Novos tempos florecen en Castro de Ribeiras de Lea despois de que a nova directiva do CD Castro, encabezada por Marcos Veiga, evitase a desaparición do club. Coa idea de sacar un novo proxecto en Preferente confiaron a dirección deportiva nun dos homes con máis traxectoria do fútbol da provincia. Gonzalo Edrosa Portela (17-07-1961, A Pastoriza) é un dos símbolos do CD Lugo da década dos 80 que se retirou xusto antes de que o cadro amurallado conseguira o seu primeiro ascenso á Segunda. Por aquel entón, xa se atopaba adestrando as novas promesas do club no equipo xuvenil, para posteriormente facelo no primeiro equipo, no Vilalbés, no As Pontes, no Iberia, no Viveiro…Despois dun tempo parado inicia nova etapa. Conversamos coa «Zurda da Pastoriza» en pleno inicio de pretemporada e confección do cadro de xogadores.
FUTBOLINLUGO: Como se deu a opción de fichar no CD Castro?
Gonzalo Edrosa: Estiven relacionado co club os últimos dous anos porque o meu fillo xogaba aquí. Nese tempo o trato foi excelente. Unha vez que se deu a posibilidade, non dubidei en fichar por compromiso co club. Pensaba que se ían quedar máis futbolistas do curso pasado, pero xa non puido ser.
FIL: Foi a nova directiva quen cho propuxo ou xa houbera contactos antes?


GE: Tivera opcións anos atrás e non se dera. Foi a nova directiva quen se interesou agora.
«As gañas de adestrar non faltaron nos últimos anos»
FIL: Que supón para ti volver adestrar despois dun tempo sen facelo?

GE: As gañas non faltaron, pero non puido ser por temas familiaras. Agora están máis resoltos; xa non hai que facer de taxista nin doutras cousas. Ese é o principal motivo e tamén por traballo. Ao traballar aquí non é posible máis lonxe da casa.
FIL: E como se presenta esta campaña para o cadro do Arturo Pereiro?
GE: A situación segue sendo difícil. Hai que intentar conseguir a permanencia do club na categoría e a súa estabilidade cara o futuro. Estamos contentos pola vida que ten o club logo de estar a piques de desaparecer. Esa é a mellor noticia a que puidemos aspirar.
FIL: Con cantos xogadores contas nestes momentos?
GE: Nesta semana teñen que quedar cerrados varios que hai abertos en base a descartes doutros equipos. O número non vai ser problemático porque o club ten categorías inferiores e podemos tirar dalgún xuvenil para adestrar e competir cando faga falta.
FIL: Cantos futbolistas seguen da pasada campaña?
GE: Moi poucos porque cando entrou a nova directiva quedaban moi poucos. Aínda eses poucos tiveron ofertas máis importantes a nivel económico e non seguiron con nós. Continúan o porteiro Juanma, Dumi, Alberto Rey, Buide, Javi Fraga e Navia que estivo a principio do curso anterior.
«Hai unha serie de equipos que este ano apuntan forte na Preferente»

FIL: Volves ao fútbol en activo, como ves o estado do balompé lucense?
GE: Empezando polo fútbol profesional, o Lugo deu un nivel impresionante nas últimas campañas. Hai que celebralo e recordar a todos que caeron equipos moi importantes do fútbol profesional e aquí nin pasaron apuros. A nivel provincial hai que destacar ao Racing Vilalbés. É incrible o que fixo a directiva, o adestrador, a afección… non moi numerosa pero fiel tanto que vaia ben como mal. Baixando de categoría hai unha serie de equipos que este ano apuntan forte. Na Preferente o caso de Viveiro, Sarriana, Ribadeo,…non sei o Foz que terá un equipo máis modesto pero seguro que competitivo. Goza de saúde o fútbol provincial.
FIL: Benefícialle ao resto dos equipos que o CD Lugo estea nunha categoría profesional?
GE: Para todo. Ademais xa rara vez xogan ás cincoo da tarde o domingo. Beneficia a todos porque engancha a xente nova. A parte da aprendizaxe da xente que está adestrando aí, técnicos que forman ás categorías infeirores polas que pasan moitos futbolistas,… Se non houbera ese nivel profesional e non houbera as axudas da liga sería impensable manterse da maneira que o fan.
FIL: Pensabas na túa etapa no CD Lugo que o club podía chegar a onde está agora?
GE: Soñábase, pero para iso hai que facelas cousas moi ben. E despois cando logras ter moitas cousas, aínda falta o factor non controlable que é a sorte. Fíxate no penalti de Manu en Cádiz: puido caer para un lado ou para outro. Todo España aspira a ter equipos aí e só hai que acertar no aspecto deportivo porque o económico está garantizado.
FIL: Cambiou moito o fútbol afeccionado de agora ao da túa época de futbolista?
GE: Na formación sobre todo si. Non había adestradores formados aínda, non había medios materiais, campos para adestrar durante a semana,… Non ten cor a cousa. O que si daquela non había moitas máis cousas as que xogar; agora hai unha oferta ampla e variada doutros deportes.
«Gonzalo está moi contento coa chegada ao Vilalbés que xa foi a súa primeira casa»

FIL: Chegas ti o Castro e o teu fillo Gonzalo emprende unha nova etapa na Terceira División. Es de darlles moitos consellos futbolísticos?
GE: Os xustos. A nivel deportivo podemos falar cousas pero de aí non pasa. Se algún consello quero dar case o quero enfocar pola vida persoal, pero non os necesita.
FIL: Como ves a súa incoporación polo Racing Vilalbés?
GE: Está moi contento. Xa foi a súa primeira casa con Ruiz de adestrador, o actual presidente, que foi un pouco o que lle meteu o vicio no corpo. Logo fichou polos cadetes do Lugo que xogaban na División de Honra. Alí viviu experiencias bonitas, variadas e todas positivas. Non para de falar ben de todos os compañeiros que ten, non sei se é casualidade ou que todos son así agora.
FIL: Tes gañas de coincidir algún día nalgún equipo con el?
GE: (risas). A ver, igual para o ano volvemos cambiar. Subimos os dous; eu voume para Segunda B e el vén para Terceira para o Castro (risas). Se coincidimos non pasaría nada, sería unha situación que xa se deu no fútbol máis veces. Non ía haber problema ningún. Poderiamos ir discutindo na viaxe para a casa, pero non ía pasar de aí.
«Seguiría máis anos, pero era difícil de compaxinar o traballo co fútbol»
FIL: Coa túa experiencia como futbolista e adestrador, que supuxo para ti o balompé?
GE: Durante moitos anos foi a miña vida porque era o que facía. Despois seguiría sendo máis anos se non fose tan difícil de compaxinar. Deixeino con 29 e con 13 temporadas xogando. A partir de aí foi un complemento da miña vida sendo adestrador onde tiña tamén unha esixencia brutal. Aínda que a miña xornada laboral acababa ás tres da tarde, despois había que poñerse a adestrar.
FIL: Quédache algún desexo por cumprir no mundo do fútbol?
GE: Non, estou super contento de todo. Considérome un privilexiado por ser querido cando era futbolista pola afección do Lugo e da provincia. Tratoume moi ben, demasiado ben diría eu. A nivel adestrador o tema xa ten outros matices porque non é fácil manexar ao gusto de todos. As críticas sempre están presentes, pero botei moitos anos nos sitios. Iso é que as cousas tiñan que saír ben e en escaleira cara arriba. Á marxe deses inconvintes, estou gradecido ao fútbol porque me deu moitas cousas.