*Pol-Castro: Un efectivo Castro levouse o derbi pola mínima. Os de Vitín conseguiron o único gol do partido a dez minutos do descanso, obra de Yelko despois dun centro lateral de Dani. Na segunda metade, os do Arturo Pereiro demostraron saber sufrir ante un Pol con dúbidas. E o Castro aguantou o resultado sen conceder demasiadas ocasións.
*Lourenzá-Folgueiro: O cadro de Diego Rego sumou a súa primeira vitoria ao grande. Marcou nada máis comezar e terminou goleando na reanudación. Xusto despois do descanso, Aurelio perdonou o empate. E Recalde puxo terra de por medio. A partires de aí, os de Jandri arriscaron e os laurentinos aproveitáronse das debilidades visitantes.
*Chantada-Xove Lago: Alternativas nunha primeira metade na que o Xove Lago firmou unha das mellores versións desta temporada. Samu adiantou aos de Bruno pero Javi Ramos devolvía o empate xusto antes do descanso. Tralo paso pola zona de vestiarios, trabouse un tanto o encontro. O Chantada creceu co paso dos minutos e así chegou o segundo gol local no tramo final. Un tanto que minou a moral dos mariñáns, que recibiron a sentencia co terceiro e definitivo gol. Kadete non fallou dende os once metros.
*Monterroso-Chantada Atlético: Duelo de proximidade que se decidiu nos primeiros corenta e cinco minutos. Un práctico Monterroso xa mandaba por 3-0 ao descanso ante un desdebuxado Chantada Atlético. Dous goles dende o saque de banda, un penalti e unha xenialidade de Lorenzo; fixeron as delicias de Cerdeiriños.


*Guntín-Taboada: Polémico primeiro triunfo do Taboada nesta temporada. Os de Manu adiantáronse antes do ecuador da primeira metade ante un Guntín perigoso no xogo directo. Diego igualou no tramo final para os de Ladairo. Cando o encontro semellaba destinado ao empate, Guerreiro impuxo a súa lei. Marcou no desconto nunha acción moi discutida por un suposto cobadazo, que rematou cun central local no Polusa.
*San Roque-Friol: Sentoulle ben o San Froilán ao San Roque. Os capitalinos deixaron o encontro visto para sentencia na primeira metade. Tres tantos nos vinte e cinco minutos e iniciais, ademais de dous paus, explican a superioridade dos de Manolo García antes do descanso. Na segunda parte, o Friol cambiou de sistema e obrigou aos verdibrancos a empregrarse duro en defensa. Iso sí, non houbo máis goles.

*Outeiro de Rei-Santaballés: Dominio de balón do Outeiro de Rei nunha primeira metade que rematou en táboas. O Santaballés saiu mellor tralo descanso e puxo o 1-2 no marcador. Non lle perderon os de Josito a cara ao encontro e lograron remontar para auparse ao máis alto da clasificación.
*Pastoricense-Riotorto: Derbi e primeira vitoria para o Riotorto de Suso Orxás. Nun dos peores días da temporada para o Pastoricense, os visitantes levaron un triunfo que puido ser máis abultado. Por se fose pouco, Kanu e Raúl mancáronse na primeira metade. Os goles dos da Veiga chegaron na reanudación. Un dende o punto de penalti e o outro, en propia porta.
*Atlético Escairón-Burela: Os de Jaime Méndez deixaron o liderado nun cuarto de hora inicial chave. Os mariñáns perdonaron e viron como Atlético Escairón conseguía dous goles. Nunha acción individual de Toti e nun lanzamento de falta directa de Rubén Díaz. A partir de aí, co resultado a favor, os do Saviñao atopáronse moito máis cómodos ante un Burela que quixo pero non puido.


