O pasado mes de marzo a SD Pol cumpría 40 anos. Meses máis tarde, celebraba ese aniversario coa permanencia na Primeira Autonómica, á que ascenderan na 2017/2018. Porén, a entidade polense, non contenta con iso, deseñou o pasado verán un proxecto para levar ao equipo á Preferente Autonómica nesta 2019/2020.

Para logralo, a directiva deu continuidade a boa parte dos xogadores que xa competiron o ano pasado na Primeira Galicia, pero tamén apostou por novos xogadores que están a dar bos resultados. Outra das novidades foi a fichaxe de Fernando Corredoira como adestrador, procedente do Cadete A do CD Lugo.

Polo momento, con dezasete xornadas disputadas, a SD Pol é cuarta clasificada, a tan só seis puntos das prazas de ascenso directo, propiedade até agora do Santaballés e dun intratable Atlético Escairón. O principio da temporada non foi o soñado para os vermellos, conseguindo tan só 5 dos primeiros 15 puntos en xogo. Porén, a partires de aí o conxunto foi gañando confianza e a afinidade entre os xogadores comezou a facerse visible no terreo de xogo, o que outorgou ao clube o privilexio de acharse na parte alta desta sempre complicada liga.

Hoxe, Futbolinlugo falou con Fernando Corredoira, técnico do Pol, para coñecer as ambicións do clube para o que resta de campaña e a método que empregarán para cumprir os obxectivos.

Futbolinlugo: Coa primeira volta rematada, mantéñense os obxectivos fixados a principio de temporada?

Fernando Corredoria: A verdade é que agora somos máis positivos que antes. Os obxectivos son difíciles de marcar nesta categoría pola gran igualdade, pero nós queriamos mellorar a clasificación do ano pasado; salvarnos canto antes para evitar sorpresas e a partires de aí ir cara arriba.

FIL: A mellora desde o comezo da campaña foi notable. A que se debeu?

FC: Xa non foron só cuestións deportivas, que tamén, senón que ademais tivemos mala sorte con algunha decisión e algunha lesión. Estivemos dous meses xustos de xogadores, sen ter que facer convocatorias, e a xente que estaba ben tamén se viu prexudicada porque, ao non haber cambios, daban todo cada día. A medida que pasaron os meses recuperamos a xente e esta situación mellorou. En canto o que a min respecta, os xogadores tiveron que adaptarse ao meu estilo de xogo. Pedinlles paciencia, expliqueilles o porqué das cousas que faciamos, e conseguimos adaptarnos cando xa se disputaran varios partidos. O equipo foi medrando coas xornadas, e iso é perfecto.

Sempre tentamos dar o mellor de nós.

FIL: Quizais pesou a presión de ser un dos equipos a bater, especialmente na casa?

FC: A xente vai un pouco de acordo cos resultados. Ademais, ao principio fallamos moito en casa (perdemos con Castro e Escairón, empatamos con Monterroso), pero tanto o cadro de xogadores coma min tratamos de aillarnos da presión. Semana tras semana vese que calquera pode gañar a calquera, así que tentamos estar tranquilos. Ao final, a presión é a que cada un se pon, pero sempre tentamos dar o mellor de nós.

FIL: Atréveste a dicir que equipos estarán o ano que vén na Preferente Norte?

FC: Aínda é cedo e a igualdade é máxima. Penso que hai dous meses poderiamos dicir que o Outeiro de Rei era imparable e agora leva unha xeira mala de resultados. Porén, si que é certo que o Escairón ten moitas papeletas para lograr o ascenso, e o Santaballés mostra unha regularidade que lle falta ao resto de conxuntos e que pode ser determinante. Aínda así, queda moita liga e moitos equipos teñen aínda moito que dicir.

FIL: E o ambiente dentro do vestiario, que tal? Mellor co paso das xornadas?

FC: O ambiente é moi bo. A xente dispoñible á hora de adestrar sempre está comprometida e estou contentísimo con iso. Se algún día tiñamos que cambiar a data de adestramento, todo o mundo adaptábase e iso é moi importante. A nivel humano paréceme un vestiario responsable e bo, no que todos tiran polo que peor pode estar en cada momento, así que nese aspecto é inmellorable.

Temos que remar todos xuntos polo noso clube.

FIL: Seguirá Fernando Corredoira no Pol o ano que vén  ou é cedo para mollarse?

FC: Polo momento estou moi contento e moi ilusionado. Veño de ser segundo adestrador en fútbol base e esta é a miña primeira experiencia como primeiro técnico cun grupo sénior, pero desde o primeiro día lles dixen aos meus xogadores que a min o que me move é a paixón polo fútbol e a ilusión. Busco facelo o mellor posible cada semana e estou moi agradecido ao clube pola aposta que fixo o clube por min, así que pola miña parte non vai faltar nin traballo nin ilusión. É cedo tamén para falar do ano que vén, pese a que trato de facer un bo traballo e de que sexa valorado. O primeiro paso é traballar para que as cousas vaian ben, porque se a min me vai ben aos xogadores tamén e viceversa, e ao final o principal beneficiario é o clube, que é polo que todos remamos. O que pase no futuro, polo demais, non depende de min.

Desde Futbolinlugo desexamos a Fernando e ao Pol unha segunda volta chea de éxitos, máis que merecidos por unha afección e un concello entregados ao deporte local e á súa fomentación.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*