Esta semana estivo marcada polos movementos do mercado. Renovacións, marchas, retornos e sorpresas levan sendo protagonistas desde fai varios días, e hoxe non será menos. Chega unha nova edición do Diario dun Mercado moi cargadiña, especialmente en canto á Primeira Galicia.

Porén, comecemos pola Terceira División. Como anunciabamos onte, o defensor chairego Dani Montes deixa a Sarriana para incorporarse á disciplina do Viveiro CF, que xa fixo oficial a súa fichaxe. Precisamente na vila natal de Dani Montes, o Racing Villalbés renova ao mediapunta betanceiro Ángel Fernández. Con el coincidirá Aitor García, rapaz formado nas categorías inferiores dos da Madalena e que, tras tres anos nos que foi de menos a máis no Ribadeo, volve ao Racing.

O Ribadeo, que competirá na Preferente un ano máis, perde así a un dos seus grandes pilares e terá que reforzarse nunha liga que se presenta moi igualada e na que haberá grandes rivais. Por exemplo, o Atlético Escairón, que todo apunta a que renovará ao técnico Montoto na nova etapa dos do Saviñao en Preferente. Tamén, Omar renova na Sarriana, e o focense Antón Eijo fará a pretemporada coa SDC Residencia.

Josito Jul, no seu paso polo CD Lugo.

Unha categoría máis abaixo, na Primeira Galicia, a SD Outeiro de Rei tratará de conseguir o ascenso da man do adestrador Josito Jul e o seu segundo Quiroga, que renovarán (a falta de confirmación oficial) logo dun ano no que fixeron as cousas ben pero o salto de categoría escapouse. Dous clubes que si conseguiron o ascenso foron o Sporting Pontenova e o Portomarín, que competirán co Outeiro de Rei na Primeira. Para facelo, os da Mariña refórzanse con Adrián Pasarín, que volve ao clube logo do seu paso polo Astur Vegadense, mentres que os do Chao da Poza renovan aos capitáns Cachón, Fabio e Sanfiz.

Por último, en canto ao fútbol feminino, o Carballedo CF afrontará a súa terceira campaña na Segunda Galicia, na que estarán de novo presentes as tres capitanas do equipo: María Varela, Noelia Mazaira e Alba Lobelle. 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*