Co punto e final ás competicións nesta 2019/2020, os distintos clubes comezan a pensar na 20/21. Xogadores, adestradores e directivas están a tomar as decisións que determinarán o futuro de cada un na vindeira temporada.

Así, hoxe traemos unha nova edición do Diario dun Mercado, e vén chea de despedidas. Por exemplo, a que protagoniza Unai Merino no Polvorín. O gardamallas vasco asinara o pasado verán polo conxunto albivermello logo de obter o premio do concurso organizado por Soloporteros, no que porteiros de todo o país pelexaron por un contrato profesional. Un ano despois, Unai pon fin a esta etapa. Tamén na Terceira División, o defensa chantadino Pedro Delgado asina polo CSD Arzúa, un clube que vén de firmar unha magnífica campaña na categoría.

Outra saída, neste caso na Preferente, é a de Hugo Buide. O xogador de Castro de Rei deixa a Sarriana despois dun ano na Ribela, no que anotou cinco goles. E tamén na Primeira Galicia di adeus un adestrador moi querido no sur da provincia: Juan Rodríguez abandona a disciplina da SD Chantada logo da súa segunda etapa no Sangoñedo, que durou catro anos. O técnico do primeiro equipo da SD pecha así un exitoso ciclo no que tamén traballou como coordinador do clube e no que tan só faltou a culminación co ascenso á Preferente nesta 2019/2020.

Por último, na Segunda Galicia Norte, o centrocampista David Celeiro despídese do Celta Barreiros tras ser un xogador importante para os mariñanos nesta última campaña.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*