Cun número capicúa comezamos os diarios «despois do All Star». Tras teren abandonado durante uns días os movementos do mercado, acumúlanse as novas. Renovacións, despedidas… sorpresas e moito máis nesta edición!!Na Terceira División, o Racing Villalbés non contará con Denis nas súas filas na próxima campaña, e na Preferente, o gardamallas da Sarriana Ayoub Atib deixa o equipo para incorporarse á dinámica do Alondras. A boa temporada e o traballo do gardameta permítenlle saltar de categoría.

Xa na Primeira Galicia, o CD Castro contará nas súas filas con Pete, recén saído dos xuvenís dos chairegos. Tamén hai movementos na entidade que nos acolleu o pasado sábado, a SD Burela. Os da Marosa anunciaron a volta de David Ben, un dianteiro que está afeito a atoparse entre os máximos goleadores das ligas nas que compite (ata o de agora, Nacional xuvenil, Galega xuvenil, Preferente Norte co Viveiro ou en anos anteriores na base da SD Burela). Asemade, todo apunta a que Diego Chao vestirá a indumentaria verde na 19/20.

Falando agora da Segunda Galicia, o CD Palas xa ten novo adestrador: Iván F. Carril «Karanka» dirixirá aos dos Chacotes nunha temporada na que tratarán de conseguir o ascenso que se lles escapou nos últimos partidos esta campaña que vén de rematar. O CD Xermade, pola súa banda, atópase a piques de confirmar a fichaxe de Laguardia, «o jabalí da Paidavella» segundo as redes do propio clube. No que atinxe ao fútbol feminino, Sara Fernández renova no Carballedo!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Santi Real

Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*