Fotos: RC Deportivo

Houbo a quen esta corentena lle privou de todo. E houbo a quen lle veu ben. Entendámonos e quedémonos coa parte máis superficial da frase. O asunto non é para bromas. Pero o certo é que a unha das promesas do fútbol lucense o parón xeral chegoulle practicamente ao mesmo tempo ca o seu parón particular. María Calvo Teijido “Peque” (Os Vilares – Guitiriz, 24/07/2000) lesionouse gravemente pouco antes de declararse o Estado de Alarma. Hai dúas temporadas trocou de dirección ao incorporarse a autovía A-6. Deixou a familia da Milagrosa e emprendeu camiño cara Abegondo. Alí esperábana dous ascensos nunha mesma tempada e a oportunidade de xogar coas futbolistas que son revelación en toda España. A súa é unha carreira de paixón. E iso non o deterá ningún confinamento nin ningunha lesión.

Futbolinlugo: Como se produce esa lesión e como a estás levando?

María Calvo: Teño unha rotura do ligamento cruzado. Foi dun xeito parvo. Andando para ir adestar en Abegondo. Pero lévoo bastante ben. Tomeimo todo con moito humor. Desde o primeiro día xa dixen que quería que me operasen. Canto antes mellor. Para empezar xa a recuperarme. Sabía que coa miña mentalidade todo ía saírme ben. E por outra banda a min o parón da competición fíxome ben; así non perdo partidos.

FIL: Como vai o proceso de recuperación?

MC: Estou realizando os exercicios que me manda a fisioterapeuta Andrea. Estouno levando súper ben. Cada día noto que vou mellor e que volverei moi ben. Para setembro dixéronme que debería estar plenamente recuperada.

FIL: Axudouche o feito de estar no Dépor?

MC: Se estou noutro club a situación ao mellor era distinta. Igual estaba parada na casa e tardarían máis tempo en operarme. Aquí vai todo como moi rápido.

FIL: Ata o de agora como estaba indo a campaña da estrea do Dépor B na Primeira Nacional?

MC: Non tivemos partidos moi bos. Aínda que no meu caso estou contenta cos meus resultados en si. Antes da lesión estaba en moi boa forma física. Iso, queiras que non, sempre che axuda. Os resultados desexados non viñeron, pero non queda outra que seguir.

FIL: Aínda así, estades no 5º posto da clasificación…

MC: Si, creo que é unha posición boa. Pero si que é certo que houbo partidos que mereciamos ter máis. E nós tamén poderiamos estar incluso a máis nivel.

FIL: Vese que o nivel de esixencia é máximo. Notou o equipo o salto de categoría?

MC: Notámolo porque somos un equipo moi novo. Non temos experiencia, por dicilo dalgún xeito. Moitas das xogadoras non xogaran nunca en Primeira Nacional. A veteranía doutros equipos axúdalles a estar máis arriba e ter máis cabeza.

FIL: Cal cres que debe ser o obxectivo do equipo filial?

MC: Creo que estas primeiras temporadas debe ser manterse nesta categoría. Se se pode subir dentro duns anos, habería que velo. Pero o ideal agora sería manter aos dous equipos onde están. E non andar no baile de subir ou baixar así de rápido. Mellor manter os dous e seguir medrando.

FIL: O equipo en xeral non tiña experiencia na Primeira Nacional, pero ti si…

MC: Xoguei o ano pasado co A. E anteriormente tamén coa Milagrosa nunha categoría máis baixa. Teño consciencia de todo o proceso. O curso anterior axudoume un pouco o ir co Dépor Abanca. Pero este ano teño que mellorar porque nesta categoría pídenme máis. Necesitamos máis forza porque a xente ten máis corpo. E outra preparación.

«Ascender coa xente que son as túas ídolas foi incrible»

María Calvo cunha das capitás do Dépor Abanca, Miriam Rios o día da estrea da guitiricense na Liga Iberdrola

FIL: Unha experiencia que acabou en ascenso dobre. Co primeiro equipo á máxima categoría e co filial a unha división xa de ámbito estatal. Como o viviches?

MC: Na fase de ascenso fun a unha convocatoria con elas. Non é nada comparado co ascenso do B. Que tamén che gusta. Pero o do A foi como ascender coa xente que son as túas ídolas. E pensar que durante o tempo que levas xogando o fútbol te fixabas, por exemplo, en Amanda Sampedro e dis “e que podo xogar contra Amanda nesta categoría”. Foi incrible. No caso do filial xogámonos no último partido gañar ou non gañar a liga. Gañamos e celebrámolo. Non nos costou moito. Fisicamente estabamos súper ben. Estabamolo buscando desde o primeiro día. Sempre fomos con moita ilusión e ganas. Se pos traballo, sae.

