Na teoría fálase de moito, pero na práctica vese a realidade. Cando teoría e práctica non coinciden, quizais sexa porque a teoría non é quen de previr exactamente o que vai pasar. Sobre o papel, e condicionado polo seu descenso a temporada pasada dende a Primeira Galicia, a SD Antas era un equipo dos chamados a estar na parte alta no grupo sur da Segunda Rexional. Non obstante, o club está situado na décimo segunda praza da clasificación con 16 puntos. Logo do parón da pasada ponte, a vindeira fin de semana xogarán o derbi diante do filial do Monterroso que se atopa nunha mellor situación na táboa. Pero todo ten un porqué, e no Castro Seoane tamén; é unha época de reconstrucción, de aplicar na práctica o que se pensa na teoría. Un proceso deportivo que encabeza Diego Gallego, deixou a competición sénior para afrontar o difícil reto de comezar un proxecto dende cero.
FUTBOLINLUGO: Nun primeiro momento todos vían ao Antas como un candidato ao ascenso, dende dentro do equipo tamén se vía así?
DIEGO GALLEGO: Neste ano produciuse un cambio a nivel directiva que non afectou a parcela deportiva, pero en todo cambio de proxecto hai unha transición. No aspecto deportivo pasamos de ter o equipo na Primeira Galicia, prescindiuse do filial (que competía na Terceira) e creouse só un único equipo co cobxectivo de apostar pola xente da casa que fose compremetida e darlles a oportunidade. A idea que había antes era ter un equipo en Primeira máis competitivo e outro en Terceira para foguear aos rapaces. Ao saír só cun equipo, houbo unha transición na que moitos xogadores deixaron de xogar ou se foron para veteráns, como no meu caso.
«Quedámonos ca xente que verdadeiramente quere estar»
FIL: Houbo entón, un cambio amplo no cadro de xogadores?
DG: Da xente que compoñía o primeiro equipo, quedan tres. Agora o equipo está formado por toda esa xente sub 23 que o ano pasado competía en Terceira, aínda que algúns xa debutaran co primeiro equipo. É un grupo moi novo con pouca experiencia. Quedámonos ca xente que verdadeiramente quere estar; a idea é sentar unha base no club a longo prazo.
FIL: A perda do filial vén só por ese tema ou tamén pola falta de xogadores?
DG: Un pouco por todo. En Terceira tampouco se estaban cumprindo as expectativas porque o nivel era moi baixo. E a raíz de quedar poucos efectivos no primeiro equipo, tamén se buscou máis esa estabilidade. Na nosa canteira hai xente de toda a comarca, decidiuse apostar por ela, neste caso xogadores que levan dende xuvenís. A idea é con eles comezar un proxecto de cero e asentar unhas bases sen ningún obxectivo a curto prazo. Incorporar a futbolistas tamén é complicado, sobre todo vindo dun descenso e debido, tamén, a que os equipos da nosa zona móvense na nosa liga (filiais do Chantada e Monterroso, Palas,…). Tamén hai moitos que estiveron, que agora están fóra e que sempre poden regresar.
FIL: Porque veu ese cambio de directiva?
DG: Moitos dos xogadores tamén éramos directivos o ano pasado e tomamos a decisión de darllo á xente que tivera un pouco máis de tempo. Collérono algúns pais que teñen os pequenos na escola, máis algunha xente que estaba xa con nós. Sabemos como é o fútbol, hai que ter moita paciencia. Eu considero que se eles non entran, ao mellor, Antas quedaría sen nada.
«Cóstanos xestionar á hora de competir que sexa un grupo moi novo»
FIL: Aínda que falas máis dun proxecto a longo prazo, para esta temporada en concreto, cal é o obxectivo?
DG: Dende a directiva o que buscaban, como dixen, era crear un proxecto de cero. Houbo bastantes movementos na pretemporada coa marcha de xente importante como Xurxo ou Nando. Ca temporada xa iniciada marcharon Pallares e Zasky. Polo tanto, como a idea é a longo prazo, non nos marcamos o obxectivo do ascenso porque sabemos que non temos capacidade para iso. O propósito é gañar esa experiencia para competir o mellor posible. Cóstanos xestionar á hora de competir que sexa un grupo moi novo. Non vou dicir tampouco que se descendemos non pasa nada, pero temos que medrar día a día que será o que nos poña a cada un no seu sitio.
FIL: Aínda así a primeira xornada comezou dunha maneira inmellorable, vencendo no derbi ante o Palas, cres que iso lle puido facer dano o equipo?
DG: Na primeira xornada os rivais e a xente descoñecían que había esta fuga de xogadores. Gañouse ese partido e non axudou a nivel prensa e externamente. Internamente, somos conscientes dende o primeiro día das nosas capacidades. Os rivais motívanse un pouco máis ao ver que es un equipo recén descendido. No noso caso vexo unha situación moi similar a da Milagrosa que tamén renovou o seu equipo. Descende, fai transición e tira dos xogadores da casa. A nosa xente necesita o seu tempo.
«Nos últimos anos nunca se lle pagou a ninguén por xogar»
FIL: E como se están dando as cousas ata agora?
DG: Cando comezamos en xullo identifiqueime ca xente do club. Non se primou certa calidade dos xogadores á hora de escoller con quen queríamos contar todo o ano; primáronse outras cualidades como ese carácter de grupo e de compromiso. Nestes últimos anos nunca se lle pagou a ninguén por xogar, importaban máis outras historias como o grupo ou o traballo. A xente que quedou leu moi ben o que se quería, o 90% do grupo estivo presente na pretemporada. Adestramos dous días á semana e a xente que está fóra estudando ou traballando é capaz de vir adestrar. Non me sorprende ter 16 puntos porque creo moito no que se fai. Incluso polo que levamos visto ata agora eses puntos se me quedan curtos. Fomos capaces de competir en todos os encontros en función do resultado.
FIL: O grupo sur está deixando tamén algunha que outra sorpresa…
DG: É unha liga moi igualada que vai estar moi competida ata o final, a excepción do Chantada e do Oural que colleron un pouco máis de distancia, inlcuso o terceiro podería subir se non o fai o primeiro equipo do Chantada. O descenso dependes de arrastres, estás nun punto, dous… Nesta categoría os rivais son moi similares, a excepción de dous ou tres equipos que poden ter algún xogador que marque algo máis a diferenza, non hai apenas distincións.
FIL: Da a sensación de que queres para o Antas un proxecto similar ao que comentaba hai unhas semanas Juan Rodríguez para o seu Chantada, un proxecto de pobo?
DG: Juan adestrou aquí en Antas. Realizan algo moi similar. Ca peculariedade de que Antas é un pobo moi pequeno. Os xogadores repártense entre Palas, Monterroso e Antas. Todos somos coñecidos, vai por épocas. Chantada nese sentido xa ten máis xente. No noso caso hai escolas de fútbol nos tres pobos, deberían facer algo unificado que o fin e o cabo farase. Eu chamaríalle proxecto de filosofía de club. Esa xeración de xuvenís que tiñas hai cinco anos, agora están tirando e cando ves aos infantís ou cadetes dis ti «estes dentro de cinco ou seis anos son os que teñen que tira por isto para que non morra».