitas fins de semana non podía e ao non poder comprometerme 100%, decidín deixalo.


FIL: Por que decides volver e como se presenta a opción do San Roque?
M: Agora teño máis dispoñibilidade. Eu quería xogar en Primeira polo tipo de categoría xa que é unha liga que se compite máis. Ademais quería algo preto. Tiña coñecidos no San Roque, falei con eles e comecei a adestrar. Empecei xa no outono pero rompín unha man e estiven novembro e decembro de baixa. Agora xa retomei a actividade de novo.
«Levando tantos anos no fútbol non é tan dramático volver»
FIL: Como te atopas fisicamente?
M: Xoguei a semana pasada 3o minutos fronte ó Santaballés. Faima falta moito físico aínda, pero estou contento. Levando tantos anos no fútbol non é tan dramático volver a nivel físico.
FIL: Cal é o obxectivo do equipo para este ano?
M: A idea é permanecer na categoría. Se non hai problemas de lesións, nestas épocas sempre se baixa un pouco o ritmo porque os rapaces novos están con exames, non deberiamos ter problemas para salvarnos e poderíamos estar entre os sete primeiros. Hai un bo grupo, con rapaces moi novos.
«O equipo non ten dianteiro propio»

FIL: E a nivel persoal, que obxectivo te marcas?
M: Dar un pouco de competencia na parte de arriba. De feito, o equipo non ten un dianteiro propio; está xogando un rapaz que era mediocentro. Ó final se non tes competencia sempre te vas acomodando.
FIL: Chegas a unha Primeira moi competida, como a ves?
M: Dos últimos cinco ou seis anos é a máis competitiva. Equipos como a Sarriana, Lemos, que sempre é un candidato, e equipos que ó mellor non parecen que poidan ter un cadro forte de xogadores pero van empurrar como o Riotorto, Foz ou Xove Lago. Considero favoritos a Sarriana e o Lemos, pero o fútbol tamén é un pouco caprichoso. A min gústame a categoría. Os que están por abaixo é raro que non puntuaran tanto, aínda así, na segunda volta sempre se apreta e o descenso coido que vai estar preto dos 40 puntos.
FIL: Que ten para ti de especial categoría?
M: O fútbol é un deporte que me apasiona. Gústame o tema de competir e a Primeira Rexional é unha división moi bonita porque estás en toda a provincia. En cada equipo, 2 ou 3 xogadores marcan a diferenza e fai que sempre haxa que competir. Por exemplo, O Santaballes é un equipo con bos xogadores ao que non lle están saíndo de todo ben as cousas, pero fai que ó xogar contra eles teñas que saír ó máximo. Pasounos igual ca o Xermade que perdimos alí. É unha categoría que se disputa e as as novas xeracións teñen que saír a dar a cara.
«A Terceira Autonómica é unha categoría con tendencia a desaparecer»
FIL: Aínda que o nivel da Primeira é bo este ano, hai varias temporadas había moito máis; que foi o que lle fixo baixar de nivel?
M: Na miña opinión vén influenciado porque a xente nova desde que pasa as categorías inferiores, non teñen esa atracción polo fútbol. Esa ilusión e gañas por competir todos os domingos. Xa se ve, por exemplo, que a Terceira Autonómica é unha categoría con tendencia a desaparecer. É unha pena pero a xente prefire dedicarse a outras cousas.
FIL: Poste algunha cifra goleadora de aquí ó final de temporada?
M: É moi relativo porque non son goleador. Claro está, que ó xogar arriba é o que che esixen. Son máis de control de balón, de apoios, de xogar de cara…Ogallá puidera darlle 7 ou 8 goles ó equipo que nos virían moi ben a todos.