A catro conxuntos do fútbol modesto e da base lucense caeulles a «pedrea» no reparto dos ingresos televisivos e veranse beneficiados cunha determinada cantidade de cartos. Do total dos dereitos televisivos que aprobou a Asemblea da Real Federación Española de Fútbol, un 1% do total van parar cara o fútbol modesto. É aí onde os clubs lucenses máis destacados poden aproveitarse dun anaco moi pequeno da torta.

Na vindeira temporada o Racing Vilalbés terá un equipo xuvenil na División de Honra e outro na Liga Nacional

O máis recompensado neste senso é o Racing Vilalbés que recibirá 27.500 € polo seu equipo de Terceira División (cantidade igual para todos os conxuntos da mesma división indistintamente da posición na clasificación ou de se conseguiran ascender ou non), xunto con 2.500 € polo xuvenil A que competiu a temporada pasada na Liga Nacional acadando finalmente o ascenso á División de Honra. Un total de 30.000 € para o conxunto da Terra Chá.

Outro dos que sae beneficiado é o CD Castro xa que, a pesar do seu descenso á Preferente, o que conta é a división na que se compite durante o curso 2016/2017. O equipo presidido por José Ramón Vega percibirá tamén 27.500 €. Pola súa banda, ao CD Lugo correspóndenlle 6.000 € pola presenza do cadro xuvenil na División de Honra.

Por último, o cuarto equipo que vai recibir cuantía por este motivo é o Calasancio. Ao equipo monfortino correspóndenlle tamén os 2.500 € por xogar na Liga Nacional xuvenil, aínda que descendera ao final de  temporada de categoría.

En total máis de 60.000 € que veñen parar ás arcas do fútbol lucense, concretamentes destes catro equipos que de seguro lles virán moi ben para as súas economías. A Asociación de Clubes Galegos de Fútbol (ACGF) xa amosou a súa satisfación por esta nova para o fútbol modesto galego, algo polo que viña pelexando dende hai tempo, xunto con outros organismos.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*