FIL: É tanta a diferenza física?

MC: Estabamos por encima. Adestramos tres días a semana. E algunha xogadora que tiñamos a oportunidade de ir adestrar co A eran catro ou cinco adestramentos en total.

FIL: Estiveches presente no inicio do proxecto da Liga Iberdrola porque adestrache os primeiros días da pretemproada co Dépor Abanca. Cales foron as sensacións?

MC: Non contaba para nada comezar co A. Tiña tanta gana e ilusión de desfrutar do fúbol coas que me rodeaban que dixen que ía ir e desfrutar como se estivera ao 100% no primeiro equipo. Desfruteirnos moitísimo. Dixen que tiña que aproveitar unha opción que me estaban dando e que igual dentro de tres anos non ía ter.

«Todos os días é aprender algo novo»

Inicio da pretemporada 2019 do Dépor Abanca. María Calvo (cuarta pola esq.) na fila de abaixo. Ao lado de Michelle Romero e Carlota Sánchez

FIL: Como é por dentro o vestiario do Dépor?

MC: Temos un compañeirismo tremendo. Se algo falla, sempre hai alguén que te apoia. Pódeche saír algo mal que sempre están detrás. Todos os días é aprender algo novo. Para min é un orgullo. Aproveito para sacar o mellor de cada unha delas.

FIL: E esta temporada mesmo chegaches a debutar na Liga Iberdrola. Creo que ningunha lucense fixera tal. Como foi?

MC: Foi no partido contra o Sevilla en Abegondo. Quedaban uns minutos. Pediron un cambio. Iamos gañando 2-1. Pero entre unha cousa e outra saín nos últimos segundos. Con que me convocaran xa me parece inexplicable. Xogar no Dépor, debutar na Primeira, contra xente que antes dicía “ogallá falar con elas ou velas en directo. Isto non pode estar pasando. Isto ten que ser un soño». Pero se soñas, cúmprense.

«Con que me convocaran xa me parecía inexplicable»

O 1 de decembro María Calvo debutou na máxima categoría do fútbol feminino español. Peque entrou por Peke

FIL: E xusto ese cambio foi Peke por Peque…

MC: Si, eu na camisola levo María C. pero desde que fun coa selección chámanme Peque porque era a máis baixiña.

FIL: O camiño feito ata o de agora pagou a pena?

MC: Empecei con 7 anos cos nenos no colexio de Guitiriz. Aprendín moito deles. Aos 14 ou 15 o adestrador recomendoume que probase o fútbol campo. Díxome que tiña a capacidade de chegar lonxe. Decidín probar porque o que quería era desfrutar do fútbol. Gustoume moito na Mila. Estiven 3 anos. O primeiro curso chamoume a selección galega sub -16. Despois doutros dous anos e cando me chamou o Dépor. Dixéronme “Esten atenta porque te queren fichar”. Eu dixen: “ Para que me vai querer a min o Dépor…?”. Cando se deu a oportunidade sabía que iso non o podía perder. Era consciente que me ía costar moito deixar a Mila e a xente que me aprendeu moitas cousas. Pero tiña que dar un paso máis e seguir medrando. Aprender de xogadoras que están a un nivel altísimo. Comenteillo a miña nai. Os estudios tiñan prioridade pero ían ben. A decisión foi a correcta.

FIL: Como te defines como xogadora?

MC: Moi traballadora. Eu traballo sempre. Coa lesión estanme mandando exercicios e tento facelos todos. A min xogando dáme igual onde me poñan. Os adestradores sempre me puxeron de dianteira. Agora ultimamente no Dépor B estaba xogando de carrileira esquerda ou dereita. Subir e baixar. Iso é o que máis me gusta.

FIL: E con ese método, ata onde aspira chegar María Calvo?

MC: Eu sempre dixen que o que teña que vir virá. Vai vir con traballo, con esforzo e con moito cariño. Voume nutrir e ata onde chegue. Se pode chegar algo máis, de marabilla. Se non podo, quédome donde estou pero sei que por traballo constante non vai ser.

MARÍA CALVO EN CURTO…

María comezou xogoando ao fútbol sala en Guitiriz. Posteriormente estivo 3 cursos na Milagrosa e esta é a súa 2ª temp. no Dépor

Un campo da provincia: O Luis Gorgoso. Porque xoguei alí.

Unha compañeira: Destacaríaas a todas. É moi difícil escoller.

Un adestrador: Vouche dicir a Manolo, o do Concello de Guitirz. Foime marcando o camiño. E a día de hoxe aínda seguimos mantendo o contacto.

Un momento deportivo: Vivir os dous ascensos a temporada pasada.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*